O CITIC incorporará oito investigadores predoutorais de Europa, Asia e América

O centro capta talento internacional a través do programa europeo 3i-ICT, o primeiro outorgado a unha institución galega co apoio da UE

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) segue fortalecendo e incrementando a captación de talento internacional para o desenvolvemento das TIC en áreas como a biomedicina e a ecoloxía. Nesta ocasión faino a través do programa europeo 3i-ICT, o primeiro outorgado a unha institución galega co apoio da Unión Europea (UE) a través do Horizon 2020-MSCA-COFUND. O centro conseguiu atraer a investigadores de Europa, Asia e América, que desenvolverán a súa tese en Intelixencia Artificial e Ciencia e Enxeñaría de Datos.

No marco deste proxecto contrataranse oito persoas en etapa predoutoral, catro das cales foron seleccionadas na primeira convocatoria e, actualmente, atópanse traballando nas súas teses; mentres que as outras catro incorporaranse proximamente ao centro a través da segunda convocatoria. Para a súa contratación, o CITIC conta co apoio económico da Xunta de Galicia, que a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades aprobou a semana pasada o convenio de colaboración coa Universidade da Coruña para cofinanciar a contratación. O orzamento destinado polo Goberno galego a este programa supera os 560.000 euros ata o ano 2026 e poderase destinar a cofinanciar os contratos ou os complementos para cubrir gastos asociados como estadías noutros centros ou a inscrición en cursos de formación ou congresos, entre outros.

Publicidade

O programa europeo 3i-ICT xerou gran interese nas súas dúas convocatorias, ao recibir o CITIC máis dun centenar de solicitudes procedentes de todo o mundo, destacando as propostas recibidas de Asia (máis da metade), seguidas de Europa, América e África. Así o resalta o director do centro, Manuel F. Penedo, quen destacou que “a captación de talento é esencial para o noso centro de investigación, xa que cada un deles enriquece a nosa contorna e impúlsanos á vangarda da investigación e permite abordar desafíos globais. Desde o CITIC estamos centrados en crear un ambiente propicio para que o talento prospere e medre, fomentando colaboracións internacionais e oportunidades de desenvolvemento profesional”

Por áreas de investigación, foron as de Intelixencia Artificial e Ciencia e Enxeñería de Datos (CID) as que suscitaron máis interese, seguidas das de Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes. Ademais, as teses que desenvolverán as catro novas contratacións teñen como áreas transversais de estudo a ecoloxía, as ciencias biomédicas, a farmacoloxía e a piscoloxía social.

Doutoramento internacional

O 3-i ICT (Programa de Doutoramento en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións Internacional, Interdisciplinario e Intersectorial) é un plan de doutoramento internacional que ofrece oito bolsas a persoal investigador predoutoral para levar a cabo os seus estudos no Centro de Investigación e en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Conta co apoio da Unión Europea a través de Horizon 2020 baixo un acordo de Marie Sklodowska-Curie (H2020-MSCA-COFUND), que proporciona financiamento para programas rexionais, nacionais e internacionais de formación e desenvolvemento profesional mediante mecanismos de cofinanciamento. Ademais, o 3i-i ICT conta co cofinanciamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia.

A finais de maio deste ano presentáronse os tres primeiros proxectos de teses dos oito previstos neste programa europeo, que ofrece unha ampla formación en habilidades investigadoras e de transferencia e supoñerá unha vantaxe competitiva no desenvolvemento profesional dos participantes. Os modelos para a prevención da artrite, procesamento da linguaxe natural e sensores virtuais inalámbricos centraron estes primeiros traballos do 3i-ICT.


Toda a información do proxecto está dispoñible nesta ligazón.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da Coruña ensaia unha ferramenta de IA para apoiar o profesorado

A iniciativa ProgTutor levouse a cabo con 40 estudantes de bacharelato do IES Sofía Casanova de Ferrol

Podcast | Tecnoloxía adolescente ao servizo das persoas con parálise cerebral

O programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa do CITIC en colaboración con ASPACE, protagoniza o segundo episodio de O Descodificador

Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

Como poñer fin aos nesgos da IA no traballo: “Os algoritmos deben ser transparentes”

A investigadora do CITIC Verónica Bolón cualifica positivamente a declaración que asinaron España e EEUU para evitar que a dixitalización vulnere os dereitos laborais