O hantavirus de 2018 en Arxentina: dos supercontaxiadores a unha taxa de mortalidade do 32%

Un estudo publicado en 2020 indica que a probabilidade de transmisión do patóxeno aumenta por unha alta carga viral e a ausencia de medidas de control

A Organización Mundial da Saúde (OMS) eleva a cinco o número de casos de hantavirus detectados no cruceiro MV Hondius. Trátase, con todo, dun patóxeno coñecido: en Occidente identifícase desde a Guerra de Corea, en 1954, e é endémico de Sudamérica, onde circula unha variante propia asociada á síndrome pulmonar por hantavirus do virus Andes (VAND), vinculada a este gromo. O principal antecedente rexistrado produciuse entre novembro de 2018 e febreiro de 2019 na provincia de Chubut (Arxentina), con 34 casos confirmados e 11 falecementos, o que supón unha taxa de mortalidade do 32,35%. Un estudo pioneiro publicado en The New England Journal of Medicine en 2020 concluíu que esta infección respiratoria pode transmitirse entre persoas, evidenciando un potencial de transmisión comunitaria.

Segundo os autores, “tres pacientes foron os principais responsables do gromo”, ao concentrar o 64% dos casos secundarios (21 de 33). Neste contexto, emerxe a figura dos chamados “supercontaxiadores”, que tamén podería ser relevante no episodio do cruceiro con destino a Canarias. Estas persoas, pola súa elevada carga viral e intensa actividade social, poden elevar a taxa de transmisión ata valores próximos a 2,12, é dicir, contaxiar de media a máis de dúas persoas.

Publicidade

Aínda que os eventos de superpropagación son frecuentes noutras enfermidades infecciosas, ata entón non foran descritos nesta variante de hantavirus. No brote de Chubut, unha festa de aniversario con arredor de 100 asistentes deu lugar a 33 casos secundarios e a catro ondas de transmisión, reconstruídas a partir das relacións epidemiolóxicas coñecidas e probables entre os afectados. Entre as principais conclusións do estudo destaca o papel determinante dunha alta carga viral e a ausencia de medidas de control en encontros sociais multitudinarios, factores que incrementan de forma significativa o risco de transmisión.

Cronoloxía do contaxio

A investigación interdisciplinar elaborou unha cronoloxía detallada do gromo co obxectivo de comprender a expansión do virus Andes. O primeiro caso, coñecido como “paciente índice”, permaneceu na festa uns 90 minutos mentres presentaba febre e malestar xeral. Cinco persoas sentadas nas súas proximidades desenvolveron síntomas compatibles coa síndrome pulmonar por hantavirus (ANDV) entre 17 e 24 días despois do evento. Con todo, o estudo sinala que o segundo paciente foi a fonte máis probable de diseminación do virus, debido á súa intensa actividade social; faleceu 16 días despois do inicio dos síntomas. Durante o seu funeral, dez persoas que tiveron contacto estreito coa súa parella —o paciente número nove— enfermaron entre 14 e 40 días máis tarde. A idade media dos afectados foi de 38 anos, nun rango comprendido entre os 27 e os 58. “Estas correlacións suxiren que a transmisión de persoa a persoa estivo asociada a unha elevada carga viral e a unha función hepática máis comprometida no paciente infectado”, conclúen os autores do estudo.

Publicidade

1996: ano de inflexión

En 1996, na cidade de El Bolsón (Arxentina), rexistrouse un gromo de hantavirus da cepa Andes que posteriormente se estendeu a outras localidades. Este episodio supuxo a primeira evidencia molecular e epidemiolóxica que apuntou á posibilidade de transmisión entre persoas. Segundo o estudo, “informouse dunha transmisión limitada de persoa a persoa, observada principalmente no sur de Arxentina e en Chile”, aínda que, en termos xerais, este tipo de contaxio require contacto estreito e prolongado con persoas sintomáticas.

O papel do sistema inmune

A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González sinala que “este virus é máis agresivo que outros que circulan por Asia e Europa”. A infección pode provocar encharcamento pulmonar e unha resposta inflamatoria que a experta cualifica como “moi intensa”. En Arxentina, engade, os casos adoitan afectar persoas máis novas do esperado —aínda que o home neerlandés falecido no MV Hondius tiña 70 anos— e presentan unha maior incidencia en homes. Nesta última tempada 2025/2026 rexistráronse 101 casos, cunha taxa de mortalidade próxima ao 30%.

Neste contexto, os anticorpos IgM poden servir como indicador dunha infección aguda, aínda que González subliña que a resposta celular é clave para eliminar o virus do organismo. “Inicialmente presenta síntomas semellantes á gripe; cando a muller do falecido desembarcou e tamén faleceu, saltou a alerta”, explica. Foi entón cando en Sudáfrica se realizaron análises máis profundas, baseadas en secuencias virais obtidas a partir de secrecións, sangue e tecido pulmonar dos falecidos.

Con todo, aínda é complexo interpretar con precisión os factores inmunolóxicos asociados aos casos máis graves de hantavirus. “Trátase sobre todo de persoas maiores que, debido á deterioración do sistema inmune, non son capaces de responder eficazmente ao virus”, apunta África González. Este fenómeno relaciónase coa inmunosenescencia, é dicir, o envellecemento do sistema inmunitario, que reduce a activación dos linfocitos B e T e debilita a resposta fronte a patóxenos novos. “Aínda que non é un virus novo desde o punto de vista epidemiolóxico, para estes pacientes si o é; esa é a principal razón da gravidade”, conclúe a experta.

Illamento como medida

No gromo de 2018, as autoridades sanitarias implementaron o illamento dos casos confirmados e a corentena obrigatoria dos seus contactos estreitos. Tras a aplicación destas medidas de control, o número medio de casos secundarios xerados por unha persoa infectada reduciuse de 2,12 a 0,96. “Independentemente da gravidade da enfermidade ou da resposta inmunitaria do hóspede humano, os pacientes deben ser illados e os seus casos xestionados con coidado”, sinala o estudo de 2020.

Neste sentido, recoméndase tamén aos profesionais de primeira liña o uso de equipos de protección individual para evitar a transmisión no ámbito sanitario. En gromos anteriores, como os de 1996 e 2011, documentouse a transmisión de persoa a persoa que chegou a implicar persoal sanitario.

A procura dunha vacina

“Hai que facer estudos e procurar o desenvolvemento dunha vacina específica para este virus”, afirma a inmunóloga África González. Non existen antivirais específicos para tratar os hantavirus, aínda que se están a facer probas con outros xa existentes. “Non era un virus que chamara a atención dos investigadores porque eran gromos controlados e normalmente localizados”, sinala. Así, cando afecta en lugares onde hai un hospital accesible, a mortalidade descende grazas ao soporte da unidade de coidados intensivos, xa que se precisa mesmo ventilación mecánica. Pero as cifras de mortalidade están presentes: a incidencia entre persoas con síndrome pulmonar por hantavirus asociado ao ANDV é alta e oscila entre o 21 e 50% en Arxentina.

Nula presenza en España

O Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC) estima que o risco asociado a este tipo de virus é baixo. Trátase dunha infección endémica do Cono Sur, con presenza limitada en Europa e Asia, onde adoita cursar con síntomas leves. En España non se notifican casos de hantavirus entre 2019 e 2023. No contexto europeo, Finlandia foi o país con maior número de casos en 2023 (806), seguido de Alemaña (335).

En España, o episodio máis documentado corresponde a un viaxeiro atendido no Hospital de Vall d’Hebrón en 2018 tras regresar de Nepal con síndrome cardiopulmonar compatible co virus Puumala, unha variante de menor gravidade que pode causar febre e afectación renal transitoria, cunha letalidade arredor do 1%. Segundo datos europeos, en 2023 a taxa media foi de 0,4 casos por cada 100.000 habitantes.

As últimas informacións indican que o barco non atracará en Canarias, senón que permanecerá fondeado nas súas costas. A chegada está prevista para o domingo 10 de maio ás 12:00 horas, no sur de Tenerife.


Referencia: “Super-Spreaders” and Person-to-Person Transmission of Andes Virus in Argentina (Publicado en The New England Journal of Medicine)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas

Gómez Ulla, o cirurxián galego que dá nome ao hospital do illamento do hantavirus

O doutor exerceu a súa profesión en múltiples frontes bélicas, entre elas dúas guerras mundiais e a Guerra Civil española