Un equipo do CiQUS deseña unha estratexia para superar a resistencia á quimioterapia

Os ensaios da investigación lograron transportar un fármaco denominado doxorrubicina ata o núcleo de células cancerosas resistentes

O Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) acaba de presentar unha innovadora estratexia molecular para transportar fármacos contra o cancro ata o núcleo de células tumorais para que poidan desenvolver a súa función terapéutica. Neste caso, os estudos realizáronse con doxorrubicina, un fármaco habitual en quimioterapia. O seu uso prolongado pode xerar células resistentes, un fenómeno que este traballo consegue sortear mantendo a súa actividade antitumoral.

O avance parte dunha idea sinxela pero poderosa: a capacidade dos péptidos cíclicos, pequenas cadeas de aminoácidos pechadas en forma de anel, para amontoarse e formar estruturas cilíndricas ocas (nanotubos) nas membranas deste tipo de células. O mecanismo deseñado polo equipo que lidera Juan R. Granja consegue axustar a doxorrubicina a estes péptidos e dirixila cara ao núcleo mediante un mecanismo distinto ao habitual deste fármaco. Grazas a iso, evítanse os métodos de desactivación ao fármaco que posúen as células resistentes.

Publicidade

En comparación coas células sas, a membrana das células cancerosas presenta unha maior concentración de lípidos aniónicos (con carga negativa), para as cales presentan unha marcada afinidade os péptidos cíclicos empregados neste traballo, o que facilita a súa interacción coas células cancerosas. Grazas a iso, o fármaco e o ciclopéptido entran nas células cancerosas e avanzan cara ao núcleo onde a doxorrubicina se intercala co ADN celular para exercer a súa función terapéutica.

Os ensaios confirmaron que a estrutura química do ciclopéptido determina a súa habilidade para formar nanotubos estables, o que incrementa a súa eficacia para penetrar nas células malignas. O traballo publicado na revista ACS Applied Materials & Interfaces foi levado a cabo no CiQUS, centro que conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia e que recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

Publicidade

Enorme obstáculo

A resistencia aos medicamentos é un dos maiores obstáculos no tratamento do cancro. Moitos tumores desenvolven mecanismos para expulsar os fármacos do seu interior, limitando a eficacia destes tratamentos. Os péptidos cíclicos actúan neste caso como eficaces vehículos de transporte, capaces de introducir a doxorrubicina nas células que normalmente a rexeitarían.

Esta combinación de selectividade, transporte e liberación intelixente pretende establecer unha nova vía para as quimioterapias combinadas, onde a nanotecnoloxía peptídica pode actuar como un poderoso aliado para combater o cancro. Os autores do traballo confían en que este enfoque inspire o desenvolvemento de novas terapias combinadas dirixidas a tumores difíciles de tratar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

O CiQUS demostra que os de ciclos luz e escuridade guían a evolución estable de nanomateriais

O traballo liderado polo investigador Javier Montenegro permite guiar a organización de sistemas moleculares dinámicos cara a estruturas máis robustas

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE