Sabes cal é coñecida como “flor de Galicia”? A camelia, pertencente á familia das teáceas, chegou aos xardíns da aristocracia galega a finais do século XVIII dende China e Xapón. Hoxe, pazos, casas señoriais, fincas e parques vístense coas súas flores, sumando case 8.000 variedades diferentes en todo o territorio. Para lembrar a flor como símbolo, dende Turismo de Galicia impulsan diversas actividades coa camelia como protagonista: dende rutas de tren ata exposicións, como a que se poderá visitar entre o 2 e 4 de abril no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela.
Grazas ao seu clima húmido, temperaturas suaves e solos fértiles e ácidos, Galicia consolidouse como un referente internacional no seu cultivo. Tal é a súa relevancia que a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, depedente da Deputación de Pontevedra, desenvolveu mesmo un té de camelia propio.
Aínda que a diversidade é inmesa, os expertos clasifican as camelias en seis tipos principais segundo a forma. A web de Turismo de Galicia recolle ata 24 variedades de camelia destacadas con imaxes, dende a Camellia sinensis (a planta do té) ata exemplares como a Apple blossom ou a Incarnata, cun abano cromático que vai do branco puro ao rosa máis intenso.
Máis de 200 variedades en exposición
A exposición Camelia, flor de Galicia ten como obxectivo reforzar a proposta turística arredor desta especie en Santiago de Compostela durante a Semana Santa. A mostra será de acceso libre e combinará a tradición botánica da camelia con elementos representativos do traxe galego. No Claustro do Pazo de Fonseca reuniranse máis de 200 variedades desta flor emblemática de Galicia, que poderán contemplarse nunha coidada montaxe escenográfica, complementada con instalacións audiovisuais. Participarán 25 os coleccionistas e entidades para poñer en marcha esta iniciativa, entre as que se atopan asociacións e institucións de referencia.
Ruta da Camelia en tren
Os días 7 e 21 de marzo foron as datas escollidas para que as persoas interesadas en afondar no coñecemento desta flor puidesen participar no Tren turístico da Camelia, que percorreu distintos xardíns de Excelencia Internacional incluídos no Itinerario Europeo de Xardíns Históricos. Un dos destinos foi o Pazo Quinteiro da Cruz, no Salnés, onde florecen máis de 5.000 exemplares de camelias pertencentes a máis de 1.500 variedades, entre elas a Camellia sinensis, da que se pode probar o té despois da visita. Outro dos espazos visitados foi o Pazo de Lourizán, que conta con 54 hectáreas con especies autóctonas e foráneas. A terceira parada foi o Pazo de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), cuxos xardíns, datados no século XVII, albergan máis de 800 variedades de camelia, ademais dunha finca de albariño que tamén se pode degustar ao rematar o percorrido, que comeza e remata en Santiago.
Estes son só algúns dos 19 espazos singulares relacionados coa camelia que se poden atopar en Galicia, entre xardíns e outros recursos asociados.
Catro días, tres itinerarios
Turismo de Galicia ofrece ademais tres itinerarios diferentes para contemplar a camelia no seu máximo esplendor, combinando visitas a paradores, pazos e bodegas. Cada unha destas rutas está deseñada para realizarse en catro días.
En primeiro lugar, Camelias durmindo en… paradores propón un percorrido dende Santiago ata Cambados, pasando por distintos pazos onde se poden observar numerosas variedades desta flor. Entre as paradas destacan o Hostal dos Reis Católicos e o Parador do Pazo de Bazán.
No itinerario centrado dos pazos,a ruta comeza en Padrón, continúa cara a Santiago e percorre algúns dos pazos máis emblemáticos de Pontevedra e Soutomaior. Ademais de gozar dos xardíns, os visitantes poden coñecer a súa historia e gastronomía. Nestes lugares conviven especies en estanques, fontes e fervenzas, cun deseño que combina as composicións xeométricas de inspiración francesa con trazos da xardinaría inglesa. Exemplos destacados son o Pazo de Lestrove, o Pazo de Oca ou o Castelo de Soutomaior.
Por último, o itinerario Camelias e bodegas une o mundo da camelia co da viticultura, outro dos grandes atractivos de Galicia. Esta ruta permite visitar xardíns palaciegos e señoriais, así como percorrer viñedos e bodegas con Denominación de Orixe, como o Museo Etnográfico do Viño, o Pazo de Rubiáns ou as Bodegas do Palacio de Fefiñáns. En definitiva, trátanse de diferentes formas de descubrir a camelia como un dos símbolos máis representativos de Galicia.
















