O 18 de xullo de 1936 é unha data marcada no calendario na memoria colectiva. Ese día produciuse o estalido da Guerra Civil, un conflito no que, durante tres anos, se perderon máis de medio millón de vidas. Sería difícil coñecer o acontecido de primeira man se non existisen cartas, testemuñas orais ou diarios como o de Gerardo Fernández Rodríguez, coñecido como o de “Marianova”, natural do pequeno concello de Láncara, en Lugo. A través do tempo, o seu sobriño-neto Pablo Rivera Capón accede en exclusiva ás páxinas do seu caderno de guerra, ademais de reproducir conversas mantidas en vida co soldado do bando nacional.
“Aínda que non lle gustaba moito falar do seu periplo na contenda, sempre que o facía sinalaba que o seu destino podería ter sido o de calquera mozo da súa época, que non lle quedaba máis remedio que combater”, recolle nunha nota ao pé de páxina o tamén investigador da Universidade Nacional de Educación a Distancia, quen publica a análise do diario na revista Minius da Universidade de Vigo.
A infancia de Gerardo, nacido en xaneiro de 1918, desenvolveuse durante o golpe de estado de Primo de Rivera, o que dificultou o seu acceso a educación escolar básica, ligado dende cedo ás tarefas do campo. Con todo, o seu testemuño resulta de grande interese porque, segundo sinala o investigador, tiña os coñecementos necesarios para plasmar con detalle as vivencias que o rodearon como combatente. As páxinas permiten situar o protagonista en “todos os lugares da península ibérica polos que pasou e describiu con moita precisión”. Así, as andanzas do de “Marianova” comezan cando se presenta na caixa de recrutas de Lugo o 12 de maio de 1937 para alistarse, sendo destinado ao Rexemento de Infantería Zaragoza número 30.
Primeiros pasos como soldado
No Convento da Compañía de Monforte de Lemos é onde Gerardo dá os seus primeiros pasos como soldado. Alí recibe formación militar básica e instrución no manexo de armas, chegando a practicar co fusil Mauser Spezial. “Revela os procesos de alistamento e adestramento aos que se sometían os novos recrutas durante a Guerra Civil”, sinala Rivera Capón.
Tras esta preparación, o soldado galego acode por primeira vez á zona de combate de maneira involuntaria: tras un grave accidente en Villafranca do Bierzo, a expedición vese obrigada a recrutar 18 novos soldados destinados á fronte, entre os que se atopa Gerardo. O 10 de xullo inician un itinerario que os leva de Monforte a Valladolid e, posteriormente, collen o expreso en Ávila ata chegar a Madrid, onde contactan coas forzas regulares marroquís, integradas no bando franquista.

En Navalcarnero observa por primeira vez os desastres da guerra a causa dos repetidos bombardeos da aviación inimiga, e posteriormente son trasladados a Boadilla del Monte.“Neste momento o ataque da aviación republicana era tan intenso e as bombas caían tan preto, que facían tremer os mirtos do xardín no que se atopaban, como nas axitadas noites invernais”, describe o familiar, lembrando unha vivencia que quedou gravada na memoria do autor do diario. Durante estes desprazamentos constantes, os soldados víanse obrigados a descender dos vehículos en varias ocasións polos combates aéreos entre avións soviéticos e cazas alemáns e italianos. O 13 de xullo de 1937, esta tensión convértese en realidade: Gerardo entra por primeira vez en zona de combate.
Feridas de guerra
A batalla de Brunete foi unha das máis duras da Guerra Civil. O noso recruta chega a Romanillos, unha posición onde as altas eran elevadas. E así foi: un ataque con granadas de morteiro provoca un gran número de feridos nas súas filas e o de “Marianova” vése obrigado a trasladar a un compañeiro con pernas e brazos esnaquizados “que lle demandaba que o rematase pola aguda dor que padecía”, sinala o artigo.
Con todo, o 18 de xullo Gerardo tamén resulta ferido: a metralla dunha bala explosiva que rebota contra unha árbore incrústase no seu antebrazo esquerdo e no peito. “A ferida era leve”, explica Rivera na súa análise, polo que o soldado puido camiñar e incluso retirar a súa guerreira, ata que finalmente se desplomou mentres lle realizaban as primeiras curas. Así comeza o seu primeiro periplo hospitalario: de Boadilla a Getafe, onde lle extraen o fragmento de bala do brazo e pode incluso tomar un “estupendo tazón de café”. Posteriormente, un tren da Cruz Vermella trasládao a Plasencia e o día 20 chega a Sevilla, concretamente ao hospital militar de San Telmo.
Alí goza do “agradable ambiente sevillano” e visita o barrio de Triana, o cine Coliseo España e a Xiralda. Tamén recibe a primeira carta dos seus pais, “que lle custou moito traballo ler porque os seus ollos se encheron de bágoas”. O 25 de xullo, durante a súa convalecencia, a batalla de Brunete conclúe cun balance de 25.000 baixas republicanas e 13.000 do bando nacional. “Gerardo foi moi afortunado de saír con vida dunha das batallas máis duras da Guerra Civil”, sinala o seu sobriño-neto.

Ofensivas inesperadas
Gerardo xura bandeira o 28 de novembro de 1937. Entre os episodios que lembra da súa estancia no fronte destaca o bo viño de Navarra e o intenso temporal de frío, neve, sarabia e xeada na localidade de Maranchón, en Guadalajara. “Tiñan que romper o xeo e, antes de secar, xa tiñan o pelo conxelado”, apunta o autor. Neste contexto de dureza extrema, estala de maneira inesperada a ofensiva republicana sobre a cidade de Teruel. “Gerardo está presente nesta batalla de principio a fin”, recollen as súas memorias. Durante estes combates, chegaban a verse soldados soterrados baixo as lonas das tendas, cubertas por unha grosa capa de xeo e neve, nun escenario que provocou numerosas mortes por conxelación. A batalla conclúe o 8 de xaneiro de 1938 coa toma de Teruel polas tropas republicanas, aínda que a cidade volvería a mans nacionais o 6 de marzo.
En Huesca ábrese tamén unha nova fronte debido á forte liña divisoria entre bandos. Alí, Gerardo contempla “o regueiro de cadáveres xa consumidos pola cal e ocultos entre as herbas”. A partir dese momento, o avance continúa cara a Cataluña, con Lérida como obxectivo. O 1 de abril chegan ao río Noguera Ribagorzana, que marca a fronteira natural entre Cataluña e Aragón. Entre ofensivas imprevistas ao longo do camiño, acaban tomando a ruta da costa.
Durante o avance, as tropas de ambos bandos atópanse de forma inesperada fronte a fronte nun “idílico piñeiral”. “Foi un día de gran sorte, porque o inimigo non viña disposto a atacar”, recollía Gerardo Fernández Rodríguez no seu diario. Este episodio remata coa perda de case a metade da compañía, entre mortos, feridos e desaparecidos. Con todo, o 1 de xullo Gerardo resulta ferido: soldados republicanos infiltráronse nas liñas nacionais na Masía de Aldua e el foi alcanzado pola metralla dunha granada. Non faleceu no momento, a pesar de estar “totalmente empapado de sangue”, pero a partir de aí comeza un novo periplo polos hospitais de guerra.
Unha lista de hospitais

O 4 de xullo ingresa no hospital de Lucena do Cid, próximo a Castellón. Gerardo presenta “feridas fondas no brazo esquerdo e en ambas as pernas, con outras de menor importancia no resto do corpo”. Debido á falta de medios, non se lle pode extraer a metralla nese momento. Entre o 6 de xullo e o 14 de setembro de 1938, data na que recibe a alta, pasa por diversos centros sanitarios: o grupo cirúrxico Churco do Hospital Italiano, o Hospital Militar Central, o Hospital José Antonio de San Sebastián e, finalmente, o Hospital Civil de Irún.
O 5 de outubro volve ás filas integrándose na Brigada Flechas Azuis con destino á fronte de Levante. Con todo, a investigación de Pablo Rivera Capón conclúe que “é imposible deducir ningún feito significativo do paso de Gerardo pola brigada”, máis alá da súa condecoración co Distintivo da Cruz do Mérito de Guerra. O 4 de decembro incorpórase a un novo batallón que participa na ofensiva final sobre Barcelona, cidade que cae na súa totalidade o 5 de febreiro de 1939.
A fin da contenda
Tras numerosas viaxes e coa súa compañía xa disolta o 1 de outubro de 1939, Gerardo inicia o regreso á súa casa o 29 de decembro, chegando a Puebla de San Julián ao día seguinte, “último día de aquel histórico e nunca esquecido ano 1939”. Entre os recordos do derradeiro ano de guerra, un deles repítese con especial intensidade: as grandes adegas coas cubas cheas de viño doce. En momentos máis duros, aqueles mesmos bidóns, cheos de auga, eran utilizados para refrixerar as ametralladoras. “As memorias persoais, como as do noso protagonista, non son simples anécdotas, senón ferramentas poderosas para a educación e a memoria histórica”, conclúe Pablo Rivera Capón no seu artigo.
Referencia: Diario dun soldado galego: unha perspectiva microhistórica da Guerra Civil Española (1937-1939) (Publicado en Minius)















