Un equipo de Vigo crea un robot que dá paseos virtuais por Samil para rehabilitación médica

O sistema, dotado dunha serie de cables e realidade virtual, permite o paciente experimentar o movemento de forma inmersiva

Un prototipo robótico a escala de rehabilitación médica co que poder dar paseos virtuais pola praia de Samil. Así presentou o grupo de investigación de Enxeñaría Eficiente e Dixital, En.Edi, da Escola de Enxeñería Industrial, o seu subproxecto VirtualR3, Virtual Reality in Robotic movements assistance for Rehabilitation na feira de realidade estendida e teconoloxías relacionadas Steropsia 2024 en Bruxelas. Este traballo está dirixido polo profesor Julio Garrido e que forma parte do consorcio europeo European Media and Immersion Lab (EMIL) no que a Universidade de Vigo participa xunto a outras 16 institucións europeas.

Trátase dunha contorna de rehabilitación robótica equipada con realidade virtual da que poderán beneficiarse pacientes con distintos graos de necesidades terapéuticas. Neste novo sistema os pacientes son sostidos e movidos por un robot de cables (Cable Driven Parallel Robot ou CDPR), no que son os propios impulsos da persoa paciente os que xeran a intención de movemento, que logo é utilizada polo robot para seguilo e apoialo.

Publicidade

Ao mesmo tempo, ao estar dotado dese sistema de realidade virtual, o paciente poderá experimentar o movemento de forma inmersiva en diferentes escenas, grazas ao uso de lentes virtuais, o que fai máis levadeiras as sesións de rehabilitación. Todo isto baixo continua supervisión médica, desde onde se poderán cambiar as forzas, impulsos e escenarios virtuais do robot.

Paseos virtuais por Samil

Tal e como explica Garrido ante a imposibilidade de trasladar o robot da UVigo a Bruxelas, desenvolveuse un prototipo a escala co que os asistentes a Stereopsia2024 puideron experimentar un paseo virtual pola praia de Samil. “Esta funcionalidade ilustra un dos modos de funcionamento do robot instalado na nosa escola, no que o paciente, movéndose libremente nunha escena virtual, guía o robot, que segue en tempo real o movemento das lentes”, explica o investigador, facendo fincapé en que “desta de forma, o robot estaría sempre no punto no que se atopa o paciente para sostelo en caso de necesidade”.

Publicidade

O robot conta con oito motores que, de forma individual, controlan a lonxitude e tensión de cada un dos oito cables cos que vén equipado, “soltando e recollendo cables de forma precisa”, de maneira que, traballando de forma coordinada, son capaces de mover, en espazos amplos e en todas as direccións, unha estrutura central que soporta ao paciente sobre un arnés.

Chegar a facer un ensaio clínico

Prototipo a escala do robot por cables e realidade virtual da UVigo no foro celebrado en Bruxelas  

O proxecto conta co apoio do Servizo de Medicina Física e Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, da man do seu director, o doutor Francisco Javier Juan García, xefe de servizo, e de membros do seu equipo. “Este apoio foi clave para nós desde o principio”, salienta o coordinador do proxecto, quen explica que, polo momento, aínda non se realizaron probas reais con pacientes, pero está previsto facelas no futuro.

“A idea é poder chegar a realizar un ensaio clínico, pero iso leva tempo porque hai que conseguir todas as autorizacións preceptivas”, apunta Garrido, recalcando o compromiso dos servizos médicos do hospital con este proxecto. “Pola nosa banda, seguimos buscando novo financiamento para, entre outras cousas, acometer estas fases de ensaio”, engade o investigador.

Parametrizar distintas variables

A instalación a tamaño real nos laboratorios na Escola de Enxeñería Industrial permite tamén outros modos de funcionamento, como o modo háptico, no que, a través da sensorización das forzas que exerce o paciente sobre a estrutura que o soporta, traslada as súas intencións de movemento ao control do robot.

Pola súa banda, o persoal sanitario, a través da aplicación médica desenvolta, pode parametrizar en tempo real distintas variables do exercicio de rehabilitación, como a porcentaxe de peso corporal do que se quere liberar as pernas do paciente ou a resistencia ao movemento en determinadas direccións, “ademais de controlar as escenas virtuais e o camiño a seguir dentro dela que son mandados ás lentes que porta o paciente”.

Equipo de traballo

Xunto a Julio Garrido participaron nas demostracións en Bruxelas os investigadores do proxecto Daniel do Olmo e Enrique Riveiro, eles foron nesta ocasión a cara visible dun proxecto do que tamén forman parte os investigadores Uxía Pérez, Josué Rivera e Diego Silva, así como o técnico de laboratorio Manuel de la Torre.

Acudiron a Bruxelas como integrantes do consorcio europeo EMIL no que participan como socios, entre outros, a Universidade de Aalto (Filandia), Pompeu Fabra (España), Bath (Reino Unido) ou a alemá Filmakademie Baden-Württemberg, entre outras.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Hórreos, orientación e astronomía: un equipo da UVigo atopa patróns de orientación relacionados cos astros

O estudo analiza máis de 400 construcións de Vilaboa e Beade (Vigo) nas que acreditan a presenza de representacións da lúa, o sol ou as estrelas no seus "cantacucos"

Que é a ciguatera? Historia das toxinas que viaxaron dende o Caribe até Europa

Persoal investigador do CINBIO identifica por primeira vez ás causantes dunha intoxicación alimentaria nas Illas Canarias e Madeira

Unha nova campaña arqueolóxica en Armea explora a gran “cidade romana” abandonada no século III

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio inicia catro semanas de escavacións para ampliar o coñecemento sobre o xacemento de Allariz

Un equipo da UVigo deseña un sistema de alerta temperá de cianobacterias nos encoros

O proxecto Resilient2Change combina intelixencia artificial, imaxes de satélite e modelización ecolóxica para anticipar os riscos ambientais en Galicia