Galicia, entre as comunidades con maior prevalencia de enfermidade renal crónica

Máis de 4.000 galegos necesitan diálise ou transplante para substituír a función dos seus riles e continuar a súa vida

Un enfermeiro, nunha sesión de hemodiálisis cun neno.

A Enfermidade Renal Crónica (ERC) segue crecendo en Galicia, onde xa son máis de 4.000 as persoas que necesitan Tratamento Renal Substitutivo (TRS), é dicir, diálise ou transplante, para substituír a función dos seus riles e así poder seguir vivindo. En concreto, a prevalencia (número total de casos) de pacientes con ERC en TRS na comunidade galega sitúase en 1.500 persoas por millón de poboación (pmp), unha cifra bastante superior á media nacional (que é 1.387 pmp), o que a converte nunha das comunidades como maior prevalencia da ERC en España.

De feito, é a cuarta comunidade con maior prevalencia, só por detrás da Comunidade Valenciana, Canarias e Cataluña, segundo os datos de 2021 relativos ao número de pacientes con ERC avanzada en España, que se deron a coñecer no congreso anual da Sociedade Española de Nefroloxía (SEN).

A enfermidade converteuse nun grave problema de saúde pública e é considerada polos expertos como a “epidemia silenciosa”

Esta enfermidade converteuse nun grave problema de saúde pública e é considerada polos expertos como a “epidemia silenciosa”, debido a que os seus síntomas son pouco recoñecibles nos estadios iniciais e conta cunha alta taxa de infradiagnóstico. Pola súa banda, o número de novos casos (incidencia) de pacientes con ERC en TRS en Galicia situouse en 162 pmp, tamén por encima da media nacional en España (149 pmp), o que a sitúa igualmente entre as comunidades españois con maior incidencia da ERC en 2021, por detrás de Ceuta, Cataluña, e Canarias.

A nivel nacional, a ERC os datos mostran un cambio de tendencia crecente respecto ao ano 2020, no que a incidencia e prevalencia da ERC sufriron un lixeiro descenso e estabilización debido ao impacto que a pandemia de COVID-19 tivo nos tratamentos renais. “Vólvese á tendencia de crecemento da enfermidade renal en España, o que pon de manifesto a preocupación dos nefrólogos polo aumento que vén experimentando esta enfermidade de forma continua nos últimos anos”, destacou a presidenta da SEN, Patricia de Sequera.

Rexistros autonómicos

Segundo as últimas cifras do Rexistro Español de Enfermos Renais (REER), froito da colaboración da SEN, a ONT, e os rexistros autonómicos de enfermos renais, que se deron a coñecer no congreso, a incidencia ou número de novos casos de pacientes que empezaron a recibir TRS en 2021 experimentou un crecemento do 6,8%. Esta taxa de pacientes situouse en 149 por millón de poboación (pmp), en comparación cos 140 casos pmp rexistrados en 2020. En total, 7.084 persoas iniciaron TRS con diálises ou transplante ao longo de 2021, fronte ás 6.643 persoas que o fixeron durante o ano anterior. A maioría dos pacientes que iniciaron TRS en 2021 foron homes (67%) e un 60% tiña unha idade igual ou superior a 65 anos.

A causa máis frecuente de ERC foi a diabetes (25%), e en canto aos tipos de tratamento que reciben os novos pacientes con ERC, a diálise peritoneal consolídase como opción terapéutica inicial, aumentando a súa taxa e proporción (25 pmp e 16% do total de pacientes que iniciaron TRS), o que hai que poñer en valor ao ser un tratamento domiciliario que permite ao paciente unha maior autonomía na súa vida diaria e unha maior calidade de vida.

Máis transplantes

Así mesmo, o transplante renal anticipado tamén aumenta lixeiramente, alcanzando unha taxa de 6 pmp e representando xa o 4% do total. Pola súa banda, a prevalencia tamén creceu un 2%, situándose nunha taxa de 1.387 pmp, fronte á taxa de 1.362 pmp rexistrada no ano 2020. Isto significa que 65.740 persoas con ERC avanzada reciben tratamento con diálise ou transplante en España. Do mesmo xeito que nos novos casos de pacientes con ERC, a diabetes é a principal causa da enfermidade nos pacientes prevalecentes, representando un 16% do total.

A actividade de transplante recupera índices anteriores á pandemia

Os datos do informe anual do REER foron presentados pola doutora Beatriz Mahíllo, médica adxunta da ONT, quen destacou o aumento da actividade de transplante rexistrado en 2021, cun 9% máis de procedementos con respecto a 2020 e aproximándose á actividade rexistrada antes da pandemia. En total realizáronse 2.950 transplantes renais en España, cunha taxa de 62 pmp. Neste apartado é destacable o incremento do transplante de ril de doante vivo, que pasou de 259 procedementos en 2020 a 323 en 2021, representando xa o 10,9% dos transplantes renais no noso país.

Así mesmo, continúan consolidándose os transplantes a partir de doantes falecidos en parada circulatoria (doantes en asistolia), que nos últimos tres anos situáronse por encima do 30% do total de enxertos renais realizados. Grazas a toda esta importante actividade transplantadora do noso país, que manteñen unha posición de liderado internacional en transplante renal, o 54% dos pacientes en TRS en España viven cun transplante de ril.

Outro aspecto positivo é o descenso da mortalidade dos pacientes renais en TRS, cun 4% menos experimentado en 2021. En total, faleceron máis de 5.625 persoas en diálises ou transplante, cunha taxa global de mortalidade do 8% entre todos os pacientes en tratamento renal. No ano anterior produciuse un aumento da mortalidade debido á maior vulnerabilidade dos pacientes con ERC á COVID-19, o cal motivou que se lles incluíse nos grupos de especial risco para a súa vacinación.

Causas de falecemento

As infeccións (29%) e a patoloxía cardiovascular (24%) foron as causas principais de falecemento en todas as modalidades de TRS en 2021, con cifras similares ás de anos anteriores no primeiro caso e un descenso no segundo.

O maior encontro de Nefroloxía en España Estas cifras foron presentadas no 52º Congreso Nacional da SEN, celebrado a pasada fin de semana en Granada, e no que participaron máis de 1.200 nefrólogos, investigadores e expertos co fin de abordar os últimos avances e estratexias para mellorar a prevención, o diagnóstico e o tratamento da ERC, e a calidade de vida dos pacientes. Ademais, serviu de altofalante para dar a coñecer e sensibilizar á sociedade sobre a importancia e repercusión que ten a ERC, unha patoloxía que, a pesar de afectar a case 7 millóns de españois e ter un forte impacto na calidade de vida, segue sendo unha gran descoñecida.

A reunión dedicou gran parte do seu programa para tratar aspectos de actualización e prevención da ERC, e a abordar novidades terapéuticas en patoloxía diabética, síndrome cardiorrenal, enfermidades glomerulares, transplante renal, as técnicas de depuración extrarrenal, ou a Covid-19 nos pacientes renais, entre outros. Ademais, realizáronse sesións sobre Big Data e a aplicación da Intelixencia Artificial, e numerosos cursos, conferencias, simposios, talleres e foros, así como debates sobre os problemas das enfermidades renais desde o punto de vista dos pacientes. O Congreso incluíu igualmente a presentación de máis de 600 comunicacións sobre os últimos proxectos e estudos relativos á enfermidade renal en España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.