O 12 de agosto, moitas persoas estarán nun miradoiro ou nunha praia ás 20:00 horas agardando o fenómeno astronómico do ano: unha eclipse total de Sol cuxa banda de totalidade pasará por Galicia, con especial impacto sobre a gran protagonista, a cidade da Coruña. Nos 46 puntos sinalados polo concello dende onde se poderá vivir o evento haberá persoas que compartan un momento practicamente único na vida.
Ás 19:30 horas, a Lúa comenzará a tapar o Sol ata chegar ao punto da totalidade, ás 20:27, momento onde as persoas poderán quitarse as lentes homologadas durante un minuto e 16 segundos e desfrutar do espectáculo. O día farase noite, chegará unha sensación de frío pola ocultación do astro que brinda calor á Terra, e chegará o silencio. Os paxaros deixarán de cantar, o silencio entre os asistentes quedará instaurado por unha emoción: o asombro. Un primeiro plano da xente cos ollos como pratos, con algunha bágoa silenciosa.
O catedrático de Psicoloxía Clínica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Fernando Vázquez explica que o asombro é unha emoción “moi humana” que aparece cando estamos ante algo extraordinario que nos supera e obriga a mirar a realidade doutra forma. “O asombro non é simplemente estar contento; é unha combinación entre admiración, sorpresa e sobrecollemento ante algo difícil de abarcar”, apunta. Así nace unha liña na psicoloxía coñecida como Psicoloxía do asombro, que serve para explicar que sentiremos durante o próximo 12 de agosto.
O asombro da observación
A Coruña acadará un 100% de cobertura durante a eclipse, ao contrario que o 99,3% de Vigo; ese pequeno 0,7% pode marcar a diferenza entre unha noite escura e un solpor. Así, dende a cidade do norte galego poderase vivir a experiencia no seu máximo esplendor. Neste contexto, o asombro será notable neste enclave.
Vázquez sinala o paradoxo do asombro: “Somos pequenos fronte a inmensidade do que contemplamos, pero estamos máis conectados co mundo e cos demais”. Iremos máis aló, xa que ademais de observar o fenómeno astronómico do ano, conectaranos con algo máis grande ca nós. “Esta emoción pode xurdir nun montón de situacións con característica de extraordinaria: ante a natureza, escultura, elementos musicais, ou esta eclipse do 12 de agosto”, apunta.
Con todo, a cuestión é que, durante un tempo, o ollo humano estará ante unha experiencia fóra do cotián onde cambian os elementos da natureza, como a luz, o ceo, e o Sol, o astro que ilumina en todo momento durante o día, desaparece ante os nosos ollos. “Aínda que saibamos por que ocorre a eclipse, unha cousa é comprendela e outra, experimentala”, sinala.
Punto de vista psicolóxico
Durante os setenta e seis segundos que dure a totalidade, a nosa mente non estará pensando en nada máis ca o que ven os nosos ollos. “O cotián pasa a un segundo plano; dámonos conta de que formamos parte de algo máis extraordinario”, sinala Fernando Vázquez. Este fenómeno leva á insignificancia, onde a contemplación do extraordinario leva a pór o “eu” en perspectiva. Aínda que non desaparecen os problemas, durante un pequeno período de tempo apártanse da mente e tómase un sentido máis proporcional do “eu” en relación ao universo.
“Non digo que contemplar a eclipse mellore a saúde mental, pero si o benestar e unha menor focalización en nós mesmos”, sinala o psicólogo. A eclipse pasa de ser un fenómeno a unha experiencia compartida que se vive cunha maior intensidade dende a dimensión social. Así, durante uns minutos, milleiros de persoas van deter o que están a facer —traballar, camiñar e mesmo falar— parar mirar xuntos ao ceo.
Nun mundo rodeado polas présas e as pantallas, pásase a compartir unha experiencia: “Non é que moita xente mire o ceo á vez, senón que teñen a mesma emoción e experiencia nun mesmo momento”.
Experimentar co asombro
O astrofísico, comunicador científico e exdirector do Planetario de Pamplona Javier Armentia fala nun artigo de The Conversation da insólita e bela experiencia da eclipse total de Sol.
Explica que, durante o ano 2017, o psicólogo Sexan Goldy da Johns Hopkins University analizou as publicacións na rede social Twitter —actual X— para reunir as reaccións do 21 de agosto. As conclusións determinaron un aumento de termos relacionados coa sorpresa, con actitudes positivas e expresións relacionadas coa gratitude e o agarimo; súmase o cambio no uso de pronomes, empregando o “nós”, sobre todo na xente situada na franxa de totalidade.
Como gozar mentalmente da eclipse
O psicólogo Fernando Vázquez sinala, dende a vertente da clínica aplicada, unha serie de consellos para gozar o día da eclipse total de Sol dende a perspectiva psicolóxica:
—Para prestar atención de verdade, hai que estar presente. Non vivir o fenómeno a través do teléfono móbil.
—Compartir a experiencia con outras persoas. Vivir a eclipse acompañado fai que a experiencia sexa máis especial e aumenta a sensación de conexión cos demais.
—Deixarse sorprender aínda que saibamos o que vai ocorrer.
—Realizar un traballo de introspección. Facerse preguntas como “Que estou a sentir agora? Como se proxecta isto en min?”.
—Partir dunha base: non hai ningunha forma correcta de vivir unha eclipse.
Así, a só unha semana do grande evento astronómico do ano, pode chegar a ter unha intensidade tan grande que pode non só alterar o ambiente, senón a nosa psicoloxía. Unha experiencia que quedará marcada na mente para sempre.














