O mércores 26 de novembro acháronse dous xabarís mortos nas inmediacións da serra de Collserola, na provincia de Barcelona. Dous días despois confirmouse a causa da morte: a peste porcina africana, un virus cunha alta taxa de letalidade en xabarís e porcos. Malia que non pode transmitirse a humanos, as consecuencias para o gando porcino e o salvaxe poden ser devastadoras, incluso dende o punto de vista económico. De momento, o foco está centrado en Cataluña e estase intentando conter a enfermidade para evitar a súa expansión a outras comunidades autónomas. “Se chegase a Galicia, sería moi difícil de controlar polas explotacións de autoconsumo”, sentenza o profesor de Sanidade Animal da Universidade de Santiago (USC) José Manuel Díaz Cao.
Segundo continúa explicando, as pequenas explotacións familiares supoñen maior risco, dado que están en máis contacto coa fauna silvestre. Tampouco teñen estritas medidas de bioseguridade, como si acontece coas granxas en intensivo. Isto podería complicar o labor de control e vixilancia no caso de que o virus, que levaba dende 1994 erradicado en España, chegase a Galicia. “É o que acontece na illa de Sardeña. A enfermidade persiste porque circula na fauna silvestre e é moi difícil de controlar cando chega ás explotacións de autoconsumo. O que hai que intentar e previlo no primeiro momento e conter o máximo posible o foco“, sinala Díaz Cao.
Moita poboación de xabaril
“En Galicia hai bastante densidade de xabaril e iso tamén sería problemático”, engade o profesor da USC. Os animais salvaxes, máis difíciles de controlar que os domésticos, poden actuar como reservorio do virus, o que complicaría a súa erradicación. “A situación era moi distinta hai tres décadas. Agora hai unha sobredensidade de porco bravo“, sostén. O feito de que haxa máis animais salvaxes que poden enfermar e transmitir a enfermidade, aumenta o risco para o gando doméstico, especialmente no gando porcino extensivo e no de autoconsumo, dado que nas granxas intensivas é máis fácil de controlar. Iso si, a medida pasa polo sacrificio de todos os animais, dado que non existe vacina nin ningún outro tratamento efectivo contra a peste.
A enfermidade é tan fácil de contaxiar que adoita producir unha mortalidade moi alta en tempo récord. O proceso é “bastante rápido” e cursa con febre alta e lesións hemorráxicas na pel. Non obstante, a detección dos síntomas é tan só unha forma de entender que non hai nada que facer polos animais infectados. “Transmítese por contacto con porcos ou xabarís enfermos e a súa difusión dentro do rabaño é moi rápida. A taxa de mortalidade pode chegar ao 90% en animais novos ou en cepas moi virulentas”, afirma Díaz Cao. Malia que a taxa pode ser inferior, o certo é que non adoita haber esperanza para os porcos infectados.
Un bocadillo contaminado?
A peste porcina africana lográrase erradicar en España hai 30 anos, pero é endémica nalgunhas zonas de Europa. Esa pode ser a explicación de que o virus penetrase as fronteiras e volvese acender as alarmas no sector. Este luns, o conselleiro de Agricultura, Gandería e Alimentación da Generalitat, Òscar Ordeig, apuntou a un bocadillo cun embutido contaminado como posible inicio do foco. Os xabarís puideron consumir a carne en mal estado e enfermar, dado que é unha zona onde circulan moitos camións e hai áreas de servizo. Díaz Cao agarda pola secuenciación do virus, pero tamén apunta ao mal estado de produtos cárnicos como principal hipótese.
A enfermidade está presente na Unión Europea dende que entrou aos países bálticos e a Polonia procedente de Rusia en 2014. Ata o de agora, España logrou manterse libre de virus, pero outros países veciños xa rexistraron casos en xabarís silvestres e, incluso, en porcos domésticos. Segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, hai 13 estados afectados: Italia, Alemaña, Polonia, Estonia, Letonia, Lituana, Eslovaquia, República Checa, Hungría, Grecia, Romanía, Bulgaria e Croacia. “Nos Balcáns están a ter casos en gando doméstico. Hai que secuenciar o virus de Cataluña para saber cales foron os movementos e se procede dun país onde a enfermidade é endémica”, apunta Díaz Cao.
Medidas urxentes
Entre as medidas que se deberían adoptar, o investigador apunta á retirada de xabarís mortos, evitar ao máximo os movementos de persoas que poidan servir de vehículo de transmisión e facer unha inspección minuciosa para conter a enfermidade o antes posible. Ademais da Unidade Militar de Emerxencias (UME), hai máis de 300 efectivos traballando en labores de control na zona cero, segundo informa El País. Unha da medidas adoptadas para evitar que o virus entre nas granxas foi cortar os camiños da fauna, tanto con vallas como con químicos, para que os xabarís non estendan o virus. Amais disto, o Ministerio activou o plan de loita contra a peste porcino, o que implica a delimitación da zona infectada e a prohibición da caza, máis alá das medidas anteriormente mencionadas.
As consecuencias dende o punto de vista da Sanidade Animal poden ser devastadoras, dado que a peste porcina arrasa os rabaños sen que se poida facer nada máis que sacrificalos. Dende o punto de vista económico, os resultados tamén preocupan enormemente ao sector. Segundo datos facilitados polo Ministerio, España é o primeiro produtor de carne de porcino da UE e o terceiro do mundo, e exporta anualmente por valor de 8.800 millóns de euros. A contención do virus nestes primeiros momentos é crucial para evitar a súa dispersión, a mortalidade imparable en animais salvaxes e de granxa e, tamén, para evitar un forte impacto económico.














