O CiQUS obtén o selo de Unidade de Excelencia María de Maeztu

O centro da USC recibirá arredor de tres millóns de euros para os próximos catro anos a través do recoñecemento do Ministerio de Ciencia

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materialis Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaba de ser distinguido como Unidade de Excelencia María de Maeztu, segundo a resolución provisional da convocatoria do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Este recoñecemento, que implica un financiamento aproximado de tres millóns de euros para os próximos catro anos, reforza a posición do CiQUS como referente na fronteira entre a química, a bioloxía e a ciencia de materiais, áreas nas que o centro desenvolve solucións innovadoras para retos globais en saúde, enerxía e tecnoloxías sostibles.
 
Desde a súa creación en 2010, o CiQUS consolidou un modelo de investigación interdisciplinar de alto impacto, integrado actualmente por 19 grupos de investigación e unha destacada capacidade de captación de fondos competitivos. O centro conta ademais co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia e recibe apoio financiero da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

A súa actividade científica abarca áreas como o deseño de materiais funcionais, a química biolóxica e o desenvolvemento de novas metodoloxías sintéticas. Esta traxectoria compleméntase cunha firme aposta pola formación e a atracción de talento investigador, reflectida na obtención de 19 proxectos do Consello Europeo de Investigación (ERC) —ata 13 investigadores e investigadoras do CiQUS recibiron o apoio deste prestixioso organismo europeo— e na participación do centro en iniciativas impulsadas polo European Innovation Council (EIC), orientadas a acelerar a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento de tecnoloxías disruptivas.

Publicidade

A reitora da USC, Rosa Crujeiras, manifestou: “O orgullo que temos que ter como comunidade universitaria por ter conseguido esta terceira María de Maeztu, que recoñece a investigación de fronteira que se fai na nosa Universidade pública”. Á súa vez, quixo agradecer o traballo e esforzo científico en todos estes anos “das persoas que conforman o CiQUS e que permitiron a consecución deste noivo recoñecemento para a USC”. Pola súa banda, os directores do centro destacaron que este recoñecemento “supón un impulso decisivo para seguir avanzando na misión de abordar grandes desafíos científicos desde unha perspectiva innovadora e colaborativa, co obxectivo de xerar un impacto real na sociedade”.
 
A acreditación María de Maeztu permitirá ao CiQUS reforzar a súa estratexia científica e institucional, aumentar a súa proxección internacional e potenciar a atracción de novo talento investigador. Así mesmo, contribuirá a consolidar boas prácticas na xestión da investigación e a fortalecer a capacidade do centro para liderar proxectos de excelencia a escala global.

Tres centros da USC con este recoñecemento

Son xa tres os centros da USC que contan con este recoñecemento ministerial e que dan mostra do seu gran potencial investigador de vangarda. O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) convertérase en 2017 no primeiro instituto galego que a ostentaba, concesión que revalidou en 2023; e a ela sumouse o pasado ano o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS).

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do ‘vermicompost’ ao uso de ozono: un estudo da USC avalía o impacto ambiental de alternativas agrícolas

A tese de Sara Lago evidencia que determinadas prácticas sostibles non sempre presentan un mellor desempeño cando son analizadas de maneira integral

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure