O Consello da Xunta acordou este luns ampliar a poboación diana de dúas vacinas reforzadas: a da gripe e a do sarampelo. A primeira, que ata o momento se destinaba a maiores de 60 anos que vivían en residencias ou a poboación xeral de máis de 70, pasará a administrarse no tramo de idade dos 65 aos 69 anos. No caso do sarampelo, a vacina reforzada comezará a inocularse aos dous anos e non aos tres, co obxectivo de dar resposta á repunta de casos de infeccións provocados por este virus.
Maior protección
A próxima campaña da vacina contra a gripe xa incluirá a nova poboación diana, que se incrementará nun 35%: pasa de 540.000 persoas na actualidade ás 730.000. Segundo anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para levar a cabo esta medida tamén se incrementou a partida para adquirir vacinas reforzadas para a próxima campaña, cun investimento de preto de nove millóns de euros.
A vacina reforzada de alta carga contén máis antíxenos, o que contribúe a fortalecer a resposta inmunitaria do sistema, ademais de garantir unha maior protección fronte ao virus. Isto resulta decisivo naqueles grupos de poboación que contan cun sistema inmunolóxico máis vulnerable, como poden ser as persoas de maior idade. O obxectivo desta medida é reducir a mortalidade, a morbilidade e o impacto da enfermidade da gripe entre a poboación, ao tempo que optimiza os custos socioeconómicos asociados.
Segundo os datos achegados pola Xunta, na última campaña contra a gripe rexistráronse 883.892 persoas vacinadas e melloráronse os datos de cobertura en todos os grupos de idade e na poboación diana. Tamén se incrementou nas mulleres embarazadas, que superou nesta última campaña o 50%. En canto aos maiores de 65 anos, a porcentaxe de vacinados achegouse ao 73% e na poboación infantil, ata os 11 anos, superou o 54%.
Modificación do calendario infantil de vacinación
No que respecta á vacinación contra o sarampelo, a Xunta comezará a administrar a de reforzo aos dous anos. Esta decisión vén motivada tras a declaración da Organización Mundial da Saúde, a finais de xaneiro, de que España xa non é un país libre da enfermidade. Así é que a partir de maio se modificará o calendario de vacinación infantil galego, que manterá a administración da vacina aos 12 meses —que é denominada triplevírica por incluír tamén protección fronte á rubéola e a parotidite— e adiantarase a segunda dose aos dous anos. Neste caso, coincidirá en calendario coa vacina da varicela e, polo tanto, administrarase a versión tetravírica —que protexe fronte ao sarampelo, á rubéola, á parotidite e, tamén, á varicela—.
Desde maio, no centro de saúde habitual, todos os nenos e nenas nados desde o 1 de xaneiro de 2024, cando fagan dous anos, recibirán a vacina tetravírica. Do mesmo xeito, os nados desde o 1 de xaneiro de 2023, que non estean vacinados, recibirán a vacina tetravírica aos tres anos para completar o seu calendario.
O 95% da poboación infantil vacinada
É de destacar que Galicia presenta unha elevada cobertura vacinal contra o sarampelo na poboación infantil. Roza o 95% de nenas e nenos coas dúas doses, o cal supón unha elevada protección contra a transmisión da enfermidade. En todo caso, a Consellería de Sanidade mantén a vixilancia epidemiolóxica do virus. No que vai de ano, ata a primeira semana de abril de 2026, foron notificadas catro sospeitas de sarampelo que posteriormente foron descartadas. En Galicia, desde o ano 2021 só se detectaron dous casos confirmados de sarampelo, ambos en 2024, un deles importado e o outro vinculado epidemioloxicamente ao primeiro. Non se detectaron neste período máis casos desde 2024.
Con todo, débese recordar a necesidade de reforzar a vacinación nalgúns colectivos, como o de sanitarios, viaxeiros e persoas migrantes ou traballadores temporeiros, coa fin de aumentar a protección da poboación fronte á aparición de casos esporádicos. Do mesmo xeito que se viña producindo ata agora, a Consellería de Sanidade lembra que calquera persoa, maior ou menor de idade, que non teña completo o seu calendario vacinal pode solicitar no seu centro de saúde a vacina que lle falte. Desde a Dirección Xeral de Saúde Pública recoméndase ás persoas non vacinadas con anterioridade fronte ao sarampelo que pidan cita de enfermaría a través da aplicación Sergas Móbil.















