Se tiveses que programar un robot, como conseguirías que se soubese comportar baixo certas normas e ata valores sociais? Esa é a pregunta que se fan desde 2022 en PILLAR-Robots, un proxecto liderado polo Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC). A amplitude da pregunta e a súa complexidade fai que sexa necesario ter diversas visións: os valores non son os mesmos en España que en Xapón ou que en Kenya. Nin sequera en Galicia e en Andalucía son exactamente os mesmos. Ante isto, o proxecto reúne a expertos de Francia, Italia e Grecia que están coordinados polo CITIC. Especialistas de diversos puntos do globo que, o pasado 16 de setembro, se reuniron en Praga para compartir novas ideas e puntos de vista.
“Hai un obxectivo bastante claro, que é permitir que os robots poidan aliñarse cos propósitos que os humanos teñen para eles”, destaca o coordinador de proxectos de PILLAR-Robots, Richard Duro. O catedrático da UDC explica que é algo moi importante para que poidan ser produtivos noutros ámbitos. “Por exemplo, para operar en entornas abertas e libres”, concreta. A idea está moi conectada coa necesidade de que estes sexan realmente autónomos a partir dun propósito. “Non queremos que faga o que lle dea a gana, iso sería completamente inútil”, destaca, senón que sexa todo o autónomo posible, “igual que un fillo”, pero respectando o propósito para o que se deseñou.
Operativa, cultura e ética
Richard Duro resume a labor en tres piares á hora de aliñar un robot cos obxectivos humanos. Por unha parte, operativamente, que é no que se centra PILLAR-Robots: que o robot faga o que o usuario queira. “De por si, é un problema moi complexo, porque os humanos somos moi ambiguos”, destaca.
Ao conseguilo, segundo asegura, poderán traballar en contornas nas que non estaban programadas ou deseñadas a partir das instrucións que os usuarios humanos lle van dar. “O humano vai dicir o que desexa e o robot terá que aprender como conseguir ese obxectivo”, afirma.
Pero para realizar estas tarefas, deberán aliñarse cunha serie de valores, desde cousas universais ata detalles que forman parte do rexistro cultural. “En Xapón por exemplo ti entregas un obxecto a unha persoa e o fas coas dúas mans, en Europa só cunha”, exemplifica.
A ética nos robots
Por último, a que Duro considera a máis complexa: a ética. Nesta, o robot ten que tratar de extraer segundo o coñecemento humano que é o que se pode e que non se pode facer. “Se ti queres soltar robots no mundo real interactuando con persoas de forma totalmente libre, tes que ser capaz de que se adapten ao que os humanos queren”, explica. Para iso, non podes preprogramalos, destaca Duro, porque iso implica que os equipos coñecen todas as situacións nas que se vai atopar o robot. “E iso é imposible”, afirma o investigador.
O importante segundo o experto é que vai observar situacións novas, que non estaban previstas e deben abordalas. E, para iso, relata, debe seguir as indicacións dos usuarios e terá que respectar as normas e a ética que os humanos establecemos. “Limpar a habitación non quere dicir matar a todo o mundo e botalo pola fiestra”.
Workshop en Praga
Con estes desafíos por diante, celebrouse un workshop en Praga o pasado 16 de setembro. Un espazo no que máis que grandes conclusións, explica Duro, descobren camiños que explorar. “Houbo distintas perspectivas, tanto sobre problemas operativos como ata implicacións éticas que poden chegar a ter”, destaca. Tamén debateron sobre que tipo de arquitecturas cognitivas se poden traballar nos robots para acadar ese obxectivo. “Veu xente de diversas partes do mundo e tivemos discusións moi proveitosas”, afirma. É un dos moitos talleres que realizaron nos últimos anos para poñer en común as ideas de especialistas de distintos puntos do globo.
Un dos grandes problemas é como pode transformarse en regras. “O robot utiliza arquitecturas cognitivas para manexar o coñecemento”, aclara Duro. Dentro desas, destaca, o importante é que hai unha parte que se lle chama o motor motivacional. “Esas motivacións son as que se teñen que aliñar cos humanos”, destaca. Estas deben traducirse en accións concretas.
Arquitecturas cognitivas
O grupo da Universidade da Coruña xa deseñou unha arquitectura cognitiva que permite manexar este aspecto. “Temos uns sistemas iniciais que permiten transformar información falada de humanos en motivacións do propio robot dunha forma razoablemente eficiente”, destaca Duro.
Agora, o que se está a traballar é en poñer todo iso nuns casos de uso que planearon durante o proxecto: os relacionados con aplicacións de robots no mundo real. “Por exemplo, un dos casos ten que ver co que en inglés se denomina edutainment, educación e entretemento mesturado”, comenta. É o caso, por exemplo, dos robots axudantes como guías nos museos. Outros casos poden ser robots de manipulación de vexetais e froitas no sector agroalimentario e robots industriais, pensados para as PEMES. “Son os tres casos nos que estamos traballando de cara a demostracións finais no futuro”. Un futuro no que os robots autónomos xa teñen asegurado o seu lugar no mundo.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CiGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).















