Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

Un ensaio clínico publicado na revista JAMA Neurology achega novas evidencias sobre o manexo de pacientes con ictus isquémico tratados mediante trombectomía baixo anestesia xeral, unha estratexia que nos últimos anos se consolidou como preferente pola súa asociación con mellores taxas de restablecemento do fluxo sanguíneo (reperfusión) e mellores resultados clínicos.

Con todo, a pesar destes avances, persistía unha pregunta clave na práctica clínica: cal é o momento óptimo para espertar o paciente —o que en termos médicos se coñece como extubación— tras o procedemento?

Publicidade

O estudo, coordinado desde o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), comparou dúas estratexias de extubación dentro das primeiras 12 horas tras a trombectomía: unha precoz (antes de 6 horas) e outra lixeiramente diferida (entre 6 e 12 horas). Os resultados mostran que non existen diferenzas significativas na recuperación funcional entre ambas as estratexias, o que suxire que a extubación pode realizarse con seguridade dentro deste intervalo temporal.

“Non sempre é mellor facelo inmediatamente”

“En xeral, canto antes se poida espertar o paciente, mellor. Pero non sempre é posible, nin tampouco recomendable facelo de forma inmediata tras o procedemento”, explica Manuel Taboada, investigador principal do estudo.

Publicidade

Moitos pacientes chegan ao hospital cun ictus grave, con hemiplexia, baixo nivel de conciencia ou episodios de vómitos, o que aumenta o risco de broncoaspiración (isto é, o paso de sólidos ou líquidos ás vías respiratorias en lugar do esófago) e complicacións respiratorias nas horas posteriores. Ademais, o cerebro estivo durante horas cunha perfusión reducida. “Tras unha trombectomía exitosa, o fluxo sanguíneo restablécese, pero a recuperación neurolóxica non é inmediata nin igual en todos os pacientes”, engade.

Durante anos, a idea predominante foi que unha extubación moi precoz —incluso inmediata— podería mellorar a evolución do paciente. Con todo, os resultados deste estudo introducen un matiz importante.

“Moitos pensabamos que canto antes espertásemos o paciente, mellor sería a súa evolución. Pero agora vemos que ‘depende’. Non atopamos beneficios en adiantar a extubación unhas horas se o paciente aínda non está preparado”, sinala Taboada.

Unha xanela segura e unha decisión individualizada

A principal mensaxe do estudo é que a extubación debe realizarse dentro das primeiras 12 horas tras a trombectomía, pero sempre adaptada á situación clínica do paciente. Para unha extubación segura, os expertos destacan a importancia de que o paciente recupere un nivel de conciencia axeitado, manteña estabilidade hemodinámica, presente respiración espontánea eficaz e conserve os reflexos de protección da vía aérea.

“Isto non significa que haxa que atrasar a extubación”, subliña o investigador. “O obxectivo segue sendo realizala canto antes, pero unicamente cando o paciente estea en condicións”. Unha extubación excesivamente precoz sen cumprir estes criterios pode ter consecuencias negativas. “Se se retira o respirador demasiado pronto nun paciente que aínda non está preparado, pode empeorar a súa evolución e mesmo obrigar a reintubar, o que aumenta o risco de complicacións”, advirte o doutor.

Implicacións para a práctica clínica

Estes achados axudan a cubrir un baleiro relevante no manexo do ictus tras trombectomía, proporcionando unha referencia clara para anestesiólogos, intensivistas e neurólogos. “Máis ca unha cuestión de tempo exacto, a clave está en saber elixir o momento axeitado en cada paciente”, conclúe Taboada.

Un traballo multidisciplinar desde o CHUS

A idea do estudo xurdiu no Servizo de Anestesia do CHUS, nun contexto de crecente uso da anestesia xeral na trombectomía e ante a ausencia de recomendacións claras sobre o manexo posterior destes pacientes. O traballo foi posible grazas á colaboración estreita entre os servizos de Anestesia, Neuroloxía e Neurorradioloxía, reflectindo o enfoque multidisciplinar imprescindible no tratamento do ictus.

Todos os pacientes incluídos no estudo, que se desenvolveu entre abril de 2023 e xuño de 2025, ingresaron tras o procedemento na Unidade de Coidados Intensivos de Anestesia, onde se levou a cabo o seguimento clínico e a implementación do protocolo de extubación.

Os investigadores destacan a participación de máis de 50 médicos no desenvolvemento do estudo, o que permitiu xerar “evidencia sólida” nunha contorna clínica real. Ademais, queren recoñecer o papel clave do equipo de enfermaría, auxiliares e de todos os profesionais da Unidade de Coidados Intensivos de Anestesia, sen cuxa implicación non sería posible levar a cabo un estudo destas características.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo

Un estudo de Science con participación galega vincula células inmunitarias do cerebro coa fertilidade

O descubrimento abre novas vías para entender a puberdade e como se altera en trastornos endócrinos relacionados coa reprodución

Un estudo con selo galego clasifica de alto risco catro variantes de cancro hereditario de mama e ovario

A investigación na que colabora o IDIS é fundamental para mellorar os diagnósticos xenéticos e axudar os profesionais sanitarios a tomar decisións sobre a atención e o manexo dos pacientes

Un equipo de Santiago detecta alteracións en marcadores sanguíneos asociados á depresión maior

O trastorno adoita vincularse cun maior risco de deterioración cognitiva pero non se coñecen con precisión os mecanismos biolóxicos que pode haber detrás