Científicos de Santiago buscan a fenda que permita frear o ictus

O investigador do IDIS Francisco Campos lidera un proxecto europeo que usará nanomedicinas intelixentes para abordar a "estreita" xanela terapéutica

Os accidentes cerebrovasculares aparecen moitas veces sen avisar. Poden afectar a xente aparentemente sa, que de súpeto sofre este problema, que aparece pola obstrución ou rotura dos vasos sanguíneos cerebrais. Calcúlase que o 33% das persoas que o padecen quedan con discapacidade permanente, e o 40% falece. Fronte á súa gravidade, os investigadores sanitarios teñen unha “estreita” xanela terapéutica, que dificulta o tratamento. Este é o desafío dun proxecto europeo, de nome PLATMED, coordinado por Francisco Campos, científico do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). O seu obxectivo é avanzar no desenvolvemento de nanomedicinas biomiméticas derivadas de plaquetas para tratar o ictus isquémico trombótico, isto é, o causado por tromboses que impiden a circulación normal do sangue polos vasos cerebrais.

Ata agora, a trombólise con activador de plasminóxeno tisular recombinante (rtPA) intravenoso é o único tratamento farmacolóxico aprobado para pacientes que sofren o ictus isquémico agudo. Porén, ten obstáculos e efectos adversos que os investigadores de PLATMED queren superar. “O seu uso está limitado por unha xanela terapéutica estreita, eficacia selectiva e complicacións hemorráxicas en moitos casos”, explica Francisco Campos.

Publicidade

“O principal obxectivo que nos marcamos co proxecto PLATMED é fabricar un novo modelo de nanomedicinas intelixentes para encapsular este fármaco e aumentar a súa eficacia e seguridade, reducindo desta forma o risco de hemorraxia. Este innovador camiño na abordaxe da enfermidade prevé que mellore o resultado dos pacientes con ictus tratados con rtPA, ampliar a xanela de tempo terapéutico e, por tanto, o número de pacientes que poidan beneficiarse deste tratamento, engade Campos.

Esquema da acción das nanomedicinas que prepara o proxecto PLATMED sobre o ictus. Fonte: IDIS.
Esquema da acción das nanomedicinas que prepara o proxecto PLATMED sobre o ictus. Fonte: IDIS.

A procura de novas ferramentas baseadas no uso da nanotecnoloxía supuxo na última década un significativo avance en ictus cerebral. E a ciencia feita en Galicia estase a posicionar neste campo, xa que en PLATMED (acrónimo de Biomimetic platelet-derived nanomedicines for treatment of thromboembolic stroke), tamén forma parte o grupo dirixido por Beatriz Pelaz e Ester Polo no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC. Xunto aos grupos galegos traballará un equipo da Universidade de Caen-Normandía, liderado por Denis Vivien; e o grupo coordinado por Dusica Maysinger na Universidade McGill de Canadá.

Publicidade

Esta liña de investigación dá por tanto continuidade á progresión exponencial acadada nos tratamentos contra o ictus nos últimos anos, tanto na vertente básica (fisiopatoloxía molecular, celular e xenética), como na clínica (criterios, procedementos e técnicas de diagnóstico e tratamento). Con todo,seguen existindo limitacións para unha maior e máis rápida progresión dos coñecementos e para o seu traslado á clínica. “A investigación básica está disgregada, moitas veces é repetitiva e a súa capacidade traslacional é cuestionable. Estes mesmos defectos son aplicables á investigación clínica”, explican desde o IDIS.

En España, as enfermidades cerebrovasculares constitúen a primeira causa de mortalidade en mulleres e a primeira ou segunda causa de mortalidade en homes. Ademais, é a principal causa de discapacidade en idade adulta. Debido ao progresivo envellecemento da poboación, nos próximos anos crecerá o número de casos de ictus que se producen cada ano. A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que o número de casos anuais de ictus incrementarase un 27% nos próximos 25 anos. O seu impacto provoca que represente entre o 3 e o 6% do gasto total sanitario.

O proxecto PLATMED enmárcase dentro da rede EuroNanoMed III, integrada por diversos países para apoiar proxectos de investigación traslacional que combinen enfoques innovadores no campo da nanomedicina. EuroNanoMed apoia proxectos de investigación e innovación multidisciplinarios e traslacionales que abarcan campos como a medicina rexenerativa, diagnóstico e sistemas de administración dirixida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

O CiQUS demostra que os de ciclos luz e escuridade guían a evolución estable de nanomateriais

O traballo liderado polo investigador Javier Montenegro permite guiar a organización de sistemas moleculares dinámicos cara a estruturas máis robustas

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

O CiQUS obtén o selo de Unidade de Excelencia María de Maeztu

O centro da USC recibirá arredor de tres millóns de euros para os próximos catro anos a través do recoñecemento do Ministerio de Ciencia