É a caza unha medida eficaz para controlar as poboacións de xabarís? Isto opinan os expertos

Algunhas voces apuntan que nunha emerxencia cinexética as batidas favorecen a reprodución do porco bravo

En España hai más dun millón de xabarís e o número podería duplicarse en 2025. Galicia é unha das comunidades onde se evidencia o fracaso do control deste animal que perdeu medo ao ser humano e ás zonas urbanas, e que pasea tan tranquilamente polo centro da Coruña. Son varias as razóns polas que o porco bravo abandona o seu hábitat, pero a principal e na que coinciden os expertos na materia radica no despoboamento rural e no cambio dos usos do solo en toda Europa. Existe máis discrepancia acerca das medidas máis eficaces para combater esta superpoboación que pon en perigo ás persoas, os animais e cultivos. A solución controvertida é a caza. Unha parte do academicismo defende que a caza é a mellor opción para controlar os animais, pero outra cre que as consecutivas emerxencias cinexéticas decretadas polas institucións, como no caso de Galicia que xa vai pola terceira, demostran que non funciona. Incluso, hai voces que sinalan que pode favorecer a reprodución dos xabarís.

Nas últimas décadas aumentou a presenza destes mamíferos en moitas cidades europeas relacionada co cambio nos usos do solo, as aldeas baléiranse e o xabaril atopa unhas condicións óptimas para sobrevivir. Por exemplo, os cultivos de millo ofrécenlles refuxio e alimento. “Se faltan persoas que deixen de practicar agricultura tradicional, non hai barreiras que lles impidan aos xabarís pasar dun sitio a outro”, explica o veterinario da Universidade de Santiago (USC), Luis Eusebio Fidalgo, que é presidente da Federación Galega de Caza. Dende o seu punto de vista, o despoboamento rural e os cultivos intensos favorecen que os xabarís pasten de maneira libre, estraguen as plantacións agrícolas e irrumpan nas carreteiras provocando accidentes de tráfico. O obxectivo dos animais é atopar alimento e nas cidades atopan manxares nos lixos ou incluso, as persoas dánlles de comer.

Publicidade

Este sábado 16 de setembro entra en vigor a norma decretada pola Xunta que permite a caza sen “límite” en 248 concellos, o 80% de Galicia, para asegurar o control da especie. O veterinario da USC apunta que a caza é a “mellor opción” pero “hai que adaptar” as medidas de control ao lugar no que se producen estes sucesos. “As armas e as batidas con cans non se poden facer en calquera sitio. Nalgunhas zonas hai que utilizar postos fixos de arqueiros ou empregar gaiolas. Na periferia, cos xabarís que entran a Santiago ou Lugo, evidentemente, hai que recurrir a outros sistemas que tamén son caza”, sostén. Desta forma, durante a vixencia da declaración poderase abater ou capturar xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas e crías. Na tempada 2022-2023 abatíronse uns 19.000 exemplares segundo datos da Xunta.

“Queixámonos das poboacións do porco bravo pero non protexemos o lobo, que é quen nos axuda a controlalo”

SERAFÍN GONZÁLEZ, biólogo do CSIC

Serafín González, biólogo e investigador no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) sostén que as batidas provocan unha desestruturación dos grupos familiares. “Pode aumentar a taxa de reprodución das femias que sobrevivan, de maneira que aumentan os grupos poboacionais”, alega. Na mesma liña, a Fundación Franz Weber emitiu un comunicado no que expoñen que “Liberalizar a caza de xabarís xerará un efecto rebote poboacional”, baseado en estudos internacionais que advirten que as batidas intensivas contribúen a ensanchar estas poboacións de animais silvestres. Os traballos sobre a proliferación do porco bravo subliñan a falta de depredadores. O seu é o lobo, o único que pode controlar os xabarís. A Xunta de Galicia rexeitou a inclusión do lobo no Listado de Especies en Protección Especial (Lespre). “Queixámonos das poboacións do porco bravo pero non protexemos o lobo, que é quen nos axuda controlalo”, apunta o biólogo.

Publicidade

Existe risco pola peste porcina africana?

Hai dous anos, cando a Xunta de Galicia decretou a emerxencia polo xabaril, xustificou a decisión polo risco de dispersión de certas enfermidades como a peste porcina africana. En opinión de Serafín González é unha “escusa” tendo en conta a situación actual. Apunta ademais que o control por parte dos cazadores onde existe peste porcina pode ser contraproducente para a expansión da propia enfermidade, e incide na importancia de reparar na fronteira de distribución. “Os estudos indican que o porco bravo que contén peste porcina africana apenas se despraza. A expansión da peste é moi lenta e o animal tende a morrer nun radio de moi poucos quilómetros”. O catedrático de Sanidade Animal no Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos, Christian Cortázar, apunta nun artigo en The Conversation que o xabarín aumenta o risco para a saúde pública. Ademais, alega que a extracción de exemplares mediante a caza “debería superar o 65% da poboación se se pretende compensar o recrutamento anual”. O que significa que habería que cazar dous terzos da poboación para conseguir frear o seu crecemento.

Non existe un censo de xabarís en España, co cal, se descoñece cantos exemplares hai en Galicia na actualidade.

  1. Outro item a ter en conta é a limitación do dereito dos cidadáns a moverse libremente ao estaren os camiños inzados de xente armada.

  2. Se somos mais racionais, algo do que nos gabanos como especie, non habería estes problemas. Ocupamos o seu oco na natureza e logo queixamonos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Máis de 2.500 sinaturas esixen á Xunta que declare o salmón “en perigo de extinción”

Cinco entidades ecoloxistas reclaman que a administración galega "asuma a súa responsabilidade" e protexa a especie

Xurxo Mariño recibe o Premio de Divulgación da RAGC: “A cultura científica contribúe nunha cidadanía crítica”

O galardón recoñece o labor do investigador da Universidade da Coruña, que leva máis de tres décadas difundindo coñecemento científico dende Galicia

Galicia amplía a cobertura da vacina reforzada contra a gripe e adianta a do sarampelo aos dous anos

A inmunización contra o virus respiratorio comezará a administrarse na próxima campaña á poboación xeral de entre 65 e 69 anos

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo