A comezos de abril, un grupo de investigadores, científicos e ornitólogos embarcou no cruceiro MV Hondius, hoxe coñecido polo gromo da cepa Andes de hantavirus, e que se atopa a dous días de fondear na costa de Tenerife. A expedición partiu de Arxentina co obxectivo de percorrer o Atlántico Sur ata chegar a Cabo Verde a comezos de maio. Dos 149 pasaxeiros a bordo, 14 son españois; entre eles, o ornitólogo galego Ricardo Hevia. Un amigo de cinco dos ornitólogos participantes —tamén afeccionado ás aves e con máis de dúas décadas de experiencia no estudo das gaivotas— explica que a viaxe tiña un carácter estritamente científico, centrado nas aves mariñas. “Eles só estiveron no barco, non en terra”, sinala, mentres a embarcación facía escala visual en illas como San Pedro, Gough ou Santa Elena, no medio do Atlántico.
En Galicia naceu a paixón de moitos deles pola ornitoloxía, favorecida pola súa condición de enclave privilexiado no contexto europeo. Estaca de Bares, situada a uns 40 quilómetros do concello de Cariño —localidade de orixe de Ricardo Hevia—, constitúe un punto estratéxico para a observación de aves mariñas debido ás súas rutas migratorias: “Circulan o Atlántico de beira a beira para criar nos mares do Sur”. Así, moitas especies aliméntanse na costa galega para acumular reservas antes de viaxar cara a illas remotas do océano, onde establecen as súas zonas de cría. Entre elas, os albatros destacan como un dos principais atractivos para os ornitólogos.
Aínda que destinos como Nova Zelandia, Australia ou Sudáfrica adoitan concentrar boa parte do interese destes especialistas, esta expedición centrábase na Patagonia e no Atlántico Sur, unha área igualmente cobizada. “Embarcacións como o MV Hondius son a única vía para acceder a estas pequenas illas, de acceso complexo e cunha loxística moi custosa”, explica. Un dos obxectivos principais da viaxe era a observación da pardela de lentes (Procellaria conspicillata), aínda que o informante descoñece se os seus compañeiros lograron avistala. “Seguramente si, son observadores moi experimentados. Nos primeiros días falei cun colega de Madrid, pero non teño máis novidades”, conclúe.
Unha viaxe custosa pero interesante
O principal interese dos cinco integrantes do grupo vinculado ao ornitólogo galego co que contactou GCiencia eran as chamadas aves mariñas peláxicas do Atlántico Sur. “Só pisan terra para reproducirse; o resto do ano pásano no mar”, explica a fonte. É nos cantís destas illas remotas onde se concentran grandes colonias de cría, convertendo a zona nun enclave de enorme valor científico. O itinerario máis curto desta expedición pode acadar un custo de ata 8.000 euros por persoa, o que a converte nunha experiencia tan exclusiva como desexada entre os afeccionados á ornitoloxía, especialmente aqueles centrados nas aves mariñas. “Os meus colegas lograron ir aforrando pouco a pouco, euro a euro”, engade.
Entre as especies de maior interese destaca a pardela de lentes, que aniña exclusivamente no arquipélago de Tristán de Acuña e nas súas illas satélite, cunha poboación estimada de entre dous e tres millóns de parellas. Trátase dunha ave moi ligada aos seus niños e, debido ao seu voo baixo, resulta máis doada de observar nesta área entre setembro e marzo. Presenta unha plumaxe marrón agrisada con manchas brancas na cabeza, especialmente arredor dos ollos, característica que lle dá nome. “O grande obxectivo era poder vela, xa que existen varias especies moi semellantes”, apunta o afeccionado.
Ademais das aves, a travesía ofrece a posibilidade de avistar cetáceos e especies de golfiños pouco comúns, difíciles de observar noutras rexións. Tamén se poden atopar outras aves que, durante o outono, pasan por lugares como Estaca de Bares e que logo migran cara a América do Sur para reproducirse. Neste contexto, o MV Hondius convértese nun auténtico reclamo para os amantes da natureza, ofrecendo a bordo non só a experiencia da viaxe, senón tamén recursos divulgativos como bibliotecas especializadas, charlas e mesmo cursos sobre biodiversidade.
A observación do Caracara plancus
“Os paxareiros imos a todo tipo de sitios, dende paradisíacos ata outros máis inhóspitos”, explica a fonte. Aínda que os cinco amigos non participaban na expedición co obxectivo de observar aves terrestres, outros pasaxeiros si tiñan interese nestas especies. Coa súa experiencia no estudo das gaivotas, sinala que lugares como os vertedoiros poden converterse en auténticos “paraísos para aves rapaces e terrestres”, xa que ofrecen alimento doado e constante. Ese era precisamente o propósito dun matrimonio neerlandés a bordo: observar o Caracara plancus, unha ave rapaz presente en países como Arxentina, Uruguai, Brasil ou Venezuela. Aí foi onde se puido producir o primeiro contaxio.
Esta especie, tamén coñecida como carancho, mide entre 55 e 60 centímetros de lonxitude e caracterízase pola parte superior da cabeza negra, mentres que o resto presenta tons brancos agrisados e pardos. A pel da cara é espida, un trazo habitual nas aves carroñeiras, adaptadas a alimentarse de restos animais. Trátase ademais dunha especie oportunista, capaz de aproveitar recursos en contornos moi diversos, incluídos espazos humanizados como vertedoiros.
Porén, o acceso a estes lugares non é sinxelo en Europa. “Entrar nun vertedoiro é moi complicado, por non dicir case imposible”, explica. As restricións débense aos riscos asociados á maquinaria pesada ou aos posibles derrubamentos de residuos, polo que é necesario contar con permisos específicos e medidas de seguridade, como o uso de casco. “Cada vez é máis difícil conseguilos; hai que xustificar que se vai realizar un estudo de seguimento. Non sei como será en Arxentina”, conclúe.
Consciencia fronte aos riscos
Os ornitólogos adoitan emprender este tipo de viaxes co obxectivo de coñecer novas especies das máis de 10.000 identificadas en todo o mundo. Porén, estas expedicións non sempre teñen lugar en contornos especialmente seguros desde o punto de vista sanitario. “Eran conscientes dos riscos que asumían, aínda que probablemente non da presenza do hantavirus”, explica a fonte. Neste tipo de travesías é habitual adoptar medidas preventivas antes da partida, como a vacinación ou a planificación sanitaria. Xa no destino, especialmente en enclaves pouco alterados como illas remotas, tamén se aplican protocolos estritos: por exemplo, a limpeza e desinfección do calzado ao embarcar e desembarcar, co fin de evitar a introdución de sementes ou patóxenos en ecosistemas fráxiles.
No caso de visitas a vertedoiros —aínda que os seus compañeiros non chegaron a baixar do barco—, recomenda o uso de máscara como medida de protección adicional. Ademais, subliña unha práctica común entre os especialistas: “Ningún ornitólogo manipula os paxaros; a maioría nin sequera se deixan, pero ademais poden portar patóxenos aos que os humanos non estamos afeitos”. “Canto máis remoto é o destino, maiores son as dificultades”, engade. Con todo, desde a súa experiencia, considera que “o contaxio do pasaxeiro neerlandés tivo que ser algo moi puntual e circunstancial”.
O estado do cruceiro
a actualidade, o cruceiro continúa a súa travesía cara a Canarias cun cadáver a bordo, á espera de fondear na costa de Tenerife. A chegada está prevista para as 12:00 horas do domingo. Ata o momento, confirmáronse cinco casos de hantavirus entre os pasaxeiros. Así conclúe unha expedición seguida por numerosos afeccionados á natureza e á ornitoloxía, marcada por un balance traxicamente interrompido que deixa tres vítimas mortais.















Magnífico o obxectivo buscado nesa viaxe; unha das conclusións é que os ornitólogos galegos están a un nível extraordinario. Mágoa ese final inesperado. A actividade de Ricardo Hevia é coñecida e recoñecida desde hai anos por cantos nos interesamos polas aves. Pode parecer unha actividade marxinal, mais axuda a que este planeta sexa a marabilla que temos ao noso arredor. Unha aperta para todos eles, paciencia e moito ánimo.
Boísimo trabalho que facedes
Incertidume