Cada vez hai máis xabarís en Galicia: estas son as causas e a súa relación coa peste porcina

Factores como a perda de depredadores e a actividade humana impulsa a sobrepoboación da especie e aumenta o risco sanitario para a produción galega

Dende o anuncio realizado o pasado venres polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre a presenza de peste porcina africana en España, esta enfermidade animal converteuse no novo foco de atención. O seu rexurdimento, despois de erradicarse en 1994, atribúese a un posible bocadillo de embutido procedente do estranxeiro contaminado co virus, tirado nunha papeleira e consumido por xabarís que se alimentan do lixo humano na zona do parque natural de Collserola (Barcelona). Pero, que podería suceder en Galicia?

A sobrepoboación de xabarís no territorio podería favorecer unha expansión máis ampla e rápida da peste porcina. “Cantos máis exemplares haxa, máis doada será a transmisión”, explica Serafín González, edafólogo do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. Segundo indica, os xabarís enfermos teñen unha mobilidade moi reducida, polo que a propagación só pode explicarse pola intervención humana, aínda que sexa de maneira involuntaria.

Catalogada por moitos como a “peor pandemia animal da historia“, a peste porcina africana entrou en España a través do xabaril. Aínda que en Galicia non se rexistrou polo momento ningún foco, o sector porcino galego xa sofre as consecuencias: Xapón cancelou de maneira masiva pedidos de carne, e a Federación Galega de Porcino (Fegapor) advirte dunha posible caída dos prezos.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, transmite unha mensaxe de “calma e tranquilidade” pola distancia do foco principal. Subliña que, polo de agora, os casos rexístranse unicamente en fauna salvaxe e que “non afecta a ningunha granxa de porcino nin en Galicia nin en Cataluña”. Aínda así, insiste na necesidade de extremar as medidas de bioseguridade. Entre elas, a Xunta decide incrementar as batidas de xabaril nas comarcas con máis granxas para previr a enfermidade: Xinzo (Ourense), Deza (Pontevedra), Terra Chá (Lugo) e Betanzos (A Coruña).

Publicidade

Por que hai máis xabarís?

Son varias as razóns polas que hoxe existe unha poboación moito maior de xabarís en Galicia en comparación coas cifras de hai 30 anos, cando a enfermidade fora erradicada por última vez. “A situación era moi distinta hai tres décadas. Agora hai unha sobredensidade de porco bravo, sostén o profesor de Sanidade Animal da Universidade de Santiago (USC) José Manuel Díaz Cao. Un dos factores clave é o cambio no uso do territorio: o abandono de certas superficies agrícolas e da gandería extensiva deu lugar a máis zonas de mato, un hábitat idóneo para especies como o xabaril e o corzo.

A isto súmase unha maior dispoñibilidade de alimento, que facilita que estes animais mesmo se acheguen ás contornas humanas. “Moitas veces aliméntanse a costa dos agricultores”, apunta Serafín González. Ao chegar aos prados, os xabarís atopan recursos abundantes, o que lles permite reproducirse cunha rapidez crecente.

Porén, un dos factores máis determinantes é a perda de depredadores naturais. Por unha banda, a aguia real atópase nun estado de conservación delicado; por outra, a Xunta de Galicia mantén a súa oposición á prohibición xeral da caza do lobo, argumentando que as súas poboacións están nun estado favorable ou estable. Pero a sobredensidade de xabarís supera a capacidade de control dos seus depredadores: “O que faría falta é unha maior presenza de lobo para controlalo”.

Riscos fronte á PPA no medio natural

“A peste porcina africana en porcos bravos avanza moi lentamente dende o leste de Europa“, indica o presidente da SGHN. Nun primeiro momento, a enfermidade apareceu en países como Rusia e Bielorrusia, onde xa se converteu en endémica. De maneira natural progresa con moita lentitude, pero as intervencións humanas involuntarias aceleran a súa expansión.

Así, poden darse distintos escenarios. Por exemplo, un cazador que abate un xabaril nunha zona e despois se despraza con armas e roupa a outro lugar pode transportar o virus sen sabelo, no caso de que o animal fose portador. Mesmo deixar os cadáveres dos xabarís nos montes, algo criticado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), contribúe á propagación, pois describen estes corpos como “auténticas bombas víricas”.

O problema non se limita á fauna salvaxe. España é o terceiro produtor mundial de carne de porco e o primeiro da UE, polo que a sobrepoboación tamén é evidente nas granxas. “Se chegase a Galicia, sería moi difícil de controlar polas explotacións de autoconsumo”, sentenza o profesor da USC Díaz Cao. A isto súmase o constante movemento de mercadorías, que facilita a transmisión de enfermidades nunha industria porcina “sobredimensionada”, segundo Serafín González. De feito, ADEGA advirte que a expansión pode comezar con “malas prácticas no manexo, transporte e concentración do gando nas macrogranxas”.

Medidas para superar a sobrepoboación

Serafín González e ADEGA empregan a expresión “barra libre” para describir os actuais controis de poboación de xabarís en Galicia. O porco bravo pode cazarse en calquera momento do ano, aínda que os expertos non consideran esta a mellor solución. “Se se cazan porcos bravos, pode aumentar a taxa de reprodución“, advirte González.

O investigador insiste en que a chegada da peste porcina a Cataluña non foi un proceso natural, senón consecuencia directa dos “erros humanos”. Entre os países que adoptaron medidas rigorosas para frear a expansión da enfermidade está Suecia, que alerta a cidadanía para que non deixe alimentos nin residuos no medio natural e mesmo instala tapas nas papeleiras, para evitar situacións como a do bocadillo de Collserola. “Non aplicar estas medidas facilita que os porcos bravos aumenten e poidan infectarse”, explica. Basta con que un alimento contaminado procedente dunha persoa que estivo de vacacións en Polonia ou dun camión de transporte de gando chegue á contorna salvaxe para xerar un foco.

A sobredensidade de xabarís é especialmente acusada nas grandes fincas de caza maior, onde se ceba aos exemplares. No resto dos espazos, aliméntanse de maneira natural. “Hai moitos máis que antes, sen dúbida”, subliña González. Ademais das medidas humanas, tamén é fundamental a presenza dos seus “aliados naturais”: os depredadores.

Unha mensaxe de tranquilidade: non contaxia aos humanos

Aínda que o xabaril pode actuar como transmisor da peste porcina africana, hai un aspecto que permite manter a calma: non se trata dunha zoonose. É dicir, o virus non se transmite nin aos seres humanos nin a outras especies animais. Así, neste contexto, as especies realmente afectadas son dúas: o xabaril e o porco.

A seguridade esténdese aos produtos cárnicos. Mesmo no caso de consumir carne de animais infectados, isto non suporía ningún risco para as persoas. Porén, malia décadas de investigación, e debido á escasa eficacia das vacinas de subunidades, vectorizadas ou baseadas en virus inactivados e proteínas recombinantes, actualmente non existe ningunha vacina comercial contra a PPA.

Con todo, segundo publica Axencia SINC, no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa (CBMSO), vinculado ao CSIC, estanse probando prototipos vacinais en Asia con resultados moi prometedores, co obxectivo de frear a rápida expansión do virus. “É probable que, antes ou despois, a PPA chegue a Galicia, non pola fauna salvaxe, se non, como aconteceu en Cataluña, polos embutidos contaminados dun bocadillo“, advirten dende ADEGA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os riscos da peste porcina en Galicia: “Sería moi difícil de controlar polas explotacións de autoconsumo”

O profesor da USC José Manuel Díaz Cao cre que o aumento das poboacións de xabarís nas últimas décadas complicaría a erradicación da enfermidade

Case o 11% da Rede Natura de Galicia resultou arrasada polos incendios de agosto

Os datos do sistema europeo Copernicus recopilados por Adega revelan que os lumes queimaron 37.000 hectáreas de espazos protexidos, a maior afección do século

Do lume ao risco de erosión: as chuvias que apagarán os incendios tamén ameazan o solo queimado

As precipitacións anunciadas para esta semana poden arrastrar as cinzas das zonas afectadas, coa conseguinte perda de nutrientes e contaminación das augas

Labores forestais causan un “grave impacto” nas mámoas protexidas de Penarrubia, en Lugo

Adega e Mariña Patrimonio denuncian ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o dano provocado polos traballos de corta nos xacementos arqueolóxicos