Tecnoloxía sen fíos para xestionar o lixo: unha aposta para mellorar a vida no rural

A investigadora do atlanTTic Isabel Expósito traballa no deseño de ferramentas que detecten o estado dos colectores co obxectivo de baleiralos só cando sexa necesario

Para quen vive no rural, calquera servizo público que se manteña é unha conquista, e máis nos últimos tempos, nos que o éxodo cara ás cidades xera fortes contrastes nas aldeas, cuns invernos onde a poboación local é mínima e uns veráns coas rúas cheas de xente. Os requirimentos do rural varían dependendo da época do ano, cunhas tendencias que se deixan notar en case todos os aspectos da vida cotiá: un claro exemplo é a xestión do lixo, xa que a asiduidade do baleirado de colectores medra dun xeito exponencial cando aumenta o número de residentes dunha zona. 

Ás veces as ideas máis sinxelas poden supoñer un profundo avance na calidade de vida das persoas. Ese é o obxectivo de Isabel Expósito, investigadora posdoutoral no grupo Sistemas Radio do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, quen está a desenvolver un proxecto cunha duración de catro meses para poñer a proba un programa piloto no rural: “O que queremos é establecer unha tecnoloxía sen fíos que poida monitorizar en tempo real o estado dos colectores do lixo nas pequenas aldeas e, deste xeito, baleiralos só cando sexa necesario e mellorar a xestión destes recursos”. Para levalo a cabo, di, fai falla algo máis que o coñecemento científico: o apoio e colaboración dos cidadáns son vitais. 

As posibilidades da tecnoloxía sen fíos

A tecnoloxía forma unha parte importante das nosas vidas e, a día de hoxe, semella impensable non estar conectados á rede: dende as comunicacións persoais ata moitos traballos, o día a día no século XXI inclúe a conexión a un internet omnipresente. Porén, o seu acceso non é igual de doado para todo o mundo: en moitas aldeas galegas aínda non hai cobertura e a posibilidade de conectarse presenta grandes retos. Isto non só é unha desvantaxe a nivel persoal, senón que limita moitas accións cotiás, como a venda de produtos en pequenos comercios a través do pago con tarxeta. 

A maneira máis directa de salvar estes impedimentos é instalar redes cableadas, “mais isto non sempre paga a pena para as compañías de telefonías”, segundo explica Expósito, e máis cando falamos de pequenas contornas rurais onde viven poucas persoas e os beneficios económicos non superan os custes. Por iso, a investigadora traballa desenvolvendo novas aplicacións para as tecnoloxías sen fíos, que son aquelas que empregan as ondas electromagnéticas, prescindindo así dos cables: trátase do mesmo sistema polo cal funciona a conexión bluetooth: “O despregamento dalgunhas tecnoloxías sen fíos, como LoRa, son sinxelas, en comparación coas redes cableadas ou as estacións de telefonía móbil, o cal abarata moitísimo os custos”.

Segundo a científica de atlanTTic, un dos maiores desafíos das aplicacións das tecnoloxías sen fíos é que se adapten ás características propias do medio rural galego, cunha gran dispersión da poboación, unha orografía complicada e a limitación e inexistencia de cobertura móbil en moitos lugares.

Mellorar a vida con pequenos xestos

Expósito é unha das investigadoras cuxo proxecto foi aceptado pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra nunha convocatoria que busca promover “estudos que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia”. O proxecto, cunha duración de catro meses e que remata a finais de decembro, busca analizar a viabilidade da tecnoloxía sen fíos para medir dun xeito automático a capacidade e o estado dos colectores de lixo implantando un sensor no interior dos contedores que identifica dun xeito único a cada un deles. 

Dita tecnoloxía é capaz de enviar de forma periódica os datos a través dunha comunicación que non precisa cables, o que garante que se poida implantar tamén en contornas rurais onde non hai cobertura: “Polo de agora estamos aplicando esta tecnoloxía en dous puntos concretos, na nosa propia escola e na aldea de Arbo, na provincia de Pontevedra”, sinala. A finalidade deste traballo é optimizar os recursos, indica Expósito, facendo máis eficientes as rutas de recollida, xa que en moitas ocasións os colectores do lixo baléiranse sen estar cheos: “Ademais, nestas contornas rurais onde a poboación medra tanto no verán as necesidades van mudando dependendo do momento”. 

Ao facer máis eficientes as rutas de recollida e o baleirado, engade, poderíanse reducir os custos e empregar máis recursos e investimento a outras necesidades non cubertas en moitas aldeas, como é o caso dos contedores para reciclaxe de plástico, cartón e materia orgánica. 

Unha aposta polo rural

Na provincia de Pontevedra a metade dos concellos teñen menos de 5.000 habitantes: isto reflicte a necesidade de desenvolver estudos científicos centrados en mellorar a vida das persoas do rural, baseados nunha investigación básica pero que poida resolver problemáticas da vida cotiá. 

Neste sentido, a traxectoria de Expósito e do grupo Sistemas Radio de atlanTTic no eido das comunicacións do rural non é nova. O seu proxecto Digital4Rural, que aínda segue en curso, busca satisfacer as propias demandas dos residentes destes pequenos núcleos pouco habitados: dende a asociación de veciños de Trelle, en Ourense, solicitouse o desenvolvemento dunha aplicación que permita localizar nun mapa as persoas maiores en tempo real para que os veciños poidan localizalos se se perden ou teñen algún accidente: “Estes proxectos non buscan ter un gran impacto na comunidade científica, nin acadar publicacións en revistas de prestixio, senón dar saída a necesidades concretas e mellorar a calidade de vida no rural”, explica a investigadora. 


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Preocupación polos varamentos en Galicia: “A toniña podería extinguirse en 20 anos”

O CEMMA alerta do crecemento exponencial nos últimos anos de animais mariños que chegan ás costas galegas mortos ou en mal estado

Un proxecto da UVigo avanza nunha tecnoloxía máis intelixente para protexer a saúde humana

Un equipo atlanTTic desenvolve unha nova xeración de dispositivos máis sensorizados que poidan adaptarse mellor ás persoas para unha relación "máis natural"

Os incendios forestais xorden cada vez máis preto das casas no norte de España

Un estudo da USC analiza a tendencia e características de máis de 100.000 lumes entre os anos 2007 e 2015 no país e en California

Un estudo con selo galego atopa unha proteína clave para “queimar” graxa

Unha investigación en ratos, na que participa Cintia Folgueira, identifica unha prometedora diana terapéutica contra a obesidade