O achado de estribos de cabalo achega novas claves sobre a ocupación medieval do xacemento das Torres

A campaña arqueolóxica en Tomiño revela varios elementos metálicos de carácter militar e permite avanzar na cronoloxía e evolución do complexo defensivo

A campaña arqueolóxica no xacemento das Torres, en Tomiño, acaba de revelar varios elementos metálicos de carácter militar, entre os que destacan uns escribos de cabalo. Este descubrimento permitirá avanzar na cronoloxía e evolución do complexo defensivo. A escavación enmárcase no proxecto Fortalezas da Fronteira, impulsado polas universidades de Minho e de Santiago de Compostela.

Unha das principais novidades desta nova campaña é a incorporación dunha metodoloxía baseada na arqueoloxía do conflito. “O primeiro foi explicar que non se debe facer cun detector de metais e como o seu mal uso afecta os xacementos arqueolóxicos. Despois realizamos unha actividade formativa para que os participantes coñecerann como se utiliza correctamente esta ferramenta e, a partir desa prospección, planificamos a intervención arqueolóxica”, explica a directora científica do proxecto, Rebeca Blanco-Rotea.

Publicidade

Foi precisamente nunha das zonas sinaladas por esa prospección onde apareceron os novos materiais metálicos. Entre eles destacan uns estribos de cabalo, atopados sobre un pavimento perfectamente conservado. Segundo Blanco-Rotea, a súa posición e estado de conservación permiten formular novas hipóteses sobre a evolución do xacemento. “Os estribos apareceron xuntos e rotos, polo que pensamos que foron desbotados e reutilizados, igual que outros materiais construtivos, como parte da preparación dun novo pavimento”, indica.

O contexto no que apareceron resulta especialmente relevante. O pavimento documentado presenta unha primeira base de seixos e arxila, sobre a que se dispón unha capa compactada de arxila amarelenta. Sobre ela aparece unha segunda pavimentación, elaborada con abundante tella machucada e sometido a un proceso de queima para endurecer a superficie. Segundo a directora científica do proxecto, este tipo de pavimentos permitían crear superficies especialmente resistentes para soportar o tránsito de materiais pesados asociados á actividade militar, especialmente á artillaría.

Publicidade

As primeiras evidencias apuntan a que este contexto podería corresponder á Baixa Idade Media. Xunto aos estribos apareceron abundantes fragmentos cerámicos que, de maneira preliminar, se datan entre os séculos XIII e XIV, coincidindo coa cronoloxía dos materiais documentados durante a campaña de 2025. “De momento todos os materiais cerámicos que estamos recuperando nesta zona pertencen aos séculos XIII e XIV. Agora toca limpalos e estudalos con detalle, pero os contextos son moi similares aos que xa coñecemos doutros castelos medievais”, explicou Blanco-Rotea.

Reconstruír a historia do xacemento

Co obxectivo de confirmar estas hipóteses, o equipo está a desenvolver un programa de recollida de mostras para a datación absoluta. Para iso recolleuse argamasa do primeiro pavimento, que será analizada mediante luminescencia opticamente estimulada (OSL) polo investigador Jorge Sanjurjo-Sánchez, da Universidade da Coruña. Tamén se analizarán a capa superior rubefactada —que permitirá datar o momento da queima do pavimento— e numerosos carbóns recuperados durante a escavación. Estas análises permitirán determinar cando se construíu cada un dos pavimentos, se ambos pertencen ao mesmo momento cronolóxico e en que momento se produciu o incendio que endureceu a superficie.

Cada vez máis complexo

Os novos achados reforzan a idea de que As Torres foi un espazo ocupado e transformado durante varios séculos. Segundo explicou Blanco-Rotea, cada campaña confirma con maior claridade que a fortificación da Guerra da Restauración reutilizou un asentamento medieval previo, aínda pendente de delimitar completamente. A arqueóloga sinalou que os traballos realizados estes días tamén permitiron identificar novas estruturas construtivas elaboradas con argamasa, pedra, tella e cerámica medieval, así como unha posible plataforma de tiro, unha contramuralla e outros elementos propios da arquitectura militar da Idade Moderna. A hipótese coa que traballa actualmente o equipo é que parte das estruturas medievais foron desmontadas para reaproveitar os seus materiais durante a construción das defensas do século XVII.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación da USC descobre por primeira vez mercurio nas cerámicas galegas de hai 5.000 anos

Dous estudos científicos revelan que as mostras procedentes do illote de Guidoiro Areoso destacan por presentar os valores máis altos rexistrados na análise

Achada no Castro de Esemelle unha peza dun colar con posible orixe na illa grega de Rodas

A escavación, impulsada pola UDC e o Concello de Ferrol, tamén sacou á luz fragmentos dunha vaixela con decoración sogueada, moi característica da cultura castrexa

Do túmulo neolítico de Chousa Vella á foxa medieval de Fontenla: un proxecto afina o pasado arqueolóxico de Galicia

Unha investigación da Xunta de Galicia e o Incipit analiza 33 mostras para determinar a súa antigüidade a través da proba do carbono 14

Achados os restos dun individuo perinatal no xacemento do Castelo de Valencia do Sil en Valdeorras

Os ósos indican unha idade estimada de falecemento entre 36 e 38 semanas de xestación, un descubrimento estraño no contexto tardorromano