Sábado 20 Abril 2024

‘Aerólitos’: o misterio que caeu do ceo na fin do milenio

Grandes bloques de xeo de varios quilos, coñecidos como megacriometeoros, foron atopados na península a comezos dos anos 2000

As desgrazas que moitos vaticinaron coa entrada do século XX e o terceiro milenio da nosa era non chegaron. Ou, polo menos, non chegou coas grandes calamidades que moitas voces presaxiaban. Nin o Efecto 2000 nin as profecías de Nostradamus se cumpriron. Pero o comezo do ano 2000 estivo rodeado en España dun fenómeno para o que ninguén atopaba explicación e tiña moitas compoñentes inquietantes; o episodio dos aerólitos, grandes fragmentos de xeo que apareceron en varios lugares da península naquel inverno, espertaron a curiosidade da cidadanía, supuxeron un reto para os científicos e, nalgúns casos, abriron a porta á picaresca e o humor. Pero máis de 21 anos despois, que se sabe daqueles anacos de xeo que caían do ceo?

A chegada dos aerólitos

A principios de xaneiro do ano 2000 comezaron a aparecer na Comunidade Valenciana e en Andalucía grandes bloques de xeo. Acompañados do estrondo xerado ao bater co chan, asustaron notablemente a quen presenciou os fenómenos. Sorprendía especialmente a chegada de fragmentos xeados desde o xeo nuns días nos que o ceo estaba despexado en boa parte da península. Chegaron a furar tellados e crebar parabrisas de vehículos.

Publicidade

Aqueles sucesos espertaron a curiosidade dos científicos, e un equipo do CSIC, dirixido polo xeólogo experto en meteoritos Jesús Martínez Frías, comezou a recoller mostras para analizar aqueles sorprendentes obxectos. E a medida que o interese mediático aumentaba, multiplicábanse tamén os avistamentos, que non tardaron en chegar a Galicia. En Santiago de Compostela, Outeiro de Rei, Boiro ou Carballo, a veciñanza avistou obxectos xeados de grandes dimensións. Mais, como se verá, é probable que algún deles non viñese do ceo, senón dalgún conxelador próximo.

As hipóteses e o antecedente do Courel

O desconcerto daquel fenómeno puxo en marcha as pescudas para achegar explicacións con base científica. Falouse, por exemplo, da posibilidade de que procedesen dos retretes dos avións, ou que tivesen orixe extraplanetaria, a partir dalgún cometa ou bólido que traspasase a atmosfera. A outra posibilidade, que hoxe parece a máis plausible, e a dun fenómeno atmosférico pouco habitual.

A algúns expertos veulle á cabeza naqueles días o suceso que se producira no Courel en xullo de 1996. Alí, un veciño presenciou a caída dun bloque de xeo de arredor de 2kg, cun ton azulado. As análises de investigadores da USC constataron meses despois que a súa composición era semellante á dos deterxentes usados nos sanitarios dos avións e que, á hora do suceso, unha aeronave comercial pasaba sobre a zona. Aquel caso quedara, por tanto, pechado.

No mundo anterior ás redes sociais, os medios de masas percorreron España para procurar testemuñas dos aerólitos. Algúns souberon ver o potencial mediático de tan raros fenómenos e outros, simplemente, quixeron pasar un bo rato cunha brincadeira. “En España hai moito ‘cachondo'”, declaraba o entón director do Instituto Nacional de Meteoroloxía, Eduardo Coca, cando lle preguntaron polo crecemento exponencial dos achados de aerólitos.

En efecto, boa parte dos supostos bloques atmosféricos eran, en realidade, auga que se conxelara adrede nos arcóns ou conxeladores. Menos dunha decena dos centos de supostos obxectos aéreos, segundo as análises do CSIC, procedían realmente das alturas. No caso das brincadeiras, foi habitual atopar no medio dos bloques restos de bolsas de plástico; outros tiñan un sospeitoso cheiro a peixe conxelado e, nas que se fixeron análises químicas, viuse claramente que era auga da billa. E, sobre todo, non presentaban ningún deterioro despois de caer a centos de quilómetros por hora desde miles de metros de altura; algúns estaban enteiros e non tiñan restos de impacto. Noutros casos, como nun suceso en Andalucía, a veciñanza sorprendeu a uns mozos lanzando un bloque de xeo contra un coche para simular unha brutal colisión.

Os aerólitos ‘reais’ eran megacriometeoros

Despois de días de auténtica febre, e no medio dunha enorme expectación, o CSIC presentou as súas conclusións, nas que apuntaba a un “proceso meteorolóxico pouco habitual”, vinculado a unha caída repentina da tropopausa sobre a península, e que ata o día de hoxe parece ser a razón máis sólida para explicar os casos nos que, de verdade, o xeo caía do ceo. Déuselle o nome de megacriometeoros. Así, apuntaron a un mecanismo semellante ao da sarabia, xa que a composición química coincide coa da auga da chuvia troposférica que é habitual nas áreas nas que se producen estas precipitacións. Ademais, na análise da atmosfera daqueles días observáronse condicións anómalas na atmosfera, referentes aos niveis de ozono e o aumento da humidade, que poderían igualmente contribuír ao episodio.

Megacriometeoro caído no teito dunha nave industrial en Mejorada del Campo (Madrid) no ano 2007. Fonte: Martínez Frías et al.
Megacriometeoro caído no teito dunha nave industrial en Mejorada del Campo (Madrid) no ano 2007. Fonte: Martínez Frías et al.

Con todo, hoxe en día aínda non hai “ningún modelo xeofísico capaz de explicar satisfactoriamente que factores causan a nucleación e crecemento deste xeo, ou como estes bloques tan grandes poden formarse e manterse na atmosfera”, escriben os científicos nun artigo sobre este fenómeno.

Segundo as análises do equipo de Martínez Frías, os megracriometeoros poderían ser tamén un indicador do cambio climático: “O quecemento global troposférico, e principalmente o arrefriamento estratosférico, poderían estar causando que a tropopausa sexa máis fría, húmida e turbulenta, creando condicións nas que os cristais de xeo poderían medrar, formando grandes conglomerados de xeo”, explican.

Os megacriometeoros, que xa se coñecían antes do episodio do ano 2000, seguiron caendo en distintas partes do planeta nos anos seguintes, como o impacto que se pode ver ao comezo deste texto, e que se produciu no 2002 en Soria. No 2007, o mesmo equipo publicou outro artigo sobre un bloque de 10kg que impactou no teito dunha nave industrial en Madrid. A revisión realizada polos investigadores do CSIC atopou referencias históricas desde a primeira metade do século XIX ata os últimos anos, sumando máis de 100 acontecementos que se poderían atribuír á caída destes obxectos.

1 comentario

  1. Moi interesante, era adolescente daquela e moitas veces pensei que haberia de real e que de imitadores nos famosos “aerolitos”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte