Observar as células para descifrar o cancro: a científica galega que volve a casa cun novo desafío

Sara Abalde-Cela inicia etapa no CiQUS co apoio do programa Oportunius e unha Consolidator Grant para desenvolver o proxecto OBSERVER

Sara Abalde-Cela comezou as súas andanzas na ciencia na Universidade de Vigo, onde se converteu en doutora en nanotecnoloxía. Case 20 anos despois dos seus inicios, e tras o seu paso polo Reino Unido e Portugal, a investigadora regresa a Galicia grazas ao programa Oportunius da Xunta, que ten como obxectivo atraer e reter a investigadores de excelencia para que desenvolvan a súa carreira científica na comunidade. O seu regreso está ligado á traxectoria excelente da investigadora galega, que lle permitiu acadar unha ERC Consolidator Grant polo seu proxecto OBSERVER e converterse agora en investigadora principal do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde construirá dende cero un grupo de investigación propio.

“O meu obxectivo é desenvolver ferramentas para que os biólogos poidan facer grandes descubrimentos”. Esta é a misión que se formula Abalde Cela dentro da súa carreira científica, a súa paixón. Con todo, foi unha decisión que tardou en chegar tras momentos de indecisión: despois do seu paso como doutoranda pola Universidade de Vigo e Cambridge, fixo un parón onde traballou no centro tecnolóxico AIMEN antes de volver á vida académica no International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL). Pasou da ciencia á industria. Con todo, volveu ao laboratorio a través do INL en Portugal mais de dez anos, última estancia antes de volver a Galicia, máis concretamente a Santiago de Compostela.

Publicidade

A actual investigadora do CiQUS, contratada a través dun contrato de investigadora distinguida Oportunius pola Xunta de Galicia, centra a súa liña en estudar a comunicación celular como un proceso dinámico e multinivel, superando as limitacións das técnicas actuais, como a fluorescencia ou as imaxes microscópicas. O obxectivo final do proxecto OBSERVER é desenvolver unha plataforma optofluídica para coencapsular células de cancro e células inmunes a nivel individual, monitorizar as súas interaccións en tempo real e analizar despois a súa expresión xenética, o que permitirá afondar máis en procesos como a metástase.

Entre a industria e o laboratorio

“Comecei en AIMEN porque non estaba segura do mundo académico e quería probar algo preto da industria”, sinala a investigadora Oportunius sobre o seu paso polo centro tecnolóxico que conta cun percorrido en proxectos Ignicia. A pesar da súa situación estable no Porriño, decidiu que, finalmente, o seu camiño era ser investigadora: “Estaba disposta a pasar por todo ese death valley e ver a onde chegaba”. 

Así descubriu que prefería explorar as súas propias ideas, ler e escribir antes que ir ao laboratorio: “Cáusanme curiosidade as preguntas non cubertas pola tecnoloxía e os coñecementos que temos”, sinala a investigadora. Así, explica que nun grupo de 30 persoas, aínda que xa tiña o seu propio equipo e actuaba como investigadora principal, o ERC ábrelle a oportunidade de liderar e tomar as súas propias decisións científicas. Na súa carreira foi fundamental conseguir a ERC Consolidator Grant polo seu proxecto científico para poder levar a cabo a súa investigación en Galicia e no CiQUS. “Puiden volver a un centro de excelencia e cun camiño moi específico para desenvolver a miña idea”, explica Abalde-Cela.

Comunicación das células

Durante moitos anos, o paradigma na investigación da comunicación celular era estudar as células de forma individual, pero agora existe un cambio, o contacto entre células. Así, con novos mecanismos como a nanotecnoloxía ou a microfluídica, a investigadora é quen de interrogar ás células individuais para, por exemplo, saber cales van crear metástase co paso do tempo. Nun inicio, a xenómica e transcriptómica podían discernir a importancia dunha célula específica entre miles delas a través da súa secuenciación; con todo, esquecíase unha parte da comunicación, os metabolitos, que teñen un rol fundamental para a comunicación celular. Outras tecnoloxías, como as imaxes microscópicas ou a fluorescencia, teñen limitacións, pois non permiten analizar moitas células ao mesmo tempo. 

Así, o proxecto OBSERVER trata de buscar unha alternativa ás tecnoloxías existentes para “ter acceso a todas as capas da comunicación celular”, e interrogar, de forma simultánea, tanto células de cancro como células inmunes. “Busco observar dunha forma moito máis completa estas comunicacións entre células”, explica a investigadora. 

Sara Abalde-Cela pon o foco, sobre todo, nas limitacións das técnicas actuais. As plataformas monomodais interrogan unha soa expresión á vez, en tempo real e a escala de células individuais. Con todo, sinala que as que non perden multimodalidade, perden resolución: “Tes que sacrificar unha cousa ou outra”, apunta. Por exemplo, as técnicas de imaxe permiten observar ata dúas células e precisan equipamento específico, como unha placa e o microscopio, co problema principal de que os investigadores non son conscientes de todo o que pasa e perden a dimensión temporal. “Eu quero desenvolver un método co que sacrificar o menor número de parámetros”, explica. 

A investigadora achegouse á tecnoloxía microfluídica por primeira vez en Cambridge, que permite a manipulación de líquidos e células de forma eficiente, con acceso a desenvolver plataformas onde os biólogos poidan interrogar miles destas interaccións celulares.

Procura da interdisciplinariedade

O proxecto OBSERVER combina microfluídica, nanobiosensores e análise avanzada de datos. Entre os límites principais está a reproducibilidade dos experimentos e a robustez, xa que as nanopartículas teñen propiedades ópticas particulares —é o que Abalde denomina optofluídica—. Este problema require, fundamentalmente, microfabricación e nanofabricación avanzada. Tamén hai que ter en conta a integración dunha análise avanzada de datos, xa que neste proxecto conflúen datos de moitas naturezas. “Integramos datos multimodais: imaxes de células no microscopio, lonxitudes de onda ou letras do xenoma, ademais dos datos clínicos dos pacientes”, explica. Todo ten que estar normalizado para despois poder traballar cos datos.

A volta a Galicia

Nos próximos dez anos, a investigadora Abalde-Cela ten moitos soños arredor da súa investigación. Por exemplo, descubrir novas vías metabólicas coas que as células se comunican de forma efectiva a longa distancia, ou estudar a memoria colectiva celular —se unha célula se comunica con outra, e esta cunha terceira, canta información da primeira célula queda na terceira—. Todo isto está dentro dun plan de investigación a 15 anos onde desenvolver achados dende o CiQUS a nivel biolóxico e tecnolóxico. E todo feito en Galicia. 

“Oportunius é un dos programas máis ambiciosos e competitivos do panorama europeo”, subliña a investigadora, que asegura que se trata dun programa que premia o talento e o esforzo dos científicos. Ademais, apunta ao seu contrato con salario competitivo que brinda estabilidade: “Sen Oportunius teríame sido moi difícil tomar a miña decisión; o recoñecemento é algo moi escaso”. Así, con grande ilusión, a galega Sara Abalde-Cela volve ao seu fogar con orgullo, ilusión e “responsabilidade de estar á altura”.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

O historiador italiano que chega a Galicia para afondar na relación da Igrexa co medio ambiente

Marco Armiero intégrase no CISPAC a través do programa Oportunius da Xunta de Galicia tras recibir unha Advanced Grant polo seu proxecto

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS

Un equipo da USC logra unha reacción química para construír bibliotecas de moléculas codificadas por ADN

O descubrimento liderado polo investigador do CiQUS Manuel Nappi pode ser clave na procura de fármacos