A OMS eleva a cinco os casos confirmados de hantavirus

A organización asegura que os demais pasaxeiros do 'MV Hondius', que navega en dirección ás Canarias, non presentan síntomas e que o risco para a poboación xeral é "baixo"

A Organización Mundial da Saúde (OMS) eleva a cinco os casos confirmados de hantavirus. En total, xa se notificaron oito, e tres deles faleceron, tal e como o trasladou o director xeral da OMS, Tedros Adhanom, nunha comparecencia celebrada a primeira hora da tarde deste xoves. Os pasaxeiros que continúan a bordo do buque MV Hondius están confinados e continúan sendo asintomáticos. Malia que dende a OMS recoñecen a gravidade da situación, insisten en que o risco para a poboación xeral é “baixo”,mais non descartan que aparezan máis casos nos próximos días, dado que o virus ten un longo período de incubación.

Nada que ver coa covid

Outro dos aspectos no que máis fincapé fixeron os expertos da OMS que acompañaron a Adhanom na comparecencia é en descartar similitudes coa pandemia de SARS-CoV-2. “Isto non é covid nin gripe. É moi diferente. É un virus que xa coñecemos”, afirmou a epidemióloga Maria Van Kerkhov. A experta recomendou o uso de máscaras en casos sospeitosos, dado que o hantavirus se pode transmitir a través de contacto físico próximo. En concreto, a variante dos Andes, que é a única da que, ata o de agora, se ten constancia que se transmite entre humanos. En xeral, os hantavirus contáxianse pola inhalación de partículas contaminadas desprendidas das feces ou dos ouriños de roedores infectados.

Publicidade

Cronoloxía dos contaxios

Segundo a cronoloxía achegada pola OMS, o primeiro caso foi un home que comezou desenvolvendo síntomas o 6 de abril e faleceu no barco cinco días despois. Como a súa sintomatoloxía era compatible con outros virus respiratorios, nin se tomaron mostras nin se sospeitou que puidese ser un caso de hantavirus. A súa muller tamén desenvolveu síntomas e, tras desembarcar na illa de Santa Elena, colleu un voo a Johannesburgo o 25 de abril, pero faleceu ao día seguinte. Tras a análise de mostras confirmouse que se trataba de hantavirus. O terceiro falecemento, tamén a bordo do barco, rexistrouse o 2 de maio tras cinco días de síntomas.

En canto aos casos activos, a OMS achegou información sobre a hospitalización dun home que, actualmente, está en coidados intensivos nun hospital de Sudáfrica tras ser evacuado o 27 de abril. Outras dúas persoas están estables, pero ingresadas nun centro do país africano. Hai outro paciente asintomático en Alemaña. O oitavo caso é o doutro varón que desembarcou tamén na illa de Santa Elena, pero que presentou síntomas unha vez en Zúrich (Suíza), onde se confirmou que estaba infectado con hantavirus.

Publicidade

Máis casos?

A OMS recoñeceu que ten constancia doutras persoas con síntomas que puideron ter contacto con algún pasaxeiro, como unha azafata que está ingresada en Ámsterdam, pero non hai máis confirmados. “En cada caso estamos en estreito contacto coas autoridades pertinentes. Dado o período de incubación do virus Andes, que pode ser de ata seis semanas, é posible que se notifiquen máis casos”, asegurou Adhanom, quen insistiu en que a prioridade é evitar a propagación do virus e coordinar a acción entre Estados. De feito, o barco navega cara ás Canarias, onde finalmente non desembarcará, dado que a evacuación se fará en lancha.

Orixe do gromo

A orixe do gromo aínda non se esclareceu. “Antes de embarcar, os dous primeiros casos viaxaran por Arxentina, Chile e Uruguai nunha viaxe de observación de aves, que incluíu visitas a lugares onde se atopaba a especie de rata portadora do virus andino”, explicou o director xeral da OMS. Por tanto, a principal hipótese semella sosterse nun contaxio externo ao barco, que logo se foi propagando polo contacto estreito que os casos cero tiveron con outros paisaxeiros. De feito, estase a facer seguimento de 30 persoas que desembarcaron na illa de Santa Elena.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas

Gómez Ulla, o cirurxián galego que dá nome ao hospital do illamento do hantavirus

O doutor exerceu a súa profesión en múltiples frontes bélicas, entre elas dúas guerras mundiais e a Guerra Civil española

Dos antigos lazaretos galegos ás modernas unidades de illamento: así evolucionaron as corentenas

San Simón, Tambo e o castelo de Oza funcionaron como centros sanitarios que illaban os pasaxeiros e a tripulación dos barcos para evitar a expansión de enfermidades infecciosas