“É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos e o esforzo colectivo de mellora constante”. Estas son as palabras de Diego Peña, director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que foi distinguido no mes de maio como Unidade de Excelencia María de Maeztu a través da convocatoria do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Trátase dun recoñecemento que reforza a posición do centro como referente nacional, fronteira entre a química, a bioloxía e a ciencia de materiais, áreas nas que desenvolve solucións innovadoras para superar retos globais en saúde, enerxía e tecnoloxías sostibles. Ademais, implica un financiamento aproximado de tres millóns de euros para os próximos catro anos. “Colleremos folgos para proxectos máis ambiciosos e fondos adicionais para cumprir o plan estratéxico do centro”, asegura Peña.
Mentres, dende o laboratorio, o director adxunto do CiQUS, Martín Fañanás, galardoado recentemente pola súa excelencia investigadora coa Medalla José Barluenga, explica que o traballo do día a día seguirá exactamente igual, aínda que a proxección dos científicos mudará: “Unha acreditación deste nivel ten significado para todo o mundo: dende os máis novos ata os senior; é unha motivación extra”.
Captar talento e mellorar a estrutura
“Imos dedicar unha gran parte do orzamento ás persoas“, subliña Diego Peña. Isto suporá unha oportunidade para os investigadores e investigadoras máis novos do CiQUS, con contratos de tese, programas de mobilidade e formación para convertelos en profesionais nas áreas de especialización do centro. Grazas ao selo de calidade María de Maeztu, tamén existe unha “maior visibilidade para captar talento estranxeiro e reter o talento local“, indica o director científico.
Neste contexto, o investigador Martín Fañanás asegura que hai convocatorias de persoal e de colaboracións dirixidas expresamente aos centros que contan con estes recoñecementos de excelencia. “Permite establecer un diálogo con centros que un nin imaxina, e impacta en todos os membros”, explica. Mentres que este será o obxectivo principal, outra cantidade dos tres millóns de euros estará destinada a reforzar a estrutura de apoio ao centro a fin de que os membros poidan dedicar o máximo tempo posible ao que mellor saben facer: investigar.
Con todo, búscase cumprir o plan estratéxico do CiQUS de forma máis rápida e eficiente. Unha das premisas tamén será expandir o centro con novos espazos. “É un dos grandes retos do futuro”, subliña Diego Peña. O problema é o seguinte: os grupos de investigación medran, captan cada vez máis recursos para as súas liñas, conseguir acreditacións e atraer talento. Así, segundo un dos responsables, tamén deben ter máis espazo que ofrecer. “Se queremos competir a nivel global con centros punteiros de química, temos que aproveitar esta onda de prestixio“, conclúe.
Liñas de investigación
O Centro Singular da USC conta con máis de 30 investigadores principais en áreas como a química biolóxica e médica, a química computacional e a ciencia de datos. Neste contexto, teñen en marcha 10 proxectos no European Research Council, unha das organizacións científicas máis prestixiosas do mundo. Dous deles foron concedidos en forma de modalidade Consolidator Grant: por unha banda, o proxecto ChiroPore do investigador Julian Bergueiro, centrado nunha aproximación innovadora para lograr o transporte selectivo de moléculas a través de membranas; por outra, a investigadora Sara Abalde-Cela, que desenvolverá no CiQUS OBSERVER, co obxectivo de estudar a comunicación célula-célula a nivel molecular. “As liñas do CiQUS son moitas e moi dinámicas”, subliña Diego Peña.
Concretamente, o laboratorio de Martín Fañanás investiga en como materias primas como o gas natural poden sintetizarse en moléculas de alto valor engadido. Deste xeito, deixa de queimar para producir enerxía e limítase á súa xeración de gases de efecto invernadoiro. “Na metodoloxía empregamos o metano como composto bioactivo para terapia hormonal feminina“, explica. Desta forma, dende o CiQUS tratan de crear novos elementos da forma máis sinxela e limpa, co obxectivo de que xere menos residuos e consuma menos enerxía.
Dentro dun ecosistema científico de excelencia
Son cinco os centros que forman parte dos 10 que compoñen a Rede Galega CIGUS dentro da estrutura da USC; o CiQUS está entre eles. Diego Peña explica que esta rede é crucial para colaborar, competir mellor e conseguir financiamento: “Dinamiza o panorama investigador en Galicia”. Deste xeito, colaboran con centros como Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Inteligentes (CiTIUS), ambos da USC; o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo; e o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña. “A colaboración é fundamental en ciencia”, subliña.
Con todo, dentro do CiQUS tamén se leva a cabo un traballo interdisciplinar, que reúne a químicos, físicos, farmacéuticos, médicos e biólogos nun mesmo espazo. “Ao mesturar disciplinas conseguimos cumprir obxectivos máis ambiciosos”, sinala. Así, a María de Maeztu subliña todas as cualidades positivas que cumpre o CiQUS para ser un centro de excelencia. “Son partidario dunha maior ambición: atraer liñas de investigación, reter investigadores, captar máis recursos e, en definitiva, apostar polo centro”, conclúe o director científico.














