Un experto da UVigo desmente que o desastre de Valencia se debera á eliminación de presas

Carlos García de Leaniz publica unha análise na revista Nature para desmontar a polémica que circulou en redes sociais despois da DINA

As inundacións xeradas pola DINA do 29 de outubro no leste de España, ademais da tráxica perda de vidas e dos danos materiais, provocaron numerosas polémicas e controversias nos medios de comunicación e, sobre todo, nas redes sociais. A ciencia foi sufocando estas loiadas con respostas baseadas no coñecemento. Unha destas teorías difundidas nos días posteriores á traxedia suxería que a eliminación de presas agravou o desastre. Para soster esta afirmación, usuarios en redes sociais apoiábanse nun mapa que, segundo eles, amosaba o impacto da supresión destas presas. Agora, unha análise realizada polo investigador do Centro de Investigacións Mariñas (CIM) da Universidade de Vigo (UVigo) Carlos García de Leaniz e publicada na sección Readers Response da revista Nature, desmonta estas afirmacións.  

Non son presas, son barreiras

O catedrático, experto en conectividade fluvial, é un dos maiores referentes internacionais neste eido e acaba de incorporarse á UVigo ao abeiro do programa Atrae, unha iniciativa do Ministerio para atraer talento consolidado e reforzar a competitividade das universidades e dos centros de investigación. García de Leaniz refuta esta teoría explicando que “o mapa difundido en redes non amosa a eliminación de presas, senón o número de barreiras existentes nos ríos, como azudes, presas e sumidoiros, datos recompilados nun proxecto de mapeo paneuropeo”.  

Publicidade

Segundo explica nesta publicación, un cruzamento entre os rexistros de eliminación de presas en Europa e o inventario oficial de barreiras do Goberno español revela que, entre 2006 e 2022, só se retiraron oito barreiras das 615 que existen na rexión de Valencia. Destas, sete eran azudes de menos de cinco metros de altura, sen capacidade significativa para previr inundacións, mentres que a oitava era unha estación microhidroeléctrica en desuso. Ningunha destas estruturas estaba situada nas áreas afectadas polas inundacións.  

A importancia da xestión sostible dos ríos

España é un dos países con maior fragmentación fluvial en Europa e a lexislación prohibe eliminar presas operativas que conten cun permiso válido. En palabras de Carlos García de Leaniz, “a eliminación de barreiras obsoletas ten un impacto positivo, xa que contribúe a reducir os riscos de inundación ao diminuír os niveis de auga e previr posibles colapsos de infraestruturas en mal estado”. Ademais, engade que “a lei de augas obriga aos titulares das concesións a derribar as presas e azudes ao final da concesión, restituíndo o fluxo natural do río”.

Publicidade

Con todo, o catedrático afirma que “estas accións non son unha solución completa fronte ao risco de inundacións. Factores como a ocupación das chairas de inundación e os efectos do cambio climático son os principais responsables do aumento na exposición humana a este tipo de desastres”.  Carlos García de Leaniz insiste en que “as inundacións en Valencia subliñan a necesidade de adoptar estratexias máis sostibles e efectivas para mitigar os impactos dos fenómenos climáticos extremos a través dun traballo conxunto entre administracións, comunidade científica e cidadanía”.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto