O CiQUS da USC suma dúas axudas europeas para proxectos de investigación punteira

Julián Bergueiro e Sara Abalde-Cela serán os beneficiarios das Consolidator Grant, coas que o centro singular alcanza os 17 proxectos financiados polo ERC

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC) acaba de obter dous novos proxectos financiados polo Consello Europeo de Investigación (ERC). As axudas, correspondentes á modalidade Consolidator Grant, concedéronselle a Julián Bergueiro e Sara Abalde-Cela, un recoñecemento que supón un logro excepcional para o impulso ás súas carreiras, que xa contan cunha traxectoria internacional sólida en ambos os casos.

As ERC Consolidator Grant diríxense a persoal investigador en fase de consolidación, cunha traxectoria científica destacada e proxectos altamente innovadores. Constitúen unha das convocatorias máis competitivas de Europa: nesta edición recibíronse aproximadamente 3.121 solicitudes, das que 349 foron seleccionadas para financiamento (unha taxa de éxito do 11%). No caso da USC, os dous proxectos concedidos corresponden integramente ao CiQUS, o que reflicte o peso científico alcanzado polo centro a nivel europeo.

Publicidade

ChiroPore, unha solución para a biotecnoloxía

ChiroPore, o proxecto liderado por Julián Bergueiro, propón unha aproximación innovadora para lograr o transporte selectivo de moléculas a través de membranas, un desafío clave en biotecnoloxía e química supramolecular. O proxecto inspírase nos mecanismos naturais de recoñecemento molecular e formula un sistema tipo “chave e pechadura” baseado en estruturas helicoidais capaces de diferenciar moléculas con alta precisión. Esta estratexia permitirá deseñar poros sintéticos con funcións avanzadas, abrindo nevas posibilidades para a entrega controlada de fármacos, o desenvolvemento de biosensores ou a comunicación celular.

“Buscamos desenvolver o primeiro sistema artificial que controle dunha maneira selectiva o paso de macromoléculas a través da membrana celular”, explica Bergueiro, un avance que permitiría “desde controlar de xeito preciso o transporte de biomoléculas grandes ao interior celular —con impacto en aplicacións biomédicas como a terapia xénica— ata posibilitar o deseño de novos modos de comunicación celular”. Para o investigador, a obtención dunha ERC Consolidator supón a oportunidade de impulsar un proxecto cunha ambición que non podería abordarse con outros mecanismos de financiamento e de consolidar definitivamente o seu laboratorio na escena internacional.

OBSERVER, a comunicación célula-célula

Pola súa parte, OBSERVER, o proxecto liderado por Sara Abalde-Cela, propón estudar a comunicación célula–célula como un proceso dinámico e multinivel, superando as limitacións das técnicas actuais. O proxecto desenvolverá unha plataforma optofluídica para coencapsular células de cancro e células inmunes a nivel célula individual, monitorizar as súas interaccións en tempo real e analizar despois a súa expresión xénica. Esta tecnoloxía permitirá explorar con maior profundidade procesos complexos relacionados coa metástase e abrirá novas vías en microfluídica, nanobiosensores e análise avanzada de datos.

“O meu obxectivo é desenvolver tecnoloxías capaces de capturar distintos tipos de interaccións entre células de forma simultánea e vencellalas co seu destino. Só así poderemos comprender como se desregula a comunicación en procesos como o cancro e abrir a porta a identificar novas vulnerabilidades clínicas”, explica Abalde-Cela. “Se conseguimos predicir, por exemplo, se un paciente responderá ou non a unha terapia inmune estaremos un paso máis cerca de estratexias terapéuticas verdadeiramente personalizadas”.

Publicidade

Para a investigadora, esta ERC Consolidator Grant representa un punto de inflexión: a posibilidade de dar o seguinte paso nunha liña de traballo que construíu durante a última década, con liberdade científica real e un impacto potencial en biomedicina que —salienta— a emociona especialmente.

17 proxectos do CiQUS, financiados polo ERC

Con estas novas concesións, o CiQUS suma xa 17 proxectos financiados polo ERC, distribuídos entre 12 investigadoras e investigadores do centro que recibiron o apoio do programa nas súas diferentes modalidades (Starting, Consolidator, Advanced, Synergy e Proof of Concept). Ademais de reforzar a posición do CiQUS no panorama científico español e europeo, este fito impulsa a capacidade do centro para atraer talento e favorecer a xeración de emprego investigador de calidade.

A obtención destes dous novos proxectos do ERC reforza a posición do CiQUS como polo de excelencia científica en Galicia e Europa, contribuíndo ao avance do coñecemento fundamental e ao desenvolvemento de novas tecnoloxías con potencial impacto biomédico, químico e biotecnolóxico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS

Un equipo da USC logra unha reacción química para construír bibliotecas de moléculas codificadas por ADN

O descubrimento liderado polo investigador do CiQUS Manuel Nappi pode ser clave na procura de fármacos

Roubar a estabilidade dunha molécula ultra-estable durante unha fracción de segundo: así o estuda o CiQUS

O científico Luis M. Mateo recibe a prestixiosa Bolsa Branco Weiss que financiará o proxecto ‘PhthalocyanYnes’ con máis de 635.000 euros durante cinco anos