Martes 16 Abril 2024

Que é o norovirus? O patóxeno que deixa 440 casos de gastroenterite en Betanzos

O virus é altamente contaxioso e a principal hipótese baralla a posibilidade de que proceda dalgunha vertedura urbana ou de augas negras

O norovirus é un virus altamente contaxioso e, tamén, a principal causa de gastroenterite aguda en humanos. Nos últimos días, a Consellería de Sanidade confirmou a presenza deste patóxeno nas augas de Betanzos, o mesmo municipio onde se rexistraron 440 casos de gastroenterite na última fin de semana de maio. É dicir, en apenas uns días. Como principal hipótese da súa orixe, barállase a posibilidade de que o virus proceda dalgunha vertedura urbana ou de augas negras. Ante este escenario, o Concello restrinxiu o servizo de auga e puxo en marcha un plan de limpeza e desinfección da rede. Aínda que non se detectaron máis casos, as limitacións do uso da auga pública seguen vixentes e non se levantarán ata que se comprobe a potabilidade da auga. A alcaldesa, María Barral, non cre que se poida restablecer o servizo ata o día 15.

Un virus máis propio do inverno

Este número tan elevado de casos pode explicarse, en parte, porque o norovirus é un patóxeno moi contaxioso. De feito, tan só 10 partículas virais poden causar a infección, e o volume promedio nas feces e nos vómitos pode conter máis de 100 millóns de partículas, segundo o departamento de Saúde do Estado de Washington, en Estados Unidos. O norovirus tamén é a causa máis común de gastroenterite, provocando un de cada cinco casos, segundo estima o Centro para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC) dos Estados Unidos. Ademais, os gromos derivados dos norovirus adoitan ser máis comúns nos meses de inverno, o que en Galicia equivalería ao período de novembro a abril. Porén, os centos de casos de Betanzos déronse en plena primavera, coa conta atrás para o verán activada. Por iso, e porque se tratou dun contaxio masivo, barallouse a posibilidade de que a auga estivese infectada.

Publicidade

De feito, as analíticas realizadas pola Inspección de Saúde Pública con data do 29/05/23 reflicten que a orixe do gromo de gastroenterite está no norovirus xerado na zona de captación que chegou á planta potabilizadora. Tamén se encontrou este virus na Fonte da Condesa, xa pechada hai días polo Concello, aínda que neste caso se trata dunha fonte de manancial, e, polo tanto, non conectada á rede de abastecemento, polo que haberá que determinar por que está afectada. O virus non aparecía reflictido nas analíticas bacteriolóxicas realizadas diariamente pola empresa concesionaria, Viaqua, que informaba tanto a Sanidade como ao Concello, e que reflictían que a auga se mantiña nos parámetros axeitados.

Fixo falta un proceso máis longo de análise para determinar finalmente que a orixe non era bacteriana senon vírica. Desde Sanidade trasladaron ao Concello que a auga do abastecemento municipal non era apta para consumo, polo que se deben manter as restricións de uso xa establecidas trala confirmación dos primeiros casos, é dicir, non utilizar a auga nin para a inxestión (bebida ou preparación de alimentos), nin para o lavado de alimentos, tampouco para a hixiene bucodental.

Como se contaxia?

A forma máis habitual de contaxio do norovirus e, por tanto, da gastroenterite, é a vía fecal-oral, é dicir, por contacto con feces ou vómitos. Porén, tamén se documentaron casos de transmisión a través de alimentos mal cociñados, como os mariscos, ou da auga, como semella ser o caso de Betanzos. O escenario complícase tendo en conta que o norovirus é un patóxeno relativamente estable no ambiente e pode sobrevivir a moi baixas temperaturas e tamén á calor, resistindo ata os 60ºC. En xeral, a infección por norovirus cursa con diarrea, náuseas, vómitos e dor abdominal, ademais de malestar xeral e febre, e non adoita complicarse. Con todo, hai sectores da poboación, como os nenos, os anciáns e as persoas inmunodeprimidas que teñen máis risco de complicacións se contraen gastroenterite.

Se unha persoa se infecta, os síntomas adoitan mellorar despois do primeiro ou segundo día. Mais iso non significa que non poida contaxiar. De feito, poden transmitir o virus dende que comezan a sentirse mal ata calquera outro momento despois dos tres días e as dúas semanas posteriores á recuperación. Por iso, a mellor opción sempre é previr e seguir unhas pautas moi semellantes ás que se nos recomendaba co coronavirus: lavar ben as mans. Así mesmo, no caso de Betanzos, tomar restricións no uso da auga e que esta só se poida usar para ducharse ou para as tarefas de limpeza na casa, pero en ningún caso se debe inxerir ou lavar alimentos con ela.

Previsiblemente a próxima semana, os técnicos de saúde pública realizarán unha nova análise completa do estado da auga, tralo que, no caso de que os resultados sexan positivos, a Consellería de Sanidade remitirá un informe de idoneidade ao Concello, que é o organismo que ten competencias para levantar as limitacións de consumo de auga no municipio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desconcerto ante o aumento da tosferina: os casos en Galicia en febreiro xa superan os de 2023

As causas deste repunte non están claras e as hipóteses están relacionadas co período postpandémico así como coas temperaturas anómalas do inverno

De beber? Auga, pero que sexa reciclada, por favor

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Quizais aínda non o saiba pero, do mesmo...

Unha nova metodoloxía de alta resolución cuantifica os micro e nanoplásticos na auga

A técnica identifica partículas plásticas extremadamente pequenas e os aditivos químicos que se liberan dentro das botellas

A Limia asfíxiase coa instalación de 42 pozos para regadíos: “Non hai auga, os ríos están secos”

Tres sociedades científicas presentaron alegacións contra o proxecto por poñer en risco a biodiversidade e o patrimonio natural