Un equipo da USC vincula os produtos cárnicos con infeccións no tracto urinario

O estudo demostra que os animais destinados á produción de alimentos poden ser unha fonte de cepas bacterianas que causen doenzas extraintestinais

A inxestión de alimentos e, nomeadamente, o consumo de produtos de orixe animal, antóllase como unha potencial causa de transmisión de infeccións bacterianas a humanos. Así o recolle unha investigación desenvolvida no Campus Terra da Universidade de Santiago coa colaboración da Universidade de Copenhague e do Hospital Central de Asturias. O estudo acaba de ser publicado na revista One Health.

O traballo, liderado polos investigadores da Facultade de Veterinaria Azucena Mora, Vanesa García e Isidro García Meniño, realizouse ao abeiro dun proxecto nacional sobre resistencias a antibióticos e seguridade alimentaria. O estudo aborda unha comparativa entre o comportamento in vitro de adhesión e invasión en células de vexiga humana de cepas de E. coli illadas de mostras de carne, con outras cepas de infeccións do tracto urinario humano, hospitalarias e da comunidade.

Publicidade

As semellanzas advertidas entre o comportamento in vitro para certos clons de E. coli de orixe animal, constata as sospeitas xa apuntadas de transmisión bacteriana por inxestión de alimentos, e reforza a consideración dos animais destinados á produción de alimentos como potenciais fontes de cepas bacterianas causantes de enfermidades extraintestinais.

Os autores propoñen novos modelos para identificar e avaliar o potencial uropatóxeno das cepas

As conclusións acadadas logo desta singular investigación no eido da One Health, na que colaboran especialistas en medicina veterinaria e humana, van na liña doutros estudos anteriores sobre as superbacterias ao respecto da súa multirresistencia aos antibióticos, e ao risco da sua transmisión en produtos cárnicos destinados a consumo humano, tal e como sucede, entre outras, coa E. coli ou Klebsiella pneumoniae.

Publicidade

Aínda hai unha xeneralizada presenza bacteriana en produtos alimentarios de orixe animal, a pesar dos efectos positivos que están a deparar os mecanismos de control e vixilancia sanitaria habilitados a este respecto polas administracións. De todas formas, os potenciais riscos para a saúde desaparecen logo dun cociñado normal destes produtos cárnicos. A este respecto, os autores do artigo publicado en One Health propoñen novos modelos para identificar e avaliar o potencial uropatóxeno das cepas, no camiño de controlar a transmisión de cepas de E. coli responsables de enfermidades e infeccións do tracto urinario.

Esta nova aproximación, explica a profesora da USC e directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) da Fundación Rof Codina, Azucena Mora Gutiérrez, está baseada en análises xenómicas e ensaios in vitro de infección de células vesicais e de produción de biofilm, polo que se antolla ademais como unha alternativa para reducir o uso dos modelos de virulencia in vivo.

Presentación de resultados no SEIMC

A profesora Azucena Mora, que tamén é asesora do Comité Permanente de Investigación Agropecuaria da Comisión Europea nó ámbito da Produción Animal Sostible (SCAR SAP), presentará os resultados desta investigación este venres no marco do XXVI Congreso Nacional da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC), un foro científico que se celebra do 1 ao 3 de xullo no Pazo de Exposicións e Congresos de Galicia, en Santiago.

A intervención de Mora Gutiérrez neste congreso céntrase na incidencia dos axentes zoonóticos e na visión da saúde animal dentro da One Health e encádrase nun panel sobre resistencia antimicrobiana e retos para a abordaxe dunha única saúde, moderado por Germán Bou Arévalo, do Servizo de Microbioloxía Clínica do Hospital Universitario da Coruña, e Jesús Rodríguez Baño, da Unidade Clínica de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía do Hospital Virxe Macarena, de Sevilla.


Referencia: Genomics, biofilm formation and infection of bladder epithelial cells in potentially uropathogenic Escherichia coli (UPEC) from animal sources and human urinary tract infections (UTIs) further support food-borne transmission (Publicado en One Health)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos