O potencial infinito da camelia: dende o té ata a produción de novos cosméticos

O catedrático da UVigo Jesús Simal-Gándara defende a ampla marxe de explotación industrial da raíña do inverno floral galego

Camelia en flor no Pazo de Mariñán. Crédito: Turismo de Galicia
Camelia en flor no Pazo de Mariñán. Crédito: Turismo de Galicia

O inverno galego é unha explosión de cor. Pazos e xardíns, tanto públicos como privados, mostran entre decembro e abril a raíña indiscutible da beleza floral: a camelia. Coñecida xa como Flor de Galicia, a súa verdadeira orixe é oriental e non chegaría a nós ata finais do século XVIII. Máis alá da súa función ornamental, a camelia ten unha ampla marxe de explotación industrial. Diversos estudos e investigacións galegas deixan sobrada evidencia científica das súas propiedades farmacéuticas, medicinais e cosméticas. Así o defende un equipo da Universidade de Vigo (UVigo), liderado polo catedrático Jesús Simal-Gándara, nun artigo publicado na revista Food Chemistry. Centran a súa análise na Camellia japonica, a especie máis estendida no país. E aseguran que, de explotarse industrialmente, “o seu aceite podería converterse nun dos produtos máis emblemáticos de Galicia”.

Un aceite anti-avellentamento

Segundo explica Simal-Gándara, o aceite de C. japonica emprégase fundamentalmente no sector cosmético e en Galicia xa existen empresas dedicadas á súa produción. “Están inspiradas nunha tradición milenaria do Xapón, o ritual Saho, antigo ritual de beleza das Geishas”, explica. Nesta cerimonia ancestral, o aceite úsase para limpar, hidratar e nutrir a pel; así como para acondicionar o cabelo. “Tamén ten propiedades anti-avellentamento que axudan a combater as engurras”, engade o investigador da UVigo, ao tempo que recorda que “é ideal” para a aplicación facial pola súa textura lixeira. Polo tanto, o potencial da C. japonica na industria cosmética é irrefutable, pero é preciso deseñar un proceso industrial máis eficiente. A este respecto, Simal-Gándara recoñece que xa hai patentes para aumentar o rendemento de aceite de camelia cun método encimático acuoso. “Ten as vantaxes de ser de baixo consumo enerxético, libre de contaminantes, verde, saudable e sinxelo de manexar”, apunta.

Un exemplar de Camellia japonica. Crédito: Wikimedia Commons

A este respecto, a industria cosmética parece ser a máis avanzada en Galicia, fronte ás propiedades farmacéuticas e medicinais que se lle poden atribuír a esta planta. Porén, a especie máis estendida é a C. japonica que, precisamente, ten un maior potencial para o sector cosmético. Un campo ao que o propio Simal-Gándara se refire como industria de prevención. Seguindo nesta liña, o catedrático da UVigo cre que os “pasos naturais” para seguir avanzando serían o desenvolvemento de sumplementos nutracéuticos como complemento para mellorar a saúde dixestiva e favorecer o sistema inmunitario. “Tamén, continuar co desenvolvemento de alimentos enriquecidos e funcionais, xa sexan tamén produtos en po para ser reconstituídos como batido ou directamente batidos enriquecidos”, expón o autor do estudo.

A dificultade na súa explotación farmacéutica

A camelia tamén ten potencial farmacéutico pero a súa explotación non se pode comparar, nin de lonxe, co avanzada que está a cosmética neste sentido. “O desenvolvemento de fármacos é longo e complexo e necesita pasar por múltiples fases”, aduce Simal-Gándara. Precísase, ademais, que se definan correctamente os efectos secundarios que pode ter para un paciente. Así mesmo, obter os compoñentes cun grao alto de pureza ou ben elaboralos sinteticamente para aforrar custos. “Por todas estas razóns, resulta máis doado desenvolver produtos cosméticos e, en todo caso, elaborar complementos nutracéuticos con propiedades potencialmente beneficiosas”, engade o investigador da UVigo.

“Resulta máis doado desenvolver produtos cosméticos ou, en todo caso, elaborar complementos nutracéuticos”

JESÚS SIMAL-GÁNDARA, catedrático da UVigo

Outro dos puntos fortes do potencial da camelia é a medicina. No estudo asegúrase que o desenvolvemento de extractos das súas flores podería representar novas dianas terapéuticas contra o cancro. “As saponinas das súas sementes demostraron propiedades antitumorais en probas de laboratorio in vivo ou ex vivo con liñas celulares tumorais, pero a partir de aquí a maioría das empresas farmacéuticas poden pasar entre 12 e 15 anos dende que comezan a investigar un principio activo ata que estea dispoñible para os pacientes”, argumenta Simal-Gándara. Ademais da investigación preclínica, habería que realizar estudos in vivo con animais de experimentación e logo pasar á fase clínica en humanos. Finalmente, habería que superar os ensaios de farmacovixilancia. “Por iso, nunha primeira aproximación, a aposta, máis que pola industria farmacéutica, podería ser pola industria de prevención”, conclúe o catedrático da UVigo.

O té verde de camelia, nova marca galega

Esta semana tamén se anunciou o nacemento de Té Areeiro, a marca galega para producir té verde de camelia que lanza a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, vinculada á Deputación de Pontevedra. A súa directora é Carmen Salinero, unha das grandes expertas en camelia. A especie empregada para a elaboración desta bebida, a segunda máis consumida do mundo despois da auga, é a Camellia sinensis. En Areeiro levan traballando nela máis de 20 anos para seleccionar as plantas ata elixir máis dunha ducia. De feito, xa conta cunha área de 500 metros cadrados dedicada ao cultivo de té cun total de 300 plantas.


Referencia: Camellia japonica: A phytochemical perspective and current applications facing its industrial exploitation (Publicado en Food Chemistry: X)

1 comentario

  1. Boas. Xa existe en Vigo un fabricante de cosmética con aceite de camelia galego que se chama acemelia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.