Un fortín defensivo contra Portugal? A principal hipótese dun xacemento no Baixo Miño

Unha intervención arqueolóxica identifica o acceso, os foxos e a contramuralla dunha fortificación construída sobre antigas explotacións mineiras romanas

A fortaleza das Torres, no concello pontevedrés de Tomiño, é un enclave defensivo do século XVII. Agora, unha campaña arqueolóxica está intentando descubrir os segredos mellor gardados do xacemento. Os primeiros resultados apuntan a que se puido tratar dun fortín estratéxico para conter unha invasión portuguesa cara ás vilas da Guarda, Tui e Baiona.

Segundo explica a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea, os traballos iniciais de limpeza e sondaxe apuntan nesta dirección e permiten desbotar que o xacemento fose unha batería, como se identificou inicialmente. Puido tratarse, por tanto, dun fortín construído en terra e con revestimento parcial en pedra, e non un baluarte como se interpretou nun primeiro momento. “Trataríase dun sistema defensivo estratéxico no control das rutas que unían A Guarda con Tui e Tui con Baiona que podería ter xogado un papel fundamental para conter unha posible invasión portuguesa”, sinalan.

Publicidade

O acceso á fortificación consérvase de maneira clara, con restos dun parapeto defensivo, sobre o que se levantaría orixinariamente unha cerca de madeira. Esta estrutura impedía a visibilidade do interior e servía de protección á entrada. Xunto a ela documentouse unha plataforma de acceso que conducía ao interior do recinto.

Unha explotación mineira de ouro

Un dos elementos máis destacados é a presenza dun sistema defensivo composto por dous foxos e unha contramuralla, que delimitaban o espazo principal. Os investigadores consideran que estes foxos aproveitaban antigas trincheiras de explotación mineira de ouro de época romana, adaptadas ás necesidades defensivas da Guerra da Restauração (século XVII).

Publicidade

A análise preliminar tamén indica que se empregaron materiais propios da contorna, como o granito local e cantos rodados procedentes das terrazas fluviais do Miño. Estes elementos formarían parte do parapeto e dalgunhas zonas revestidas da fortificación, o que confirma o carácter funcional e de rápida construción destas obras militares.

A escavación, ao abeiro do campo de traballo de xuventude da Xunta de Galicia, continuará nos vindeiros días co obxectivo de documentar con máis detalle as técnicas construtivas e a organización interna da fortaleza, un dos principais escenarios do sistema defensivo da fronteira no Baixo Miño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os segredos que agocha o xacemento de Armea: 15 anos de escavacións e unha nova casa castrexa

A escola de verán cumpre unha década e media cunha intervención que confirma a presenza de restos arqueolóxicos no Alto dos Fornos

Un proxecto galego analiza dous séculos de presenza humana na Antártida a través de obxectos

A investigación está liderada pola arqueóloga María Ximena Senatore e conta cunha Advanced Grant pola que recibirá case dous millóns e medio de euros durante cinco anos

De campamento neandertal a enterramento: os achados das escavacións en Cova Eirós e Monte Penedo

Os traballos, liderados dende a USC, permiten descubrir restos óseos infantís e adultos e amplían os períodos de ocupación humana das cavidades

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación