Cando os campos eran de lúpulo e non de eucalipto: “Foi unha revolución na Galicia dos 50”

Un estudo da USC analiza o auxe e o declive dun cultivo industrial que prometía sacara da pobreza a poboación na comarca de Betanzos

O que hoxe son montes colonizados por eucaliptos, un día foron extensos campos de cultivo de lúpulo (Humulus lupulus). Así o corroboran as imaxes aéreas de mediados do século XX, que retrataron un Betanzos de importancia nacional para a industria cervexeira. “Foi un furor. Pese a que era un concello bastante urbanizado, era onde máis se cultivaba o lúpulo en toda España”, di o investigador Pedro Varela-Vázquez, da área de Historia Económica da Universidade de Santiago. Xunto aos seus compañeiros María del Carmen Espido Bello e Carlos de Francisco, acaba de publicar un artigo na revista Historia Agraria onde analiza o auxe e declive dun cultivo que prometía sacar o rural galego —ou, polo menos, a comarca de Betanzos— da pobreza e, así, superar a economía de subsistencia. “Foi unha verdadeira revolución na Galicia dos 50”, asegura Varela-Vázquez.

O interese por esta planta xurdiu a comezos do século XX na Granxa Agrícola Experimental da Coruña, en Monelos. Alí fixéronse os primeiros experimentos con cánabo, tabaco e lúpulo co obxectivo de buscar unha alternativa aos cultivos tradicionais e impulsar a industrialización do sector. “En Galicia había unha forte dependencia dos cereais e tamén do gando vacún. A finais do século XIX fora relevante nas exportacións pero xa no século XX entra en decadencia e comezan a caer as explotacións”, explica o investigador da USC. Por iso, o obxectivo de técnicos e enxeñeiros agrónomos da granxa de Monelos non era outro que diversificar a agricultura galega. Os seus estudos indicaban que a comarca de Betanzos era apropiada para o cultivo de lúpulo pola súa climatoloxía, e os primeiros experimentos fixéronse nas décadas dos anos 20 e 30. “Foi un cultivo residual porque no período de entreguerras resultaba máis barato importar lúpulo. Co estalido da Guerra Civil e a posguerra, xa comeza a haber esa necesidade de substituír importacións por produto nacional”, matiza Varela-Vázquez.

Publicidade

O arranque industrial cun cultivo prometedor

A finais dos anos 30 e a comezos dos 40, empeza a haber un cultivo sistemático e industrial do lúpulo no concello de Betanzos, que acaparaba o 47,6% da produción de Galicia. Ata ese momento, só era coñecida como unha planta que medraba nos cauces fluviais. É dicir, silvestre. Pero o seu crecente interese industrial fixo que Galicia puxese o ollo no sector cervexeiro. “A propaganda franquista vendeuno como un cultivo revolucionario que ía sacar o rural da pobreza”, apunta o autor do artigo. Segundo a súa perspectiva, durante a década dos 50 e principios dos 60, Varela-Vázquez corrobora que o cultivo do lúpulo si foi unha auténtica revolución na comarca de Betanzos.

Os homes dedicábanse a tarefas “máis industriais”, como o secado e o azufrado do lúpulo. Foto: Fondo fotográfico Celestino Luis Crespo do Arquivo Municipal de Betanzos.

As circunstancias xogaban no seu favor. As explotacións agrícolas eran pequenas e individuais e, ademais, había moita man de obra. Sobre todo feminina, que se dedicaba máis ás tarefas de recolección e de pelado dos conos do lúpulo. Os homes, pola contra, encargábanse das tarefas “máis industriais”. Para iso, en 1951 comeza a andar o secadeiro de lúpulo de Betanzos, onde se realizaban as tarefas de secado, azufrado e prensado e que, polo tanto, desenvolvían maioritariamente os homes. Tal foi a importancia da industria, que o edificio chegou a ser reformado ata en dúas ocasións: en 1953 e 1957. Detrás del agochábase a Sociedade Anónima Española de Fomento do Lúpulo, que nacera no seo do Ministerio de Agricultura en 1945.

Publicidade

Betanzos foi, sen dúbida, o centro neurálxico do cultivo do lúpulo en España. Abrazou as primeiras investigacións e ensaios, que se fixeron con sementes do condado de Kent, en Inglaterra. A comarca galega era a máis apropiada para o seu cultivo, dado que o lúpulo xa nacía de forma silvestre na ribeira do río Mandeo e, polo tanto, o factor climático foi decisivo. Malia que se intentou extrapolalo á zona do Ribeiro e de Padrón, así como ao sur de Ourense, a idea non se levou a cabo. Naquel momento, o cultivo xa estaba en declive e quedaba lonxe a época dourada que vivira Betanzos e a súa contorna nos anos 50. Porén, a agricultura galega non se soubo adaptar aos cambios e, progresivamente, un cóctel de factores provocou un acusado declive que rematou coa promesa do lúpulo no campo galego.

Instalacións industriais da Sociedade Anónima Española de Fomento do Lúpulo, en Betanzos. Foto: Fondo fotográfico Celestino Luis Crespo do Arquivo Municipal de Betanzos
Instalacións industriais da Sociedade Anónima Española de Fomento do Lúpulo, en Betanzos. Foto: Fondo fotográfico Celestino Luis Crespo do Arquivo Municipal de Betanzos

Unha caída progresiva e sen pausa

“Cando comezou a liberalizarse a economía, sobre todo a partir de 1959, o auxe do cultivo do lúpulo comezou a diminuír”, explica Varela-Vázquez. Ata aquel momento, e baixo a ditadura franquista, á industria cervexeira do país non lle quedaba outra que comprar lúpulo nacional. Segundo o investigador da USC, era “un mercado cautivo”. Porén, coa chegada dos anos 60 tamén se comezou a mecanizar o campo. As pequenas explotacións xa non era rendibles porque non tiñan capacidade para adaptarse tan rápido. A man de obra que antes sobraba agora escaseaba polos intensos movementos migratorios dos galegos, que os levaban sobre todo a Europa. “A industria cervexeira xa non estaba tan interesada en manter as mesmas condicións de compra. Esixía aos cultivadores que o secaran nas casas e que constituíran cooperativas”, di o autor do artigo. Pero todo isto supoñía un custo adicional, tendo en conta que o prezo quedara conxelado nos 50 e que había unha inflación bastante elevada. “Compensaba máis plantar fabas”, asegura.

“Cando comezou a liberalizarse a economía, o do cultivo do lúpulo comezou a diminuír”

PEDRO VARELA-VÁZQUEZ, investigador da USC e autor do artigo

A todos estes factores, hai que engadir a variedade que se cultivaba maioritariamente en Betanzos. Aínda que era tradicional, tamén era menos apreciada pola industria cervexeira. Entre as esixencias e as baixas rendibilidades, que se ían reducindo progresivamente, o cultivo do lúpulo en Galicia comeza a desaparecer. “Hai unha caída na demanda das variedades plantadas e vai decaendo o interese. Sobre todo en Galicia, xa que en León se souberon adaptar aos cambios varietais máis demandados”, asegura o investigador da USC. Porén, en Betanzos e nos concellos do arredor, o cultivo do lúpulo “xa non ten solución” a partir de mediados da década dos 60. “A empresa propietaria do secadeiro chegou a obrigar os cultivadores a que, cando se acabara a vida da planta, lle compraran a eles as variedades que estimaban oportunas. Isto provocou que cando ao agricultor se lle acababa a vida útil do lúpulo, xa non renovaba”, explica Varela-Vázquez.

Un cultivo con futuro?

Dende hai un lustro, unha iniciativa local trata de recuperar o cultivo do lúpulo e, tamén, devolver á vida a súa historia. Baixo as siglas de Lutega (Lúpulo Tecnoloxía Galicia), un equipo trata de poñer en marcha unha maquinaria esquecida coa axuda de Estrella Galicia e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. “Queren rescatar esa idea de dinamizar o sector agrícola. Están intentando plantar en superficies bastante amplas. Pode ter futuro mediante unha produción de maior valor engadido”, analiza o autor do estudo. Segundo explica, Lutega non só está centrada na produción de cervexa artesanal ou independente, senón que busca un proxecto a maior escala e con clientes de maior tamaño. Unha iniciativa que lembra á historia recente de Betanzos, nunha época na que os campos de lúpulo se estendían ata onde chega a vista.


Referencia: El sueño que no fue: El cultivo del lúpulo en Galicia, 1914-1981 (Publicado en Historia Agraria)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC participa no deseño dun sistema de alerta temperá de toxinas na auga

O obxectivo é predicir a aparición e a propagación dos tóxicos usando intelixencia artificial, modelización matemática, nanosensores e teledetección

Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente

Unha viaxe virtual polas grandes voces da lírica galega grazas á realidade aumentada

A USC e o CESGA crean unha exposición en homenaxea a destacadas cantantes galegas do século XIX e XX que se pode visitar dende a casa

Por que terxiversamos a información cando ameaza as nosas crenzas?

O principal motor psicolóxico da desinformación e das teorías da conspitación non é outro que a defensa das nosas ideas para ter razón a toda costa