O xogo dos birlos é parte da infancia de moitos galegos e galegas e, con iso, unha fonte de lembranzas e cultura tradicional. Hoxe, a Xunta declara esta actividade como ben de interese cultural, na categoría de patrimonio inmaterial, en recoñecemento ao seu papel como un dos xogos populares e tradicionais máis importantes da historia de Galicia. A declaración farase oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
O expediente recoñece esta práctica pola súa capacidade para favorecer valores identitarios, fomentado a adhesión ao propio e impulsando a sociabilidade e a integración social. Tamén ten en conta a súa capacidade inclusiva a través do desenvolvemento de habilidades como a memoria, o razoamento lóxico, o compañeirismo e a cooperación. É, ademais, un entretemento accesible a nivel económico.
As normas do xogo
Este pasatempo está espallado por toda a xeografía galega e conta con diferentes graos de actividade. Malia ter variacións asociadas a diferentes zonas, en xeral mantén unha esencia estable: consiste en lanzar ou facer rodar unha bóla contra unha serie de paus —os birlos— co obxectivo de derrubalos e desprazalos o máis lonxe posible, conxugando a plasticidade no tiro coa forza, potencia e coordinación.
Esta práctica tradicional transmitiuse de xeración en xeración oralmente e polo exercicio mesmo do xogo. Este proceso atópase, na actualidade, nun punto crítico: a súa práctica e as persoas que a coñecen e realizan están diminuíndo, co risco conseguinte da desaparición das formas propias de cada zona.
Neste senso, a denominación do Xogo dos Bolos de Galicia (ou Bolos Celtas) comprende unha gran variedade de modalidades de pasabolo, entre as que destacan Bolos do Val Miñor, Bolos da Comarca de Viana do Bolo, Bolos de Xove, Bolos O Canteiro, Bolos en Liña, Bolos do Barbanza e Bolos A Cova.
Historia dos birlos
O xogo dos birlos desenvolveuse fundamentalmente no rural ata a Idade Contemporánea, cando se despraza ao ámbito urbano a causa do progresivo asentamento da industria moderna.
Os lugares de xogo estaban instalados tradicionalmente nas prazas das vilas ou diante das igrexas e as competicións consistían en xogar años, galos ou xerras de viño, entre outras. Tamén funcionaba este tempo de lecer como complemento festivo dos actos profanos da festa da parroquia, formando parte das relacións sociais e servindo de punto de encontro nos solpores da primavera ou do verán.
A expansión dunha tradición
O fenómeno emigratorio galego espallou este pasatempo, chegando a crearse asociacións na Arxentina e Uruguai. En Bos Aires xógase no Centro Galicia, no círculo Social Valle Miñor e no centro Cangas del Narcea, e en Montevideo practícase o xogo no Centro Social, Cultural e Deportivo de Bolos Valle Miñor. Outros países aos cales a emigración galega levou o xogo son Cuba, México ou Chile.
En Galicia, a práctica desta actividade comeza a esmorecer na década dos anos cincuenta do século XX. Coa fin de transmitila, impulsala e protexela no ano 1988 fúndase a Federación Galega de Bolos que incorpora, no ano 1992, o xogo do bolo celta ou tradicional.
Agora, grazas ao soporte cidadán a través de numerosos documentos de apoio á declaración, culmina un proceso iniciado en outubro de 2024 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude polo que, finalmente, os xogo dos birlos acada a denominación de interese cultural do patrimonio inmaterial de Galicia, o que eleva a 797 o número destes bens presentes na comunidade.















