Que é a “epidemia silenciosa” dos riles, a enfermidade que afecta a 4.000 galegos

A alta prevalencia da doenza renal crónica pode atribuírse á poboación envellecida e ao descoñecemento da doenza, que retrasa o diagnóstico

Unha “epidemia silenciosa” que podería ser a quinta causa de morte a nivel mundial en 2040 se non se conciencia á poboación. Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior prevalencia de Enfermidade Renal Crónica (ERC), unha patoloxía que vén derivada de múltiples doenzas que afectan a estrutura e a función dos riles e que se caracteriza pola deterioración progresiva destes órganos.

Denominada como a “epidemia silenciosa” debido ao seu alto impacto na saúde pública e o descoñecemento que ten a poboación sobre ela, a ERC continua medrando en Galicia. A día de hoxe son máis de 4.000 persoas as que precisan de Tratamento Renal Substitutivo (TRS). É dicir, de diálise ou transplante para suplir a función dos riles e poder seguir vivindo. Así o explica a nefróloga e directora médica da Fundación Renal, Dolores Arenas.

Publicidade

Isto implica que a taxa de prevalencia de pacientes con ERC en TRS é de 1.514,4 persoas por millón de poboación (pmp) no territorio galego, segundo o informe anual do Rexistro Español de Diálise e Transplante (Redyt) de 2023. Este dato é bastante superior á media nacional, que se sitúa en 1.406,4, e é tan só superado polas comunidades de Cataluña, Asturias, Aragón e Canarias. Do mesmo xeito, tamén “resulta preocupante” a taxa de incidencia en Galicia, xa que actualmente é de 156,7 pmp, algo máis de cinco puntos por riba da nacional, que se sitúa en 151,4 pmp.

A quinta causa de morte a nivel mundial

E por que se dan estas cifras en Galicia? “Hai que ter en conta que a incidencia da ERC está medrando a nivel exponencial en todo o mundo —actualmente supón a décima causa de morte e estímase que podería ser a quinta para 2040―, pero quizais dous dos motivos destes datos no territorio galego son a poboación envellecida e, sobre todo, o descoñecemento que se ten desta doenza“, expón Arenas. Polo tanto, as persoas máis afectadas por esta enfermidade son as maiores de 65 anos. Conforme ao mesmo informe do Redyt, ao redor do 60% dos novos casos que se dan en España afectan a este grupo de idade.

Publicidade

A falta de sintomatoloxía en case todas as fases da ERC ―”que leva a que case o 90% das persoas que a padecen non sexan conscientes dela ata os estadios máis finais”― e a ignorancia da poboación no eido da nefroloxía fai que sexa moi complicado a súa detección precoz. “Malia isto, diagnosticala é moi sinxelo, xa que só é preciso unha análise de sangue e ouriños, por iso recomendamos á xente maior de 40 anos que o faga unha vez ao ano ou cada seis meses”, detalla a doutora.

Doenzas que levan a ERC

Estando os riles formados na súa maior parte por vasos sanguíneos, todas aquelas enfermidades que danen as arterias afectarán directa ou indirectamente a estrutura e función destes órganos. “Doenzas como hipertensión, diabetes ou obesidade favorecen que apareza a ERC”, di a nefróloga. É por iso que, ademais das análises, Arenas detalla outros métodos de prevención: “Tomar a presión arterial cada certo tempo para saber se é unha persoa hipertensa ou non e facer o mesmo coa glicosa”.

Malia que existe especial afección nas persoas maiores de 65 anos, que supoñen o 60% dos pacientes a nivel nacional, é moi importante facer ver ás xeracións máis novas a importancia desta enfermidade renal crónica.

A rapazada que educa a familia

“Durante a infancia modélanse as condutas que danan ou benefician a saúde ao longo da vida e é moito máis sinxelo xerar un hábito que cambialo”, apunta a doutora.”É moi importante que as rapazas e rapaces coñezan os hábitos que farán ben aos seus riles”, engade.

Para poder facer isto, a doutora Arenas vén de publicar a primeira parte da triloxía Renata, a miña nefróloga, coa que se dá a coñecer a doenza, os tratamentos e a doazón de órganos coa fin de sensibilizar sobre a ERC. “Xaa non só é concienciar as rapazas e rapaces, senón tamén as súas familias, xa que elas e eles son grandes educadores da comunidade”, sostén.

Ademais de achegar o libro a máis de medio cento de escolas, fíxose un estudo piloto para poder analizar o impacto da súa lectura e o seu obradoiro, que alén do exemplar coa historia ilustrada, tamén contén un caderno de actividades e unha unidade didáctica. “A nota media da cativada despois de realizar este taller medrou dun 2,5 a un 9 e a das familias, que non estiveron presentes nel, tamén medrou dun 6,5 a un 8,5”, detalla a nefróloga.

O obxectivo final é que a poboación estea tan concienciada coa ERC como con outras doenzas como a enfermidade coronaria ou o cancro de mama. “Existen tratamentos para os casos precoces, pero se unha persoa non sabe que está enferma, non vai pedir axuda”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tecnoloxía inclusiva galega: premiada unha aplicación para previr a atrofia muscular

O CITIC celebrou esta semana un encontro europeo no que tamén galardoou o deseño adaptado dunha cesta da compra para cadeira de rodas

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares

Dous de cada dez galegos emborracháronse ata a intoxicación aguda no último ano

A enquisa EDADES reflicte que Galicia supera en cinco puntos porcentuais a prevalencia nacional dos casos de embriaguez nos últimos 12 meses

A historia do estraño golfiño que permaneceu agochado 40 anos nun instituto de Vilagarcía

Un grupo de estudantes atoparon os restos na praia de Compostela en 1979 e pensaron que era un arroaz, mais tratábase da especie de augas tropicais 'Steno bredanensis'