O Dr. Jekyll e Mr. Hyde das proteínas: “Inhibilas pode axudar contra a resistencia á quimioterapia”

Ángel Nebreda, referente mundial no campo da oncoloxía molecular, foi o relator principal dun evento celebrado no CiMUS sobre avances en cancro

En 1886, o escritor escocés Robert Louis Stevenson publicou O estraño caso do doutor Jekyll e do señor Hyde, unha obra cume da literatura universal. O libro aborda a dobre personalidade dun científico que ao beber unha apócima se converte nun criminal. Este exemplo é utilizado polo oncólogo molecular Ángel Nebreda para explicar o funcionamento da quinasa do estrés, unha proteína que axuda as células sas na supresión tumoral. Porén, cando a transformación é inevitable e se converten en malignas, a quinasa do estrés favorece que o tumor medre e se resista aos tratamentos. Isto é no que está a traballar no seu laboratorio o científico do Instituto de Investigación Biomédica de Barcelona (IRB Barcelona): afondar no estudo desta proteína. “Inhibila podería axudar a superar a resistencia á quimioterapia”, declara.

Nebreda trata de investigar as vulnerabilidades dos tumores a través da quinasa ao estrés, dado que a día de hoxe non existe ningún tratamento baseado nesta proteína. Segundo os seus estudos, podería ser unha boa diana terapéutica. Nebreda abordou en profundidade estes aspectos nun relatorio celebrado este xoves no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) ao abeiro dun encontro de máis de 200 investigadores. O obxectivo do evento era compartir resultados en áreas como a oncoloxía, a xenómica e o descubrimento de fármacos, entre outras. E o relator convidado foi Ángel Nebreda, un referente mundial no eido da oncoloxía molecular, que centrou a súa conferencia na quinasa do estrés.

Publicidade

O estrés celular

“A ciencia básica é moitas veces difícil de explicar por iso sempre tratamos de buscar similitudes e ver cales son as posibles implicacións do que facemos”, recoñece o experto. Por iso, para detallar unha das súas liñas de traballo no IRB Barcelona, un dos mellores recursos é tirar de metáfora e poñer como exemplo o coñecido dúo de Jekyll e Hyde. “Todo o mundo sabe o que é o estrés porque nos afecta a todos, aínda que non respondamos igual. Isto que lle ocorre ás persoas acontece exactamente igual nas células”, apunta o científico. Nunha situación de estrés —provocada, por exemplo, por cambios de temperatura—, as células teñen unha serie de mecanismos que permiten detectar e reaccionar ante el da forma máis axeitada. Un deles é a quinasa.

“O que vimos nos últimos anos é que as células tumorais se aproveitan deses mecanismos de estrés que existen nas células sas e úsanos no seu propio beneficio. Cando a célula tumoral está en condicións desfavorables —por exemplo, en resposta á quimioterapia— aproveita estes mecanismos, como a quinasa do estrés, para resistir todo o posible”, continúa describindo o oncólogo molecular. Baseándose neste coñecemento, o seu equipo do IRB Barcelona está a traballar con inhibidores da quinasa do estrés para superar a resistencia á quimioterapia. O seu é ciencia básica, polo que están a empregar modelos xenéticos e estudos básicos. Son fases iniciais, pero esperanzadoras.

Publicidade

Posible diana terapéutica

Unha das claves que salienta Nebreda é que a pesar de que a quinasa do estrés se coñece dende hai 30 anos, coas consecuentes publicacións sobre o seu funcionamento, nunca se levou a estudos preclínicos. É dicir, para ver se algún tratamento baseado nesta proteína podería ser efectivo contra determinadas enfermidades. Por exemplo, contra algúns tipos de cancro. “Os tumores son moi variados e non se comportan igual en todos os pacientes. Queremos determinar cales son os marcadores que nos permitirán predicir se unha persoa vai responder positivamente ou non aos inhibidores da quinasa do estrés”, detalla o oncólogo molecular. Nebreda insiste: “Tratamos de identificar os contextos nos que poida funcionar mellor como diana terapéutica”.

O oncólogo molecular insiste en que cada tumor é distinto, e máis aínda a súa resposta segundo o paciente. O papel da quinasa do estrés estudárono en tumores de colon e algúns de pulmón e obtiveron resultados similares. Agora están a centrar o seu traballo en modelos de cancro de mama triplo negativo, o máis agresivo do seu tipo, para o que non existe ningún tipo de terapia dirixida e que tan só ten unha supervivencia de entre o 10% e o 15%. A única terapia dispoñible é a quimioterapia xeral, que non funciona no 40% das pacientes: “Son as que teñen peor prognóstico porque acaban desenvolvendo metástase e algunhas falecendo”. Dende o laboratorio que dirixe Nebreda están a estudar, precisamente, que papel pode desenvolver a quinasa do estrés como diana terapéutica para os tumores de mama máis agresivos.

Incremento do cancro en xente nova

A ciencia avanza, pero os tumores tamén. De feito, hai estudos que apuntan a un aumento dos casos de cancro en xente nova. En concreto, a revista BMJ Oncology publicou en 2023 unha investigación que indicaba que os tumores en persoas menores de 50 anos aumentaran case un 80% en tres décadas. Os oncólogos non son capaces de explicar todos os motivos que pode haber detrás do incremento. “Pode que se detecten antes. Iso é bo porque canto máis tarde, peor. En canto á alimentación xa non estou tan seguro, non creo que cambiaran tanto os padróns neste tempo. Pode que tamén contribúa a contaminación, sobre todo nas grandes cidades”, trata de explicar Nebreda. E non se esquece de lanzar unha mensaxe que debería calar na poboación, aínda que ás veces son sexa doada de aplicar: “Tratar de vivir co menor estrés posible”.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do ‘vermicompost’ ao uso de ozono: un estudo da USC avalía o impacto ambiental de alternativas agrícolas

A tese de Sara Lago evidencia que determinadas prácticas sostibles non sempre presentan un mellor desempeño cando son analizadas de maneira integral

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure