A fabricación aditiva revolucionou a forma de deseñar e producir pezas, pero aínda presenta importantes limitacións cando se traballa con materiais plásticos de altas prestacións. Este é o obxectivo do proxecto L3DO, que busca madurar e validar industrialmente a primeira impresora 3D de sobremesa asistida por láser. O Centro de Innovación e Tecnoloxía multisectorial AIMEN lanza esta idea pioneira coa que poder traballar con materiais de altas prestacións, que son mecanicamente mellores en termos estruturais ca os materiais plásticos tradicionais da impresión 3D. Mentres estes permiten facer un prototipo rápido pero fráxil, os materiais cos que permitirá traballar o resultado de L3DO teñen unha maior resistencia mecánica e térmica, coñecidos como termoplásticos de altas prestacións.
David Diego Vallejo, investigador de Sistemas e Aplicacións Láser e coordinador técnico do proxecto L3DO, sinala que esta alternativa pon o foco no principal problema da impresión 3D: o proceso de creación dunha peza adoita facerse capa a capa, e para que os materiais se adhiran ben e teñan unhas correctas características mecánicas, teñen que ter unha temperatura controlada. “A diferenza de temperatura ten que ser a menor posible para que sexan resistentes”, indica o experto de Aimen. No caso dos materiais de altas prestacións, controlar a temperatura da peza no proceso de impresión faise imprescindible para lograr bos resultados.
“Nós apostamos por tecnoloxía láser para facer este quentamento controlado”, explica Diego Vallejo, pois é unha ferramenta que permite quentar unha área moi localizada sen molestar os arredores da peza. Así, supón unha vantaxe fronte ao quecemento de cámaras calefactables e outras fontes de quecemento local. Dende AIMEN, cun longo percorrido en láser e impresión 3D de plásticos, combinaron estas dúas técnicas para mellorar as características dos materiais. Isto, sumado á axuda tras a aprobación do proxecto dentro da convocatoria do programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta de Galicia, fan de L3DO un proxecto claramente prometedor con vistas a unha spin-off: “A axuda de Ignicia é fundamental para a creación dunha posible empresa; que alguén crea en ti”.
Automoción e aeronáutica
A pesar de que AIMEN contaba cun prototipo funcional do produto detrás de L3DO, comezou como Ignicia en xaneiro de 2026. Agora, atópanse nunha fase de maduración do prototipo e na creación da estrutura arredor da spin-off, un escenario no que AIMEN non ten experiencia ao tratarse dun centro tecnolóxico. “Estamos entre procesos regulatorios, de seguridade, deseño de produto e estudo de mercado”, apunta David Diego Vallejo. “Non queremos actuar con materiais convencionais (PLA) porque xa existen impresoras que o fan”, sinala o coordinador técnico do proxecto. Con todo, estas tecnoloxías non funcionan igual de ben con materiais de altas prestacións, cunhas características mecánicas e térmicas mellores. Por iso, proponse dar un salto cualitativo dentro da tecnoloxía para “lograr un alto grao de flexibilidade e permitir crear pezas a medida con xeometrías complexas, a principal vantaxe da impresión 3D”, como engade David. Xunto ca lixeireza dos plásticos en comparación aos metais, estas pezas son de grande interese para o sector da automoción e o aeronaútico.
Antes de comezar con L3DO, os líderes do proxecto decidiron preguntar o interese en empresas de diferentes sectores por esta tecnoloxía. As respostas máis positivas chegaron dende a automoción e a aeronáutica. Por unha banda, no caso da automoción permitiría crear pezas de series pequenas para poder realizar avaliacións como compoñentes a causa da súa resistencia mecánica e características estruturais. Por outra, para a aeronáutica —concretamente no sector dos drons— precísanse pezas resistentes, flexibles e fabricadas de forma rápida, en moitos casos customizadas para poder ocupar determinados ocos e realizar modificacións de tamaño; tamén para vehículos aéreos ou terrestres unipersoais, dende anfibios ata voadores, onde a lixeireza dos materiais e a alta resistencia é importante. Aquí é onde o produto do proxecto L3DO marca a diferenza.
O mellor de ambos mundos
“O maior reto foi ser capaces de unir ambas as tecnoloxías; o mellor de ambos mundos nun só produto”, sinala. Así, nos primeiros pasos de L3DO uníanse tanto os equipos de impresión como os de láser a fin de acadar unha solución a nivel conxunto. Diego Vallejo sinala que, como norma xeral, quen se dedica a facer unha cousa, non fai a outra. Aínda que o principal reto a nivel humano foi a converxencia, a nivel técnico destaca a integración de tecnoloxías nun único sistema: “Nunca o fixéramos, é complicado pola integración e a automatización, ademais da seguridade do láser”. Este problema foi solventado grazas ao traballo dun equipo multidisciplinar.

Impresión, con máis que ofrecer
O beneficio que o proxecto L3DO pode levar ás empresas é a capacidade de creación de pezas de xeito tan rápido como unha impresora 3D, pero empregando materiais con mellores prestacións mecánicas, térmicas e de lixeireza que os sectores poidan empregar e probar baixo condicións reais. “Queremos que as empresas cheguen a máis mercados grazas a unhas pezas fabricadas coa nosa tecnoloxía, máis resistentes, lixeiras e altamente personalizadas”, apunta o coordinador técnico, David Diego Vallejo. Así, Aimen, un centro xa prestixioso no mundo da fabricación aditiva, leva a cabo un novo fito para pór o seu nome no mapa internacional a través de L3DO.














