Sábado 27 Abril 2024

Por que apareceron torques nunha finca de Betanzos? A ofrenda ritual e outras hipóteses do sorprendente achado

As pezas atopáronse por casualidade nunha parcela das Mariñas coruñesas mentres se realizaban labores no campo

Non se coñece a localización exacta nin tampouco a identidade da persoa que os descubriu. Só se sabe que dous torques de ouro datados da Idade do Ferro estaban soterrados nunha finca particular preto de Betanzos. En maio, uns traballos na parcela destaparon por casualidade a primeira xoia. Uns meses despois apareceu a segunda. As persoas que acharon as dúas pezas entregáronas á administración e dende aquela están despositadas no Museo Arqueolóxico de San Antón, na Coruña, onde un equipo está tratando de descubrir a súa historia. “Puideron servir de ofrendas nalgún ritual relixioso. Incluso, pode que alguén intentase ocultalo nun momento de tensión e inestabilidade”, explica o arqueólogo Xosé Lois Armada, un dos encargados do estudo das pezas. As xoias atopáronse nunha finca particular, onde as prospeccións do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) permiten supoñer que non hai máis material arqueolóxico destas características.

Pese ao azaroso do caso, Armada asegura que os achados casuais das pezas de ourivería son máis habituais do que parece. “Non é nada anómalo que apareza ouro de maneira fortuíta nas inmediacións dun castro”, apunta o investigador, deixando entrever que a finca na que se acharon os torques está preto dun xacemento. Segundo continúa explicando, o feito de que aparecesen illados, sen outros materiais que lle outorguen contexto, é algo relativamente frecuente nos torques. “Probablemente fosen depósitos intencionais de ofrendas ou que servisen para ocultar algo valioso que queres recuperar nun futuro, pero que finalmente perdes”, matiza Armada. Estes “depósitos”, tal e como os denomina o investigador do INCIPIT, eran un acubillo, un agocho, para pezas valiosas: “Ben cun fin ritual, para que quedasen soterrados para sempre ou para recuperalos despois”.

Publicidade

“Probablemente fosen depósitos intencionais de ofrendas ou que servisen para ocultar algo valioso que queres recuperar nun futuro, pero que finalmente perdes”

XOSÉ LOIS ARMADA, arqueólogo do INCIPIT

Arredor dos torques hai máis incógnitas que certezas. Un dos puntos que suscita máis dúbidas ten que ver coa súa funcionalidade. Armada confirma que estas pezas de ouro non só eran adornos, senón que tamén tiñan un rol ritual. Está constatado que servían de ornamento polas estatuas de guerreiros da Idade do Ferro con torques ao pescozo, pero tamén hai representacións de sacrificios de animais onde os torques aparecen no chan, como se fosen un símbolo asociado ao ritual que se está a levar a cabo. “Na iconografía dos diademas asturianos de Moñes, os xinetes lévanos na man. Hainos, incluso, que no interior dos terminais teñen unha bóla de pedra ou metal, como se fose un axóuxere, pero estes dous non a teñen”, apunta o arqueólogo do INCIPIT. E lembra que as pezas de xoiería eran máis polisémicas do que pensamos; cun uso que ía máis alá do adorno persoal no pescozo.

Os dous torques atopados en Betanzos forman parte dunha longa tradición de xoias que se foron recuperando en Galicia dende o século XIX. Ao ser obxectos vistosos, de ouro, sempre chamaron a atención de que os encontraba. “O ouro é un material escaso e difícil de conseguir pero o noroeste era unha terra moi rica neste metal. Isto favoreceu que dende finais do XIX, cando se traballaba a terra de maneira manual, se atopasen estes obxectos de maneira casual. E isto sempre xerou unha certa mitoloxía popular”, sostén o investigador do INCIPIT. Fronte a outras zonas de Europa, onde era máis habitual a xoiería en prata, en Galicia hai unha alta concentración de ourivaría, tanto na época dos castros como en momentos anteriores. A abundancia destas pezas, segundo explica Armada, débese —entre moitos outros factores— a que Galicia forma parte da tradición cultural do occidente europeo, na que o uso deste tipo de torques era bastante frecuente.

De tipo ártabro

Un dos aspectos máis curiosos dos dous torques de Betanzos é que son de tipo ártabro. É dicir, a súa característica principal é un aro organizado en tres partes: un tramo central liso e dous tramos laterais de arames enrolados con espirais aplicadas marcando a transición coa zona central, e remates piriformes ou en periña. Segundo detalla Armada, hai unhas 24 pezas deste tipo pero algunhas delas están desaparecidas. É dicir, só se ten constancia delas a través da documentación. “Eran achados bastante frecuentes e hai autores que xa os reseñan no XIX. Os de tipo ártabro concéntranse sobre todo na parte occidental da Coruña”, sostén o arqueólogo, dando contexto ao achado destes torques.

“Os torques de tipo ártabro concéntranse na parte occidental da Coruña”

XOSÉ LOIS ARMADA, arqueólogo do INCIPIT

Ademais, os dous están en bo estado de conservación, algo habitual neste tipo de pezas, que adoitan ser macizas e robustas. É certo que algúns torques que apareceron en Galicia estaban rotos pero, tal e como apunta Armada, esta fragmentación non sempre é froito do paso do tempo, senón que ás veces foron soterrados así. “Estes depósitos servían para ocultar material ou reciclar o metal, que se refundía e podía usarse para outros obxectos”, apunta.

As grandes incógnitas sobre os torques de Betanzos xa están resoltas. Agora só queda que Armada e Carlos Otero, o outro arqueólogo do INCIPIT encargado do estudo das xoias castrexas e do seu contexto arqueolóxico, detallen algúns aspectos relativos á documentación, pero prevén pechar o seu estudo antes do Nadal. Estas pezas de ourivaría tan vistosas agochan unha historia que dificilmente poderá ser revelada, máis alá dos datos —na meirande parte dos casos, hipóteses— que achega Armada. As diferenzas entre ambas pezas non son moi salientables: teñen un perfil distinto e o segundo ten arames enrolados máis grosos. Pero as dúas pertencen a unha afastada Idade de Fero que, por cuestións de azar ou incluso de sorte, foi parar a unha finca particular, preto de Betanzos. Non se coñece a localización exacta nin a identidade de quen sacou a luz estes dous tesouros que xa forman parte da historia máis senlleira de Galicia.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O torques galego que se salvou de acabar na consulta dun dentista suízo

O escritor galego Suso de Toro conseguiu que a familia responsable do achado doase o obxecto á colección do museo coruñés do Castelo de San Antón

Os dous torques de ouro achados en Betanzos datan da Idade do Ferro

Un equipo técnico do CSIC determina o bo estado de conservación das xoias, depositadas no museo coruñés de San Antón

Que é o norovirus? O patóxeno que deixa 440 casos de gastroenterite en Betanzos

O virus é altamente contaxioso e a principal hipótese baralla a posibilidade de que proceda dalgunha vertedura urbana ou de augas negras

Cando os campos eran de lúpulo e non de eucalipto: “Foi unha revolución na Galicia dos 50”

Un estudo da USC analiza o auxe e o declive dun cultivo industrial que prometía sacara da pobreza a poboación na comarca de Betanzos