Ola de novo! 👋🏼 Aquí Andrea,
Dende GCiencia, levamos escribindo arredor da eclipse total de Sol dende o 1 de xaneiro —literalmente—. É importante non só porque é un fenómeno único, senón tamén porque a banda de totalidade pasa directamente por Galicia, sobre os concellos do norte da comunidade. É un fenómeno polo que milleiros de persoas se desprazarán, tanto dentro do territorio como dende España, Europa ou a outra punta do mundo. Con todo, a catro días do fenómeno astronómico do ano, queda por resolver a incógnita máis importante: a nubosidade.
Trátase do factor meteorolóxico que máis pode impedir a observación da eclipse total, onde hai que ter en conta os antecedentes existentes: o meteorólogo Benito Fuentesexplicaba nesta reportaxe que escribimos en maio que, nas últimas tres décadas, a nubosidade media do territorio español foi do 30% para o 12 de agosto. Sobre todo, sinalaba que a importancia reside nas nubes baixas e nas néboas, ambas as dúas problemáticas: teñen un espesor considerable e poden tapar o Sol completamente. Pola contra, as nubes altaspoden cubrir o ceo dándolle un aspecto velado que non impide a visión.
Desta forma, o meteorólogo leva cada día da semana publicando a predición en cada área da totalidade a través do seu perfil de X(@metbeni). Na última actualización do 7 de agosto, indica que o interior da Coruña e Lugo —onde a cobertura será do 100%— e as provincias de Ourense e Pontevedraserán as zonas de Galicia con maior probabilidade de obter as mellores vistas da eclipse. Con todo, no litoral norte da Coruña e na Mariña é máis probable que haxa nubes a que non, aínda que non afectarán do mesmo xeito en toda a zona. Con todo, a catro días do evento, non son datos precisos.
Nun contexto de incerteza, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e Meteogaliciahabilitaron apartados específicos nas súas páxinas web para consultar a predición diaria para a xornada do 12 de agosto. A axencia meteorolóxica galega anuncia, no momento de escribirvos este Ciencia en confianza, que a configuración máis probable é a influencia das altas presións, con ventos frouxos de compoñente norte. Esta situación traerá tempo seco, con nubes baixas e brétemas durante as primeiras horas do día. A partir do mediodía e ata a noite, agárdanse ceos pouco nubrados ou despexados en xeral, coa posibilidades de intervalos de nubes baixas —as nosas inimigas— no norte da provincia de Lugo e na Costa da Morte. Podes consultar a predición de hoxe nesta ligazón.
Con todo, a eclipse vai máis aló do tempo —que si, é o máis importante—. Durante a totalidade —ou parcialidade dende a meirande parte de Ourense e Pontevedra—, o asombro estará presente. Para facer a seguinte reportaxe falei co catedrático de Psicoloxía Clínica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Fernando Vázquez, que me contou con especial interese que era a “Psicoloxía do asombro”. Esta emoción humana aparece cando estamos ante algo extraordinario que nos supera e obriga a mirar a realidade doutra forma. Así, centos de persoas, nunha praia ou nun miradoiro, vivirán unha experiencia compartida caracterizada polo sobrecollemento. Unha especie de síndrome de Stendhal, pero non só da arte. Podes ler na peza os seus consellos para gozar ao máixmo da totalidade.
E, ademais de coñecer todos os datos interesantes e resolver a incógnita da nubosidade —algo que só poden facer os modelos—, tamén é importante planificar. A miña compañeira Noelia fixo un artigo sobre unha aplicación que puntúa os mellores lugares de Galicia dende onde ver a eclipse, como o Pico de Ouroso, un terreo na fronteira con Asturias cunha puntuación de 97 sobre 100 e unha totalidade de un minuto e 46 segundos. Podes consultalo aquí. Aínda que cabe lembrar que, dende o Goberno, tamén prohibiron a observación dende 29 puntos xeográficos en Galicia. Para que o teñades en conta.

Finalmente, quería comentar unha iniciativa que me parece moi útil se estás pola Coruña. O Ministerio de Ciencia e o Grupo Social ONCE distribuirán dous millóns de lentes da eclipse certificadas para observar con seguridade o fenómeno do 12 de agosto, e A Coruña está entre os puntos de repartición. Concretamente, no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) e nos Museos Científicos Coruñeses —Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae—. Se queres unhas, terás que acceder coa entrada gratuíta do museo, polo que para recollelas será imprescindible realizar a visita. Unha única lente por visitante, ata esgotar existencias. Así que, xa sabes: aprendes e, de agasallo, o mellor artificio para observar a eclipse.
E, agora, a descansar para a semana que vén! Vai ser especialmente interesante (e científica).
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.














