Publicidade

“Non queremos ser vectores de transmisión da enfermidade”

Colectivos de enfermeiras reclaman unha mellor organización das quendas para reducir o risco de contaxio en persoas sas

Despois do incremento de ingresos por coronavirus en Galicia nos últimos días, achéganse, segundo coinciden en sinalar as autoridades sanitarias autonómicas e estatais, días realmente complicados para atallar a enfermidade. Con arredor dunha vintena de afectados pola doenza na UCI nos hospitais galegos, 137 en unidades de hospitalización, e algunhas plantas dedicadas case en exclusiva a pacientes de Covid-19, o persoal sanitario traballa arreo para tratar as persoas que requiren maiores coidados. Porén, a pesar da complexidade da crise, algúns colectivos piden á Consellería de Sanidade e á Xunta de Galicia que se garanta a seguridade de profesionais e pacientes ante a “contratación irresponsable” nalgúns departamentos.

Desde Enfermeiras Eventuais en Loita, movemento que desde hai máis dun ano vén denunciando as condicións laborais precarias no sistema de saúde de Galicia, reclámase unha mellor xestión na distribución do persoal. “Sabemos que non é momento de alarmar, senón de arrimar o ombreiro e axudar, e iso estamos facendo, pero é que se están dando situacións que temos que facer visibles. Por exemplo, esta fin de semana hai compañeiras que atenderán a afectados por Covid-19 e que a semana que vén terán que estar atendendo en centros de saúde e outros lugares en contacto con grupos de risco“, expón Catuxa, unha das voceiras do colectivo. “Sabemos que é complexo, porque estamos en momentos de moita presión, pero hai que intentar previr estas situacións na medida do posible, sen que o persoal estea cambiando de lugar de traballo cada dous ou tres días”.

Publicidade

Galicia achégase aos 600 casos de Covid-19 e soben a nove os falecementos

Do mesmo xeito, lamentan a disparidade de criterios nos protocolos para o uso dos equipos de protección entre áreas sanitarias. “Precisamos material para garantir que estamos protexidas durante as quendas, pero estamos vendo que os criterios cambian cada día. Sentimos que estamos demasiado expostas, porque estamos reutilizando máscaras e demais elementos que antes había que desbotar despois dun só uso”.

En relación a isto, Catuxa apunta tamén cara ao previsible aumento de afectados pola enfermidade nos vindeiros días, tamén entre o persoal sanitario. “Non temos cifras concretas, pero sabemos que hai compañeiras e compañeiros afectados. Ata agora fixéronsenos poucas probas, e agora comezarán a facerse máis, polo que é lóxico que as cifras aumenten. Non estamos falando só de contaxios novos, senón de que tamén se detecten os que xa había. Nos días pasados, a forma de proceder era de que o persoal estaba atendendo a casos positivos, seguen vindo a traballar e só se manifesta síntomas se lle comezaban a facer probas”.

“A curva de contaxios só a pode parar a xente”

Á espera de que se achegue o pico da pandemia, o colectivo quere incidir na responsabilidade da sociedade. “Isto pasarémolo, pero estamos a tempo de evitar un problema maior, e a curva de contaxios só a pode parar a xente. Só podemos pedir que, por favor, queden na casa. Non é momento de ir polo pan todos os días e aproveitar para dar un paseo de dous quilómetros; é momento de quedar na casa todo o que se poida”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Madrid, Portugal e EEUU: esta é a procedencia das distintas variantes da covid en Galicia

O grupo de Filoxenómica do CINBIO, pertencente ao consorcio EPICOVIGAL, amosa nun artigo científico a orixe e introdución de alfa, delta e ómicron na comunidade galega

Gripe aviaria, mpox, chikungunya… Cal será a próxima pandemia?

O epidemiológo Juan Gestal analiza as posibles ameazas para a saúde pública cinco anos despois do estoupido da covid

A revolución das vacinas contra a covid, o antes e o despois da ciencia

A tecnoloxía do ARN mensaxeiro permitiu crear fármacos para combater o SARS-CoV-2 en tempo récord e impulsou as inmunizacións masivas

Cinco anos do primeiro caso de covid en Galicia: o día que comezaron a cambiar as nosas vidas

O 4 de marzo de 2020 rexistrouse o 'paciente cero', un home que visitou A Coruña procedente de Madrid para facer unha entrevista de traballo