Galicia avanza cara un composto innovador con eficacia contra as células nai do cancro

O proxecto MEDICS do CIQUS, inicialmente apoiado polo programa Ignicia da Xunta de Galicia, desenvolve terapias innovadoras de baixa toxicidade para tratar tumores como os de colon ou páncreas

Non resulta sorprendente a capacidade investigadora de Galicia no eido da química e da biotecnoloxía. Nas universidades galegas nacen proxectos innovadores como MEDICS (Metabolic Disruption of Cancer Stem Cells), liderado por un equipo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago (CIQUS), coordinado por José Luis Mascareñas e tamén formado polas doutoras Lara Villarino e Susana Torrente. O proxecto busca crear e transferir ao mercado unha tecnoloxía innovadora para desenvolver terapias antitumorais que actúen selectivamente sobre as células nai canceríxenas.

MEDICS foi seleccionado polo European Innovation Council no programa EIC Transition 2024, que lle concede un financiamento de 2,5 millóns de euros, consolidándose como o segundo proxecto galego en acadar esta axuda europea. Tamén forma parte do consorcio o doutor Bruno Sainz, biólogo celular da UAM (Madrid), así como un grupo da Universidade de Porto e dúas empresas.

Publicidade

O proxecto resulta de investigacións desenvolvidas no grupo do CIQUS fai anos, que levaron a descubrir un composto que interacciona de maneira selectiva co ADN e xenera efectos citostáticos en lugar de citotóxicos. Os estudos in vivo realizados polo doutor Sainz permitiron averiguar que o composto é moi efectivo e ten moito potencial para o tratamento de cancro de páncreas, colon ou osteosarcoma.

Dende os seus inicios, o proxecto contou co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia, do que foi beneficiario en 2018. Mascareñas destaca que este respaldo foi “fundamental” antes mesmo da fase preclínica, nun momento no que o potencial antitumoral era prometedor pero aínda incerto: “Non coñecíamos o mecanismo de acción, nin se ía ser moi tóxico, nin a súa eficacia”. A pesar das dúbidas, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP confiou na iniciativa e apostou polo proxecto, sentando así as bases para a creación dunha futura empresa biotecnolóxica.  

Publicidade

Inicios na investigación básica

“A orixe deste proxecto vén dunha investigación básica“, lembra José Luis Mascareñas. Hai unha década, o descubrimento do mecanismo de acción do composto químico chamou a atención dos investigadores do CIQUS, aínda que naquela altura non se coñecía o seu verdadeiro potencial. Este achado levou ao equipo a establecer contacto con Bruno Sainz, experto en Bioloxía do Cancro na Universidade Autónoma de Madrid e hoxe membro clave do proxecto MEDICS.

A partir dese momento, iniciáronse os ensaios para avaliar a actividade biolóxica do composto e foron aflorando os primeiros resultados. En primeiro lugar, confirmouse que non era citotóxico, a diferenza doutros fármacos empregados no tratamento do cancro, como o cisplatino. En segundo lugar, observáronse respostas significativas en cultivos celulares, especialmente nas células nai de cancro (cancer stem cells), un resultado relevante tanto pola novidade no mecanismo de acción como polo seu interese terapéutico.

Segundo Mascareñas, experto en Química Sintética, a súa estrutura molecular resulta curiosa: “É suficientemente grande como para atacar só determinadas zonas do ADN, porque non cabe noutras”. Isto convérteo nun composto altamente selectivo.

Posteriormente, os estudos liderados polo doutor Sainz permitiron comprobar que o composto era “capaz de deter o crecemento do tumor in vivo. Estes ensaios fixéronse en ratos portadores de tumores implantados e os avances positivos suxerían que se trataba dunha opción terapéutica moi prometedora, e tamén de interés dende o punto de vista biolóxico.

Fronte aos derivados de cisplatino

A tecnoloxía que pretende desenvolver MEDICS preséntase como unha alternativa aos derivados de cisplatino, aínda empregados de forma cotidiana nos hospitais. Estes fármacos actúan eliminando as células tumorais mediante un efecto citotóxico: “O problema é que non son selectivos”. Isto provoca que destrúan tanto células cancerosas como sas, xerando numerosos efectos secundarios.

A diferenza deste, o novo composto químico identificado polo proxecto da USC apunta a unha redución significativa destes efectos adversos. Segundo explica o investigador, o composto é “suficientemente reactivo” para danar especificamente as células nai de cancro, e non outras. Dado que moitos tumores teñen a súa orixe neste tipo de células, o poder eliminalas ou desactivalas supón abrir un novo camiño terapéutico. “Ademais, xa temos averiguado que cando se combina con outros antitumorais, aumenta a eficacia e o tamaño do tumor decrece, aínda que estes estudos están aínda en marcha”, comenta o doutor Mascareñas.

Resultados preclínicos prometedores

José Luis Mascareñas asegura que o proxecto MEDICS conta con “resultados moi prometedores en estudos de animais”, explica. Tras moitos estudos, o equipo pode confirmar que unha dose reducida do composto administrado por vía intravenosa resulta moi eficaz, tanto en animais con cancro de páncreas como de colon. Os ratos responderon positivamente a todos estes ensaios, en liña cos resultados obtidos previamente en experimentos in vitro. Con todo, os avances tamén veñen acompañados de novos desafíos, O principal problema actual céntrase no sistema de transporte e na estabilidade do composto. “Isto é o que temos que solucionar nesta nova fase preclínica para poder avanzar”, asegura o investigador do CIQUS.

Non é, en calquera caso, o primeiro reto ao que se enfrontou o equipo. Nun inicio, a dificultade estivo na propia síntese química e en entender como producir a escala este tipo de compostos que conteñen átomos de rutenio: “Non son tan sinxelos como as típicas moléculas orgánicas”. Esta barreira quedou superada grazas ao desenvolvemento dunha metodoloxía sintética moi práctica, que xa reproduciu unha empresa externa.

Os grupos de química de Santiago e de Bioloxía de Madrid teñen feito moitos esforzos para entender o funcionamento do composto. Todos os datos dispoñibles suxiren que este tipo de compostos actúan sobre o ADN mitocondrial das células nai de cancro, inhibindo o seu proceso de respiración. De todos xeitos, non se descartan mecanismos complementarios que poden ampliar o seu potencial terapéutico.

Así mesmo, no plano preclínico, houbo que optimizar as condicións dos ensaios en ratos: establecer o seguimento da cinética do composto, optimizar a dose, avaliar a súa farmacocinética e a farmacodinámica… “Foron retos científicos moi interesantes e que poidemos ir resolvendo pouco a pouco“, asegura Mascareñas.

Impacto no tratamento do cancro a longo prazo

Co progreso das investigacións, o proxecto alcanzou unha fase preclínica avanzada. “O EIC Transition vainos permitir abrir unha nova etapa”, sinala José Luis Mascareñas. O obxectivo é que, ao concluír os tres anos de duración desta axuda europea, se poida dar o salto cara aos ensaios clínicos en humanos. Aínda que non existen garantías, a esperanza do equipo investigador é que este paso se faga realidade.

Segundo explica Mascareñas, “o mecanismo de acción do noso composto é distinto do que se coñece ata agora”. Este feito podería supoñer un impacto relevante non só no ámbito terapéutico, senón tamén no biolóxico, xa que abriría a porta á identificación doutros compostos con mecanismos semellantes, ampliando así o horizonte de novas terapias contra o cancro.

Futura spin-off

O obxectivo final desta investigación, que xurdiu a partir dun estudo de base fundamental, é crear unha spin-off, prevista para a finalización do programa EIC Transition. A partir dese momento, o proxecto centrará os seus esforzos en atraer investimento e iniciar os ensaios clínicos de fase 1. “Agardamos comezar os estudos clínicos cara 2028-29“, sinala José Luis Mascareñas.

O proxecto conta cun equipo interdisciplinar: investigadores do CIQUS de Santiago, un grupo portugués especializado en nanomedicina para optimizar a formulación do composto e a colaboración dunha compañía de escalado que se encargará do proceso GMP, preparando o composto para a fase clínica. “Xa hai polo menos dúas empresas farmacéuticas que mostraron interese”, engade Mascareñas.

Non é casualidade que MEDICS fose un dos cinco proxectos españois recoñecidos polo European Innovation Council, nunha convocatoria na que só se concederon o 8% dos proxectos solicitados. A innovación radica no mecanismo de acción deste tipo de compostos, que constitúe a base dun proceso de transición cara á creación dunha empresa. Tras superar un rigoroso proceso de avaliación por parte do EIC, o equipo do CIQUS inicia agora o programa EIC Transition cunha primeira reunión co consorcio do proxecto de discusión científica do consorcio.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

O CiQUS demostra que os de ciclos luz e escuridade guían a evolución estable de nanomateriais

O traballo liderado polo investigador Javier Montenegro permite guiar a organización de sistemas moleculares dinámicos cara a estruturas máis robustas

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período