O efecto Purkinje, o curioso fenómeno que cambiará as cores durante a eclipse total de Sol

A diminución brusca da luz activa os bastóns da retina e fai que os tons vermellos, laranxas e amarelos se perciban máis escuros

A poboación xa está na conta atrás para poder vivir un evento histórico o vindeiro 12 de agosto: a eclipse total de Sol. Será a primeira vez que se poderá observar o fenómeno en España dende 1912 e a súa banda de totalidade pasa directamente polo norte de Galicia. Máis aló da astronomía, a xornada atraerá conversas arredor da cosmoloxía, da psicoloxía e será protagonista de impresións ópticas como o efecto Purkinje. Trátase dunha tendencia do pico de sensibilidade de luminancia do ollo cando se ve afectado por un cambio brusco, ao adaptarse á escuridade. En consecuencia, as cores vermellas, laranxas e amarelas parecerán máis escuras, mentres que as verdes e azuis adquirirán un resplandor inusual.

Por exemplo, á luz do sol, as flores do xeranio son dunha cor vermella brillante fronte ao verde apagado das súas follas. Con todo, o que ocorre durante fenómenos como unha eclipse total é que o contraste cambia as tonalidades: os pétalos parecen dunha cor vermella escura ou negra e, as follas, relativamente resplandecentes.

Publicidade

Trátase dun fenómenos perceptible só ao longo da banda de totalidade, polo que as rexións do norte de Galicia poderán experimentar o efecto Purkinje. Isto ocorre porque é a zona onde a Lúa cubrirá por completo o Sol e a luz ambiental diminuirá de forma drástica, mentres que nas zonas de parcialidade —como a provincia de Pontevedra e o sur de Ourense— o ceo verase dunha cor gris azulada e o cambio será menos evidente.

Que pasa no ollo?

O efecto Purkinje ten unha explicación científica localizada no ollo: ocorre na transición entre o uso primario dos conos e dos bastóns. Os conos son as células encargadas de distinguir as cores e os detalles da imaxe, e os bastóns son moito máis sensibles á escuridade e non distinguen coa mesma precisión.

Publicidade

No contexto dunha eclipse total, a medida que a intensidade da luz se atenúa cando avanza a totalidade, os bastóns toman o relevo e, antes de que a cor desapareza completamente, pasan a desempeñar o papel principal. Desta forma, varía a lonxitude cara a ondas máis curtas, o que provoca este curioso cambio na percepción das cores durante unha eclipse total de Sol como a do próximo 12 de agosto. Con todo, no caso das zonas onde persista a parcialidade, a retina seguirá funcionando principalmente cos conos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona