En tan só cinco meses atopáronse dous torques de ouro nunha mesma finca do concello de Betanzos. De feito, a primeira peza descubriuse en maio. Co obxectivo de esclarecer a orixe e datación destas xoias atopadas de xeito casual, un equipo do CSIC está a traballar no Museo Arqueolóxico e Histórico de San Antón, na Coruña, onde están depositadas as dúas pezas. Os resultados preliminares apuntan ao bo estado de conservación dos dous torques e a que poderían datar da Idade do Ferro.
A investigación preliminar fixérona Xosé Lois Armada e Carlos Otero, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, mediante análise da composición química, estudo analítico da composición do metal e observación microscópica. A caracterización preliminar constata que ambos exemplares presentan os trazos habituais do tipo ártabro, unha tipoloxía da que só se coñecen 24 exemplos, se ben nalgúns casos a adscrición é dubidosa ao conservarse só de xeito fragmentado. Este tipo caracterízase por posuír remates en periña e decoración de fíos enrolados nos terzos laterais, con motivos en espiral con botón central que delimitan a zona lisa. Ademais, un aspecto a destacar desta tipoloxía é que a miúdo non son de ouro macizo, senón que conteñen núcleos elaborados con metais ou aliaxes menos nobres.
Características singulares
En concreto, a primeira peza localizada ten unhas dimensións de 147×143 mm, 11 milímetros de diámetro no aro central e un peso de 390,3 gramos. Como cualidade singular deste torques, cómpre indicar que a unión co aro cos remates amosa unha pericia técnica inferior á do resto da peza o que suxire que se trata dunha reparación antiga. Ademais, os primeiros resultados suxiren o uso dun ouro cunha porcentaxe moi elevada de pureza.
En canto á segunda peza, as dimensión son de 161×38 mm, 18 de diámetro e un peso de 365 gramos. As súas características tamén son os habituais do tipo ártabro, pero cuns terminais lixeiramente distintos entre si, presentando un deles unha forma de tendencia máis amendoada. A diferenza do primeiro exemplar, nesta ocasión os investigadores puideron detectar a presenza dun metal menos nobre no interior do aro a través das lixeiras roturas e zonas de abrasión.
Os resultados da investigación presentáronse esta tarde no Museo Arqueolóxico e Histórico de San Antón, na Coruña. Segundo detallou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, en rolda de prensa, as pezas foron entregadas á Administración autonómica por un particular e depositadas no museo coruñés para o seu estudo e avaliación. Despois disto, a Xunta levou a cabo unha prospección arqueolóxica e xeofísica na parcela co fin de comprobar se se agochaban outras pezas, pero non foron detectados nin niveis arqueolóxicos nin tampouco materiais antigos.