Despois dun ictus isquémico é clave restablecer a circulación. Esa é a maneira na que se preservará a función da área do cerebro afectada e se conseguirá que os doentes se recuperen coas menores secuelas posibles. Agora, un estudo levado a cabo por investigadores do Hospital Clínic-IDIBAPS, e publicado recentemente na revista JAMA, demostra que a combinación de tratamentos pode mellorar o prognóstico dos pacientes de ictus. Máis polo miúdo, a administración dun fármaco despois dunha intervención para atrapar o trombo mellora a situación dos doentes de maneira significativa. Segundo apuntan dende IDIBAPS, isto suporá un cambio de paradigma á hora de tratar os ictus isquémicos.
Este tipo de ictus prodúcense cando se obstrúe un vaso sanguíneo que leva o sangue ao cerebro, representando o 85% de casos de ictus. Cando o sangue non chega da maneira axeitada, a función da parte do cerebro afectada pode quedar alterada de forma transitoria ou permanente. Por iso é esencial ser capaz de actuar durante as primeiras horas posto que, segundo sinalan dende o IDIBAPS, cada minuto que pasa morren dous millóns de neuronas. É por iso que os tratamentos que permiten recuperar o fluxo sanguíneo deben empregarse ata 24 horas despois do ictus.
Procedemento complexo
Máis en detalle, un dos tratamentos que se empregan para o ictus isquémico é a trombectomía mecánica. Consiste na introdución dun catéter pola arteria femoral a través do cal se fai avanzar un stent (dispositivo flexible e elástico) ata a arteria obstruída co obxectivo de capturar, entre as mallas do stent, o trombo e extraelo despois da circulación. Trátase dun procedemento de elevada complexidade que só se realiza en hospitais terciarios con profesionais altamente cualificados.
A trombectomía mecánica é un procedemento de elevada complexidade
“En preto dun 80% dos casos conseguimos que o sangue volva circular con normalidade pero observamos que aos tres meses a porcentaxe de persoas que están completamente libres de secuelas é do 27%“, explica Ángel Chamorro, coordinador do estudo. É dicir, a diferenza entre unha porcentaxe e outra mostra que o tecido do cerebro próximo á formación do trombo vai morrer, aínda que o sangue volva circular con aparente normalidade. O que se expón no estudo é que, aínda que a arteria principal estea aberta, existe afectación a nivel da microcirculación cerebral. “Esta microcirculación queda obstruída, é coma se abrísemos unha autoestrada, pero mantivésemos pechadas as saídas”, apunta Chamorro.
Tratar o que non se ve
Para restablecer a circulación, os investigadores propuxeron a administración dun fármaco fibrinolítico, que potencia a disolución dos trombos e axuda a restablecer o fluxo sanguíneo, despois da realización da trombectomía. “Con esta aproximación, tratamos o que non vemos pero que sabemos que está aí”, explica Arturo Renú, responsable do ensaio no Hospital Clínic e primeiro asinante do artigo.
Os resultados do estudo (con 121 participantes) demostran que, administrando este tratamento, auméntanse ata un 59% as posibilidades de que o paciente obteña unha excelente recuperación e sen secuelas aos tres meses do procedemento. “Estamos a dar un fármaco que se adoitaba dar antes da realización do tratamento, a facelo despois. Así, primeiro restablecemos a circulación na arteria principal e despois damos o fármaco, que é eficaz desfacendo os trombos máis pequenos”, sinala Renú.
“Este traballo supón un cambio de paradigma no tratamento da enfermidade en todo o mundo”, sinala Anxo Chamorro. “Cos resultados obtidos, ademais, a satisfacción é dobre, xa que levamos a cabo o estudo grazas ao financiamento de La marató de TV3: as doazóns que realizou a cidadanía tiveron un retorno directo á sociedade cunha intervención que mellora de forma clara a recuperación dos pacientes”, conclúe.
Referencia: Effect of intraarterial alteplase following successful thrombectomy on functional outcomes in patients with large vessel occlusion acute ischemic stroke: the CHOICE randomized trial (Publicado en JAMA)