Unha investigación da USC descobre por primeira vez mercurio nas cerámicas galegas de hai 5.000 anos

Dous estudos científicos revelan que as mostras procedentes do illote de Guidoiro Areoso destacan por presentar os valores máis altos rexistrados na análise

O Neolítico Final foi un período de profundos cambios sociais en toda a Península Ibérica. Con todo, en Galicia existe un importante descoñecemento sobre como vivían e como morrían as persoas que habitaron ese tempo, alén de que pouco a pouco foron decaendo os enterramentos nos dolmens. Agora, unha investigación liderada polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Martínez Cortizas, e que na participa un equipo da USC integrado por Pilar Prieto Martínez, Ainé Francos Golán e Olalla López Costas, da área de Arqueoloxía, acaban de publicar dous traballos científicos que permiten afondar na vida das persoas que facían olaría hai 5.000 anos.

O segredo está na cerámica tipo Penha, característica do oeste peninsular, sendo Galicia a área máis representativa deste tipo de cerámica escura e cunha decoración en forma de raias. A investigación estudou como se facía esta cerámica, combinando o estudo tipolóxico e arqueométrico. Os resultados indican que se cocía a baixa temperatura, pois non superaba os 900 graos, e durante un tempo relativamente curto, inferior a cinco horas.

Publicidade

Cada pobo producía a súa propia cerámica Penha empregando recursos da súa contorna e coa súa propia ‘receita’. “Case como sucede hoxe co cocido, cada área tiña a súa maneira de facela”, explican dende o equipo investigador. “Eran uns cacharros que se producían relativamente rápido e especialmente deseñados para a vida diaria”, sinalan. “Isto fálanos dunhas sociedades avanzadas e autosuficientes”, engaden. Mais o estudo tamén suxire movementos entre pobos e vilas próximas e incluso se comprobou que algunhas cerámicas viaxaron da costa ao interior como intercambios ou souvenirs.

Mercurio na cerámica

O máis sorprendente destes dous estudos é o achado de mercurio como parte da composición da cerámica. De feito, trátase da primeira vez que o mercurio se analiza en cerámica arqueolóxica. Este estudo forma parte do proxecto europeo ERC PollutedPast, que dirixe Olalla López Costas, encamiñado a coñecer o impacto dos metais tóxicos nas sociedades do pasado. Neste caso, observouse que o mercurio formaba parte dos barros cos que se fixeron as cerámicas tipo Penha. “Hai moita variabilidade entre xacementos arqueolóxicos, pero o coñecido illote de Guidoiro Areoso mostra algunhas cerámicas con contidos extraordinarios de mercurio”, apuntan.

Publicidade

Este elemento químico pode ter consecuencias graves para a saúde e era moi difícil de obter, dado que as minas de mercurio están situadas a grandes distancias como Asturias ou Almadén, en Ciudad Real.

As sociedades de hai 5.000 anos do sur e centro peninsular tiñan un especial interese no cinabrio, o sulfuro de mercurio de intensa cor vermella. En Galicia o uso documentado de cinabrio é aínda moi escaso, con presencia documentada só no dolmen de Chan de Armada en Pontevedra. Neste momento queda por resolver se a presenza do mercurio se debe ao uso de barros con alto contido neste elemento, ou se foi engadido á pasta de xeito intencional (uso ritual) ou por unha preferencia polo mercurio das sociedades galegas do Neolítico Final. Este traballo forma parte do proxecto de RODAS para o estudo das sociedades deste período. No futuro engadiranse novos xacementos como as cerámicas da Roda de Corro dos Mouros en Adai, Lugo, onde todos os anos escava este grupo de investigación.

  • Detalle da investigación na Roda de Adai. Imaxe: USC
  • De esquerda a dereita: Antonio Martínez Cortizas, Ainé Francos Golán, Pilar Prieto Martínez e Olalla López Costas. Imaxe: USC

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os segredos que agocha o xacemento de Armea: 15 anos de escavacións e unha nova casa castrexa

A escola de verán cumpre unha década e media cunha intervención que confirma a presenza de restos arqueolóxicos no Alto dos Fornos

Un proxecto galego analiza dous séculos de presenza humana na Antártida a través de obxectos

A investigación está liderada pola arqueóloga María Ximena Senatore e conta cunha Advanced Grant pola que recibirá case dous millóns e medio de euros durante cinco anos

De campamento neandertal a enterramento: os achados das escavacións en Cova Eirós e Monte Penedo

Os traballos, liderados dende a USC, permiten descubrir restos óseos infantís e adultos e amplían os períodos de ocupación humana das cavidades

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación