No corazón de Celanova, rodeado dunha mesta follaxe, agóchase o asentamento castrexo de Castromao. É un vello coñecido da arqueoloxía galega dende os anos 60, cando se fixo a súa primeira escavación. Un dos achados máis salientables daquela campaña foi o descubrimento de varios anacos con grellas perforadas que, no momento, se interpretaron como fornos cerámicos da Idade do Ferro. Tal é o interese destas pezas, que o seu estudo se prolongou durante as décadas seguintes e chega aos nosos días. De feito, acaba de publicarse un estudo na revista Journal of Archaeological Science onde se analizan 10 fragmentos de fornos modulares dos xacementos de Castromao e da Fontela. En contra do que esperaban os investigadores, detectáronse trazas de aceites e outros compostos, todos de orixe vexetal. Isto abre a porta a que os fornos se empregasen para procesar alimentos e non cerámica, como se pensaba ata agora.
“O ácido oleico está presente en moitísimas plantas pero está maioritariamente concentrado en froitos como a noz”, explica o arqueólogo Andrés Teira-Brión, actualmente na Universidade de Oxford cunha axuda Marie Curie. Segundo explica o investigador, de todos os froitos posibles —como a noz, pero tamén a castaña—, os restos vexetais que aparecen de maneira máis frecuente e masiva neste tipo de asentamentos son as landras. De feito, conteñen unha proporción de ácido oleico próxima ás olivas. Dados estes resultados, o equipo considera que a orixe máis probable destes aceites esenciais detectados nos fornos podería ser o procesado de landras.
“Os fornos empregábanse para transformar alimentos vexetais pero descoñecemos o uso concreo”
ANDRÉS TEIRA-BRIÓN, arqueólogo
Estes froitos podían sufrir un amplo abano de transformacións. Entre as que enumera Teira-Brión está o secado previo á súa almacenaxe, para poder consumilos durante todo o ano; tamén, o tostado para eliminar o amargor que producen os taninos —un composto presente nas landras— e facilitar o seu consumo directo; ou mesmo a elaboración de diferentes preparados alimenticios como o xa famoso pan de landras. “Todos estes procesos poden producir a liberación de aceites que impregnaron os fornos de Castromao. Sabemos que se empregaban para a tranformación de alimentos vexetais, pero aínda descoñecemos o seu uso concreto”, recoñece o investigador.
Non se empregaban para cocer cerámica
Do que xa están seguros é de que non se empregaban para cocer cerámica, como inicialmente se pensaba. Segundo os resultados recollidos no estudo, os fragmentos analizados acadaron temperaturas inferiores ás que se necesitaba para a fabricación de cerámica nese período. De todas formas, Teira-Brión cre que o foco non se pode poñer aquí: “O que destaca deste traballo non é desmentir que os fornos de Castromao se utilizasen para cocer cerámica, senón que resalta a importancia das landras como un recurso alimenticio clave para estas comunidades”. A este respecto, o experto vai máis alá dunha interpretación simple, que expoña o importante que era recolectar, transformar e consumir estes froitos. O verdadeiramente salientable a ollos de Teira-Brión é a forma na que estas comunidades castrexas xestionaban a paisaxe para protexer as carballeiras das que se abastecían.
“Destaca a importancia das landras como recurso alimenticio clave para estas comunidades”
ANDRÉS TEIRA-BRIÓN, arqueólogo
Ademais, este estudo é, en certa maneira, pioneiro. É a primeira vez en Europa que se realizan análises de química orgánica neste tipo de fornos. “Non coñecemos outras investigacións con análises de contidos destes obxectos, pero si con vasillas cerámicas”, apunta o coautor do estudo. Os resultados das análises permitiron facer unha interpretación dos posibles usos que tiveron os fornos na Idade de Ferro posto que, ata o de agora, as hipóteses baseábanse en que lles suxería o contexto aos investigadores. Dende logo, as conclusións ás que chegaron neste estudo eran de todo inesperadas. “Quedei sorprendido. Eu pensaba que os fornos poderían ter máis dun uso pero tanto no caso dos fornos de Castromao como nos da Fontela os resultados foron moi consistentes, e non sempre é así”, engade.
Unha investigación de máis de 10 anos
Malia que o estudo é recente, Teira-Brión leva enfrascado nesta investigación más de 10 anos. Arredor do 2010, xunto ao equipo de Josefa Rey, investigadora na Universidade de Santiago (USC), decidiron reconstruír experimentalmente os fornos de Castromao. En palabras de Teira-Brión: “Un dos obxectos máis significativos da Idade do Ferro”. Nun inicio, pensábase que eran a única estrutura coñecida e distintiva para fabricar cerámica. E, por iso, ao longo de todos estes anos, foron experimentando con estes fornos: dende a propia elaboración de pezas cerámicas ata con diferentes maneiras de cociñar. Para iso contaron coa participación do oleiro Tomás López, de Gundivós. “Creamos unhas réplicas para saber se realmente funcionaban como fornos”, apunta o arqueólogo da Universidade de Oxford.
Malia que técnica e formalmente son semellantes aos fornos cerámicos, o seu último estudo demostrou que non se destinaron a esta utilidade. Aínda así, durante o seu longo proceso de experimentación probaron usos de todo tipo. Por exemplo, probaron a facer tres ou catro fornadas de cerámica. Tamén, se serviría para facer pan. “Cociñamos neles tanto peixe como unha parte do malteado da cervexa. Realmente son utilizables en moitos sentidos, de aí que experimentaramos con eles. Iso permitiunos ver os fornos de diversas maneiras. Aínda así, temos cero datos do uso concreto. Outra cousa é a interpretación que nós fagamos deles”, matiza o investigador.
De todas formas, o traballo non remata aquí. O seguinte paso é darlle luz verde a un documental que levan gravando máis de 10 anos sobre o proceso de recreación dos fornos de Castromao. E, por suposto, seguir experimentando. A presenza de ácido oleico, probablemente procedente do procesado de landras, nos fragmentos analizados, dá unha pista de por onde se debe encamiñar a investigación. De feito, nos fornos recreados xa teñen cociñado o clásico pan de landras, así como o mesturado. “O seu uso concreto é difícil de averiguar”, insiste Teira-Brión. Pero os ánimos non cesan e a ciencia tampouco. As ganas de seguir investigando nos fornos de Castromao son comparables ás de 10 anos atrás.
Referencia: Shared technologies for pottery and acorns processing? Multidisciplinary and functional approach to modular kilns (Publicado en Journal of Archaeological Science: Reports)