Un equipo galego mide a contaminación mariña de forma temperá a través de ourizos de mar

Os cambios na temperatura e outros elementos nocivos afectan a nivel xenético e celular os animais, un marcador precoz de alteracións ambientais

Marcadores para medir a contaminación… con ourizos de mar. Esa é a proposta dun equipo da sede viguesa do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), que achou que distintos factores como a temperatura da auga e a contaminación afectan a nivel xenético e celular. O estudo permite unha nova forma de medir a presenza de elementos prexudiciais na auga de forma temperá sen ser intrusivos no ecosistema.

Os océanos son, agora mesmo, un dos medios máis afectados pola contaminación. Proba diso son os animais que acaban varados ou mortos debido a elementos presentes nas augas como pesticidas ou a radiación. O seu impacto é tal que xa está moi presente nas persoas: un estudo de 2018 atopou microplásticos nas feces de todos os participantes. Con todo, estes non son os únicos elementos que prexudican os animais do medio mariño. Por exemplo, a suba das temperaturas tamén desequilibra os ecosistemas. Agora, un grupo de investigadores utilizan ourizos de mar (Paracentrotus lividus) para medir de forma temperá parámetros como o crecemento. Tamén estudan a expresión xenética, o que lles permite coñecer mellor como afectan estes factores nos animais.

Publicidade

Pesticidas e microplásticos

A investigación comeza coa utilización dun par de ourizos de mar adultos, un macho e unha femia. Co esperma e os ovocitos prodúcese unha fertilización in vitro. Máis adiante, eses embrións serán tratados con diferentes contaminantes. “Neste caso, tratámolos con auga de mar a modo de control e con pesticidas, microplásticos e en condicións de cambio climático”, asegura o investigador principal, Juan Ignacio Bertucci.

Despois desta fase, os investigadores deixan incubar a dúas temperaturas. Por un lado a 20 graos, a temperatura normal na que se realiza o ensaio, e a 24 graos, que serían condicións de quecemento dos xeos. Queda así durante 48 horas, tempo preciso para que os embrións se poidan converter en larvas. Aos dous días seguintes xa terán os brazos desenvolvidos e poden alimentarse.

Publicidade

Neste punto, paran o ensaio e pasan a estudar o crecemento. Compárase con cando son embrións e entre eles. “Se medraron en condicións normais, teñen que terse desenvolvido e medir unhas 400 micras”. Se os contaminantes realmente están afectando ou producindo algún efecto, pódese inhibir de todo o crecemento ou producir algunha diminución neses valores.

Cambios vinculados ao crecemento

O estudo tamén mide outros parámetros morfolóxicos. Por exemplo, a lonxitude entre diferentes puntos, o ancho e tamén o volume. Logo, realizan a extracción do material xenético para medir a súa expresión. Concretamente, seleccionan o ARN mensaxeiro, que é enviado a secuenciar.

Esa é a base, segundo Bertucci, coa que poden ter unha medida dos xenes que se están expresando en cada unha das condicións que foron detectadas. “Desta forma podemos comparar os controis en condicións normais, en tratamentos con contaminantes e con factores de estrés”, explica o técnico. Esas medicións xenéticas permiten observar alteracións que non serían visibles só co seu tamaño e forma.

O equipo xa atopou cambios importantes. “Sobre todo, vinculados ao crecemento”. Na acidificación prodúcese tamén algunha alteración, pero non é tan grave como no caso da temperatura, concreta.

Unha medición temperá

O científico considera que a investigación é moi interesante. “Primeiro, porque permiten alertar de maneira temperá que hai algún cambio desfavorable”. En ocasións, por exemplo, hai alteracións nos xenes que non son especialmente notables no crecemento, afirma. “Pero si está afectando á vida desas larvas e poden xerar problemas a maiores, a outros niveis”, argumenta.

O estudo tamén permitirá que, ao afondar nesta especie, poidan realizarse comparacións con outras especies máis complexas. Concretamente, co entendemento das rutas de expresións de xenes, rutas metabólicas que son compartidas entre especies.

“É unha liña que pode ter moitos beneficios a futuro”, destaca Bertucci. Un paso máis para coidar os océanos, un lugar onde a contaminación, especialmente por micropartículas e polo aumento da calor, está á orde do día.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia