Marrocos, HAARP, chemtrails, destrución de presas hidroeléctricas… Detrás destas palabras agochábanse teorías que expoñían causas alternativas á catástrofe climática vivida en Valencia o pasado 29 de outubro. Outras narrativas alternativas apresuráronse a apuntar que nos mentían con respecto ao número de persoas falecidas no desastre.
O certo é que a DINA que causou a catástrofe é un fenómeno natural que os científicos climáticos asocian ao quecemento global e do mar Mediterráneo. Insinuar que nos enganan con respecto a canta xente foi vítima das riadas é, a partes iguais, infundado, daniño e banaliza o sufrimento dos afectados. Por iso, o noso obxectivo neste artigo é lanzar luz sobre como e por que se estenden esas realidades e explicacións alternativas e os riscos que implican.
Desinformación e teorías da conspiración
A desinformación consiste en crer firmemente nunha información que é falsa ou incorrecta, mentres que as teorías conspirativas buscan explicar eventos cruciais que suceden na nosa contorna atribuíndoos aos designios secretos e malintencionados de distintos actores poderosos.
Por tanto, ambas son diferentes. En particular porque, aínda que as teorías conspirativas implican algún grao de desinformación, esta última non ten por que ter carácter conspirativo. Con todo, as súas causas e consecuencias son altamente similares.
O principal motor psicolóxico da desinformación e as teorías conspirativas non é outro que a defensa das nosas crenzas e a necesidade de ter razón custe o que custe. Ás persoas agrádanos a información que confirma aas nosas propias certezas e valores e que fai que vexamos as nosas afiliacións grupais como superiores.
Así, cando certas informacións “ameazan” as nosas crenzas ou as nosas identidades colectivas tendemos a terxiversalas ou desprezalas, buscando unha evidencia alternativa que apoie a nosa postura. Este perverso fenómeno coñécese como razoamento motivado.
Con todo, non é o único modo en que analizamos a realidade. Ás veces estimúlanos máis a precisión da información que recibimos que o feito de que confirme ou non as nosas crenzas. Por que entón parece que, cada vez máis, confiamos no razoamento motivado, deixando de lado a precisión?
Parte da resposta atopámola nos novos modos de comunicación en liña. A democratización da información permitiu a creación de comunidades baseadas en desinformación e conspiracións, aumentando o seu impacto e presenza na sociedade.
Hai 50 anos, un terraplanista tiña moito máis difícil atopar a persoas con ideas similares. Hoxe pode unirse a grupos en liña, creando comunidades que se protexen entre si e a esas ideas. Do mesmo xeito, actualmente calquera pode ter unha plataforma para expresar as súas ideas, mesmo se non se basean en ningún coñecemento técnico.
É o caso dos influencers, que teñen gran poder de influencia sobre os seus seguidores, máis aló do seu coñecemento sobre a temática. Por exemplo: Daniel Esteve, o líder de Desokupa, ou El Xokas nunca van aparecer nun medio que se prece opinando deste ou outro tema de gran relevancia social, pero si o fan nun espazo personalizado para as súas audiencias, volvéndoos altamente persuasivos.
A desinformación tamén se nutre do propio funcionamento da rede. Os algoritmos que deciden que información aparece nos nosos navegadores “saben” se preferimos contidos que confirman as nosas crenzas e, por tanto, é o que priorizan. Ademais, a información en liña adoita ser máis breve, negativa e emocional, pois este tipo de contido é máis eficaz á hora de chamar a nosa atención.
Isto implica o consumo de información máis emocionalmente cargada, negativa e ameazante, favorecendo non só o razoamento motivado, senón tamén a polarización. Este último é un fenómeno que consiste en percibir ideas alternativas ás nosas como extremadamente distantes, e a súa variante afectiva xera sentimentos negativos cara aos grupos que defenden esas ideas.
A polarización, cada vez máis presente na nosa sociedade, intensifica a competencia entre sistemas de crenzas e, por tanto, favorece a desinformación e a conspiración, pero tamén o conflito.
A aparición de realidades alternativas
A aparición de realidades alternativas é, probablemente, un dos principais retos ao que nos enfrontamos como sociedade actualmente. Sen un marco común para avaliar a nosa realidade, dificilmente poderemos debater e colaborar co fin de construír unha sociedade mellor. Para alcanzar este obxectivo, sobre todo en situacións críticas como as causadas pola crise climática, necesitamos dúas cousas: cooperación e decisións baseadas en evidencia sólida. Ambas implican deixar de lado a defensa sen concesións das nosas crenzas e mostrar maior apertura e unha análise máis crítica da realidade.
Cooperar implica asumir que os demais non son esencialmente malvados, mesmo cando pensan diferente, senón que tamén son persoas morais e que podemos chegar a cooperar para alcanzar un ben común. Aquí reside a parte máis positiva da psicoloxía humana que as catástrofes poñen de manifesto: a solidariedade e a axuda desinteresada que xeran estes acontecementos. Puidémola presenciar na mobilización de miles de persoas que chegaron ás zonas devastadas para axudar as vítimas.
A probabilidade dinos que esas persoas son diversas, que pensan, senten e votan distinto. E, con todo, traballaron xuntas para tratar de paliar na medida do posible o desastre. Esixamos aos nosos representantes políticos facer o mesmo, en lugar de fomentar que se distancien. Canto máis polarizados esteamos como sociedade, máis radicais serán as súas respostas, creando, nós e eles, resentimento e enfrontamento que unicamente entorpecen a colaboración.
Pero estes desastres tamén implican unha gran responsabilidade pola nosa banda á hora buscar a máxima precisión e difundir só a información máis correcta. A próxima catástrofe climática previrase requirindo unha xestión da emerxencia máis eficaz e actuando para paliar os efectos da crise ambiental, e non mirando ás nubes en busca de chemtrails.
Cláusula de divulgación: As persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado anteriormente.














