Co obxectivo de “explorar na selva dun pasado enmarañado”, historiadores, filólogos, pedagogos, expertos en dereito constitucional e do campo social, investigaron durante case dúas décadas sobre o papel que xogou Galicia na ditadura franquista e na Europa dos fascismos dos anos 30 do século XX. O resultado dos seus traballos vén de publicarse no libro colectivo Galicia, un golpe sin cuartel, una guerra sin trincheras baixo a coordinación de Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Francisco Leira Castiñeira da Universidad Isabel I. e no que participan científicos das tres universidades galegas.
“Darlle a volta ao relato, ir contra corrente da historia recibida, do que nos levan dicindo case 90 anos, é complicado. O que nós intentamos facer é darlle coherencia historiográfica ao relato dos vencidos, porque hai moita memoria soterrada, memoria familiar que nunca saíu á luz ou das cociñas das casas. Fronte a isto, atopamos sempre a explicación coherente dos vencedores: foi unha guerra civil entre dous bandos, de irmáns contra irmáns, que despois se reconciliaron. É así, e non hai que remexer máis. Pero, xustamente, o noso oficio é remexer, e foi o que fixemos. Trátase do resultado dun programa de investigación aberto a debate, unha nova interpretación baseada no coñecemento, unha proposta que responde a preguntas actuais, do presente”, explica Lourenzo Fernández.

Destruír a sociedade liberal
Na portada, dúas fotografías adiantan unha das cuestións principais que se abordan no libro: como era a sociedade que sufriu o golpe do 18 de xullo de 1936? Fronte á imaxe dos membros dun club de nadadores e nadadoras de carácter anarcosindicalista da Coruña que sorrín á cámara abrazados, contraponse a dun grupo só de homes uniformados e un militar como elemento central.
“Descoñecemos moitas veces que a sociedade antes do golpe era plural, diversa, tolerante e non unha sociedade a piques de enfrontarse nunha guerra civil. Iso é mentira. Podemos recordar, por exemplo, que todos os catedráticos de Santiago de Compostela tanto de esquerdas como de dereitas asinaron en 1935 unha carta pedindo a amnistía dos que un ano antes foran presos na folga xeral revolucionaria de outubro. Isto era a sociedade de antes, a que destruíu o golpe, o que o escritor austríaco Stefan Zweig chama para Europa o mundo de onte cando describe a vida que desapareceu coa Primeira Guerra Mundial”, asegura Fernández.
Primeiro golpe, despois guerra
Os golpistas no agardaban triunfar en Galicia e moito menos en pouco tempo. Pero non foi polos apoios que recibiron, como demostran as investigacións dos autores deste volume colectivo que vén de chegar ás librerías. Venceron grazas á unha poboación dispersa, nun territorio sen grandes cidades, cunha oposición desorganizada, e sobre todo, afirma o catedrático de Historia da USC, pola violencia que se empregou. “A maioría dos deputados galegos eran republicanos, acabábase de votar o Estatuto de Autonomía, non había condicións obxectivas para pensar que o golpe militar triunfaría aquí. É moi fácil demostrar que non tiñan apoio polo investimento en sangue que se fixo. Fusilaron os xefes militares, os alcaldes, os gobernadores civís. Por que non os detiveron? Sen as matanzas, non tiñan gañado. E damos iso por normal porque se vincula a unha lóxica de guerra civil, pero primeiro foi golpe e despois unha guerra que durou ata tres anos e na que moita xente non morreu na fronte ou nas trincheiras, como foi o caso de Galicia”.
O cuarto de ensaio da ditadura
A obra sitúa Galicia no centro, onde se constrúe unha parte importante da ditadura, o proxecto socio-político do réxime. A lóxica das matanzas e os procesos, o primeiro xuízo sumarísimo e fusilamento dun superior militar, a militarización e o encadramento da sociedade e ata algunhas das liñas da moral falanxista da ditadura, entre outros elementos, foron algunhas das bases do réxime ensaiadas e experimentadas primeiro en Galicia, un dos territorios máis homoxéneos do triunfo golpista pola acción militar.

“Se falamos do poder político dos golpistas, isto é o centro, non Madrid onde fracasaron. En Galicia vanse construíndo os elementos do que desde 1937 vaise chamar o novo Estado que non é máis que o fascismo, o Estado do partido único, do encadramento de todos, da ausencia de pluralismo e liberdade”, explica Lourenzo Fernández para quen o contexto político europeo é outro dos datos chave para entender o que sucedeu. “A maioría dos traballos que se presentan no libro con quen dialogan é con Europa, co fascismo europeo dos anos 30 en Italia, Alemaña ou na Francia ocupada. De feito, o noso obxectivo foi estudar como aquí se desenvolve unha forma definida de fascismo, pola vía militar, no marco dunha guerra, para destruír unha sociedade liberal e establecer unha autoritaria, saber que efectos tivo. Dialogar co relato franquista construído para o NO-DO non nos serviría de nada”, subliña.
Un “pasado incómodo”
O historiador da USC firma o último traballo que forma parte da publicación, Reconciliación y verdugos invisibles de 1936, na que Fernández insiste na necesidade de levantar a “lousa da reconciliación” para que os historiadores poidan explicar, en profundidade e de maneira convincente e complexa, a aqueles que non viviron a guerra e a ditadura, o que aconteceu. “A reconciliación que serviu de base para a construción dunha democracia que pechaba a ditadura non pode ser motivo para que non se fale do pasado. Debería ser ao revés, porque ese pasado incómodo que construíu a propia ditadura danos a entender, por exemplo, que había moitos verdugos, que moita xente matou a moita xente, e non foi así”, explica.
Fronte ao relato popular de Hollywood, de Casablanca a Oppenheimer, no que a república sempre aparece no lado das democracias, para Lourenzo Fernández imponse a realidade: “Con este libro poñemos enriba da mesa unha interpretación que nega o relato convencional. Non nos situamos no relato dos vencedores, investigamos o relato dos que perderon, dos derrotados, das vítimas. Aínda vemos a nosa historia desde o prisma da ditadura, ese é o problema. E aínda que o pasado non podemos cambialo, iso é certo, a nosa mirada do pasado, si”, remata.















Importanttisimo dar unha nova vision da historia do golpe e da dictadura en Galicia reflectida no traballo de Fdz Prieto e outros, como importante sería dar enterro digno a todos os represaliados que defenderon a legalidade, que foi a República, Por desgraza os fusilados seguen, en moitos casos, nas cunetas, esquencidos.
A Xunta do PP da cero euros para desenterrar e honrar as victimas do golpe ilexitimo do dictador Franco., algo que deberia levarnos a reflexionar e, desde aquí demando ao PP sensibilidade e aporte de recurdos económicos e medios para facelo realidade.