Un equipo da Coruña crea robots autónomos que aprenden e se adaptan ás necesidades humanas

Os resultados do proxecto europeo, que se coordina dende o CITIC, presentáronse na xornada 'AI, Data and Robotics Forum'

E se os robots puideran aprender das súas propias experiencias, adquirir novas habilidades e adaptar o seu comportamento ás necesidades de cada persoa? Este é o reto que abordou o proxecto europeo PILLAR-Robots, coordinado pola Universidade da Coruña a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), tras catro anos de investigación no desenvolvemento dunha robótica autónoma máis flexible, segura e aliñada cos propósitos humanos.

A investigación, financiada polo programa Horizonte Europa, cunha contribución da Unión Europea de case catro millóns de euros, traballou no desenvolvemento de robots capaces de aprender de xeito continuo e ampliar progresivamente as súas capacidades, adaptándose a diferentes contornas e formas de interacción.

Publicidade

Para iso, os investigadores desenvolveron unha arquitectura cognitiva denominada e-MBD, que permite aos robots xerar os seus propios obxectivos e estratexias para acadalos, mantendo a súa aprendizaxe e comportamento aliñados cos propósitos humanos. Grazas ás súas capacidades de open-ended learning (aprendizaxe aberto), estes sistemas poden adquirir novas habilidades e ampliar as súas posibilidades de actuación, favorecendo unha colaboración máis flexible e eficaz entre persoas e máquinas.

Robots que aprenden para traballar, ensinar e axudar

A arquitectura desenvolta implementouse e validouse a través de tres demostradores tecnolóxicos en diferentes ámbitos, que permiten comprobar como estas capacidades poden trasladarse a aplicacións reais.

Publicidade

No sector agroalimentario, o equipo italiano ISTC-CNR (Consello Nacional de Investigación) desenvolveu robots capaces de manipular, seleccionar e clasificar froitas e hortalizas en función de características como o seu tamaño e a forma.

No ámbito da educación e o entretemento, o equipo do CITIC da UDC desenvolveu dúas aplicacións. A primeira consiste nunha contorna educativa para a aprendizaxe de programación baseada no robot Robodo, mentres que a segunda é un sistema guiado para museos que usa o robot TIAGo, de PAL Robotics. Ambas aplicacións permiten explorar como os robots poden adaptar o seu comprotamento ás persoas e responder a diferentes formas de interacción.

Pola súa parte, nas contornas industriais, o proxecto traballou no desenvolvemento de sistemas robóticos capaces de operar en espazos non automatizados e adaptarse a situacións e tarefas cambiantes. Nesta contorna, os equipos da Universidade da Soborna desenvolveron QD-Grasp, unha familia de algoritmos evolutivos orientada a mellorar as capacidades de agarre e manipulación dos robots. Ademais, nos obradoiros de PAL Robotics fabricouse un robot asistente deseñado para apoiar os operarios en contornas industriais.

O proxecto presentou os seus avances no foro europeo de robótica celebrado en Oporto

Os principais resultados do proxecto presentáronse no AI, Data and Robotics Forum (ADRF) 2026, celebrado o pasado mes de outubro en Oporto, un encontro que reúne represnetantes da investigación, a industria e as institucións europeas.

PILLAR-Robots participou cun estand propio, no que deu a coñecer os resultados acadados durante os seus catro anos de traballo. Ademais, o seu investigador principal e coordinador, Richard Duro, investigador do CITIC, interveu como poñente no obradoiro From Lab to Industry: Scaling Highly Autonomous Robots Under Regulatory Uncertainty, centrado nos retos que formula trasladar os avances en robótica autónoma dende os laboratorios ata as súas aplicacións industriais.

Richard Duro (terceiro pola esquerda) cos socios do proxecto. Imaxe: CITIC
Richard Duro (terceiro pola esquerda) cos socios do proxecto. Imaxe: CITIC

Un dos principais resultados do proxecto é tamén a súa Policy Brief, un documento que recolle recomendacións destinadas a orientar as políticas e os marcos de gobernanza nos ámbitos da intelixencia artificial, os datos e a robótica, con obxectivo de favorecer o desenvolvemento e despregue responsable de sistemas robóticos autónomos.

Entre as súas principais propostas atópanse o reforzo da supervisión humana, a seguridade e a protección da privacidade, así como a definición de responsabilidades e a adaptación dos modelos de gobernanza aos riscos específicos de cada aplicación. O informe tamén aborda cuestións como a protección das persoas afectadas indirectamente pola actividade dos robots e a necesidade de garantir un acceso máis equitativo a estas tecnoloxías, especialmente para pequenas empresas e organizacións con recursos limitados.

Un consorcio europeo para transformar a robótica autónoma

Durante catro anos, PILLAR-Robots reuniu seis socios de catro países europeos: España, Francia, Italia e Grecia. O consorcio está integrado polo CITIC da Universidade da Coruña, a Universidade da Soborna, o Consello Nacional de Investigación (CNR), o centro de investigación grego Athena e as empresas PAL Robotics e AI2Life. Esta colaboración permitiu combinar coñecementos e experiencia en robótica, intelixencia artificial, ciencia cognitiva, aprendizaxe automático e interacción persoa-robot.

Por parte da UDC, os traballos de investigación e desenvolvemento foron levados a cabo por un equipo de investigadores do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), vinculado ao CITIC, baixo a coordinación de Richard Duro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | Intelixencia artificial contra os discursos de odio

Os investigadores do CITIC Paloma Piot e David Otero participan no novo episodio de O Descodificador

Pódcast | O Shazam da música tradicional galega

A investigadora do CITIC Hilda Romero Velo mestura partituras, computación e bioloxía na súa tese para avanzar na investigación etnográfica musical

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento