Flores de camelia da variedade Inspiration.

A camelia, de pazo en xardín e de flor en flor

Galicia atesoura un atractivo mundial con este arbusto e a súa icónica flor, pola que recibe visitantes internacionais

Calquera que visite Galicia entre decembro e abril podería pensar que a camelia é unha especie autóctona, pois a pouco que se fixe verá estas coloridas flores por todas partes. Non hai rúa, parque ou xardín que non sexa adornado por algún destes arbustos frondosos de follas verdes e brillantes. De orixe oriental, a camelia chegou a Galicia arredor do século XVII, seguramente da man de navegantes portugueses a través dos grandes roteiros de navegación que conectaban Galicia e Portugal con Oriente. Non foi, porén, ata o século XIX cando comezou a popularizarse nos xardíns galegos, como así deixan constancia algúns escritos de Manuel Colmeiro ou de Emilia Pardo Bazán onde a nomean.

A finais do XIX crease a “Escuela Práctica de Agricultura de la provincia de Pontevedra”, situada en A Caeira (Poio), e aínda que a duración da mesma foi efémera, si foi o lugar a partir do que a camelia se difundiu por xardíns, pazos e casas solariegas de toda Galicia. As condicións do clima e do solo eran consideradas excelentes para o seu cultivo e crecemento, e diso dan boa conta, en número e antigüidade, algunhas das numerosas especies que medran dende entón nalgúns xardíns e pazos galegos. O pazo de Oca conta cun exemplar de Camellia reticulata considerado unha das plantas desta especie máis antigas de Europa. E mesmo no parque de Castrelos de Vigo, crese que traído de Portugal arredor do 1860, medra un exemplar de Camellia japonica coñecido coma o Matusalén das camelias. Preto de Vigo, no Castelo de Soutomaior, podemos atopar tamén o exemplar de maior perímetro de tronco de Galicia, cun diámetro de copa de 15 metros. Cifras de récord para unha planta que xa é considerada propia.

Pazo de Mariñán. Foto: Turgalicia.

O despregue de camelias por Galicia é sen dúbida un fenómeno insólito en España, recoñecido alén das nosas fronteiras, como así o constatan as cifras de visitantes internacionais, amantes desta flor, que veñen a Galicia cada ano exclusivamente a observala en plena floración.

Deste fenómeno turístico, que data duns quince anos a esta parte, é impulsora, en parte, Carmen Salinero.

Carmen é Doutora en Bioloxía, presidenta da Sociedade Española da Camelia e directora da Estación Fitopatoloxía de Areeiro (Pontevedra). É unha experta en camelias, ás que leva estudando dende hai varias décadas. Estivemos con ela precisamente na semana na que tiña que estar en Goto (Xapón) asistindo ao Congreso Internacional da Camelia, máis por mor da epidemia de coronavirus o evento quedou cancelado. A camelia nas illas de Goto é un verdadeiro símbolo cultural.

Carmen Salinero explica que a camelia, como especie, é un tesouro para Galicia, que vai máis alá do uso estético e ornamental da súa flor: “Comecei a investigar a camelia na década dos 80 porque ofrecía moitas posibilidades e, por aquel entón, aínda que todo mundo coñecía a camelia, case ninguén a valoraba”.

Para poñernos en contexto sobre as súas potencialidades, Carmen explica que a camelia, aínda que en Galicia a vexamos coma unha árbore de certo tamaño, en realidade é un arbusto, é perenne, e ten un de desenvolvemento lento. Son as condicións climáticas e edáficas desta terra as que fan que medren especialmente grandes, máis que en ningún outro lugar do mundo, nin sequera na China ou no Xapón, de onde a especie é orixinaria.

A Camelia sinensis, da que se obtén o té.

Salinero resalta que aínda que “esta especie está vinculada fundamentalmente a un uso ornamental, ofrece moitísimas posibilidades para o agro galego, como a produción de té, aceite ou madeira”.

O certo é que pouca xente coñece que o té que habitualmente bebemos se saca das follas dunha variedade de camelia moi cotizada, a Camellia sinensis. Na Estación Fitopatolóxica de Areeiro elaboran té propio a partir de especies cultivadas nos seus xardíns, e ofrecen, ademais, información didáctica sobre como elaboralo na casa.

Outro dos usos da camelia, probablemente descoñecido, é o vinculado a aspectos forestais, pois posúe unha madeira moi resistente ao lume. A súa plantación está indicada como medida de protección contra incendios preto de núcleos de poboación, e presenta potencialidades como material de construción, precisamente polo seu carácter ignífugo.

Igualmente descoñecida resulta a produción de aceite a partir das súas sementes; está estudado que achega propiedades excelentes tanto para uso cosmético como alimentario, debido á súa elevada cantidade de antioxidantes. En países como o Xapón e a China existe unha industria xa consolidada arredor de todos estes produtos.

En Galicia a súa proxección como produto turístico, ao converterse na Flor de Galicia, é un feito indiscutible que atrae cada ano a máis visitantes internacionais. Comenta Carmen Salinero, que “Galicia foi o primeiro lugar de Europa no a que partir da camelia se organizou un roteiro: a Ruta da Camelia”.

O xénero Camellia agrupa a máis de 250 especies en todo o mundo, aínda que as máis coñecidas en xardinería son: Camellia japonica, Camellia reticulata, Camellia sinensis e Camellia sasanqua. Esta última, de flores olorosas, é moi apreciada na China para aromatizar o té que se produce a partir das follas da especie C. sinensis.

A variedade Tulip Time.

Mesturando as distintas especies obtéñense novas variedades que, segundo o método empregado para a súa obtención, son denominados de diferentes xeitos: híbridos, variegacións e sports. Porén, é a Camellia japonica a especie ornamental máis popular en Europa e a que deu lugar á maioría das variedades de xardín que coñecemos actualmente.

No mundo están rexistradas, aproximadamente, unhas 60.000 variedades de camelia. Galicia atesoura unhas 8.000 distintas,  das cales 60 foron obtidas aquí. Todas elas poden visitarse nos pazos, xardíns e alamedas que forman parte da chamada Ruta da Camelia e que agrupa na actualidade a doce xardíns, catro deles catalogados pola Sociedade Internacional da Camelia como Xardíns de Excelencia Internacional: o Castelo de Soutomaior e os Pazos de Rubianes, Saleta e Quinteiro da Cruz.

Resaltar que o Castelo de Soutomaior foi o primeiro en España, e o sétimo en Europa, en acadar esta distinción, e que xunto ao Pazo de Mariñán, no Concello de Bergondo, planean en 2020 converterse tamén en Destinos de Turismo Científico certificados polo selo Observer®.

A mellor data para visitar estas sorprendentes e insólitas marabillas galegas é agora, en pleno inverno, de decembro a abril, cando a camelia está en plena flor.

Ligazóns:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.