O té pode parecer algo sinxelo: auga quente e follas dunha planta. Pero a ciencia tamén pode intervir. Na Estación Fitopatolóxica Areeiro, pioneiros no cultivo de té en España, conta cunha plantación de Camellia sinensis, coñecida como planta do té, froito da investigación realizada durante máis de 20 anos con xenotipos altamente produtivos e adaptados ás condicións edafoclimáticas de Pontevedra. Esta liña de investigación desenvolveuse polo esforzo de Carmen Salinero e Pilar Vela, e todos os traballadores do centro. Pero tamén conseguiron producir té que non medra en plantacións: nace dentro dun matraz, a partir de cultivos celulares vexetais. O resultado? Unha infusión con propiedades pouco habituais: naturalmente descafeinada e rica en L-teanina, un aminoácido asociado a efectos relaxantes.
Este té in vitro é o resultado da liña de investigación xurdida da tese doutoral de Pilar Esteban Campos, investigadora do centro dependente da Deputación de Pontevedra, dirixida por Efrén Pérez Santín e Pedro Masilla Vázquez. “En Areeiro levan máis de 40 anos estudando o xénero Camellia, pero tamén contamos cunha plantación experimental de Camellia sinensis“, explica Esteban. A investigación pertence ao campo emerxente da agricultura celular vexetal, similar á carne in vitro, pero aplicada ás plantas.
Con todo, a diferenza co té tradicional percíbese a simple vista. O cultivo baséase en células illadas que se compactan en pequenos gránulos, polo que o resultado final presenta unha masa granulosa. “Podería ser polvo de té, como ocorre co famoso matcha, ou introducirse nunha bolsa de infusión”, explica a investigadora. Pero a nivel metabólico tamén cambian: o cultivo in vitro de células de té en ambientes controlados pode xerar diferentes concentracións de metabolitos, compostos orgánicos resultantes das reaccións biolóxicas celulares. A súa presenza pode variar en función de factores como a luz, os nutrientes ou a temperatura aplicada no laboratorio.
Como cultivar camelia in vitro?
O punto de partida para transformar unha célula especializada nunha célula nai totipotente é o material vexetal recollido directamente do campo, como follas, gomos ou sementes. O primeiro paso é a desinfección para eliminar os patóxenos, dende fungos ata bacterias, e poder introducir a mostra no laboratorio en condicións asépticas.
Unha vez limpa, a mostra sémbrase nun medio de cultivo semisólido, un xel con nutrientes. Así, empregan reguladores de crecemento, como as auxinas e citoquininas: “Ao combinar as dúas substancias, conseguimos que as células diferenciadas da folla esquezan que son folla e se desdiferencien“, explica Pilar Esteban. O resultado é un callo: unha masa de células indeferenciadas e totipotentes, capaces de rexenerar calquera órgano ou mesmo a planta completa, que se dividen continuamente. Ese callo transfírese a un medio líquido de cultivo en axitación orbital, que permite que as células reciban osíxeno e nutrientes por igual. “Mediante subcultivos buscamos obter unha liña celular homoxénea e estable, cunha proliferación moi rápida”, sinala a investigadora.
Con todo, o proceso é lento: poden pasar entre tres e catro semanas ata observar resultados, mentres que en bacterias ou fungos pode completarse en 24 horas. Ao multiplicarse tan rápido in vitro, existe o risco de que o cultivo sexa inestable xeneticamente. “Activamos as rutas metabólicas que nos interesan, como a produción de antioxidantes”, subliña.
A importancia dos nutracéuticos
Na actualidade, os nutracéuticos, compostos presentes nos alimentos que achegan beneficios adicionais para a saúde, espertan cada vez máis interese. O té, segundo Esteban Campos, contén compostos antioxidantes e anticanceríxenos, entre os que destacan os flavonoides e, dentro deste grupo, as catequinas, asociados tamén á prevención de determinadas enfermidades neurodexenerativas.
A investigadora tamén menciona a existencia de estudos in vivo que comparan os efectos de antidiabéticos comerciais coas catequinas do té. Os resultados apuntan a que unha inxestión controlada desta bebida podería contribuír a regular os niveis de azucre de xeito natural. “Entre o 10 e 30% do peso seco do té son antioxidantes, unha proporción moito maior que a presente en froitas e verduras”, explica a investigadora da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.
Porén, no cultivo tradicional en campo existen numerosos factores que condicionan a composición destes compostos. A luz, a temperatura ou a presenza de insectos poden facer variar a súa concentración segundo o mes ou a hora da colleita. “Son variables que no laboratorio in vitro poden controlarse“, sinala.

Descafeinado e relaxante
Segundo explica Pilar Esteban, existen diferentes parámetros para xulgar a calidade do té. Un é a cafeína, aínda que esta versiónin vitro carece da mesma: “A planta do té contén cafeína, menos que o café; o noso non ten cafeína“, explica. Se se quere descafeinar o té tradicional, débese sacar a cafeína da folla.
Ademais dos antioxidantes, tamén ten contido en L-teanina, do que se están a comprobar os seus efectos relaxantes e promotores da concentración. Ademais, en modelos in vitro estanse a estudar os seus efectos na prevención de enfermidades neurodexenerativas. “A nosa infusión tiña poucos antioxidantes comparados coa planta de campo, pero niveis de teanina equiparables a outros tés verdes comerciais de Xapón ou China”, subliña.
Compostos antioxidantes: a epicatequina
O té inclúe catequinas, un tipo de flavonoide que presenta oito monómeros principais. Todos comparten esqueleto químico case idéntico, pero diferéncianse por completo na súa forma de actuar sobre o corpo, tanto na súa labor antioxidante como nos mecanismos de acción.
Nas plantacións tradicionais o metabolito estrela é a Epigalocatequina galato (EGCG), a máis abundante. Con todo, ao cultivar células en laboratorio pode haber concentracións comparables á suma das oito catequinas. “A EGCG, maioritaria no campo, é case inexistente ou sempre cero”, sinala Pilar Esteban. Por iso, no laboratorio o perfil cambia e a Epicatequina convértese na molécula dominante, menos hepatotóxica e capaz de quelar metais.
Unha oportunidade no mercado
A produción de té in vitro é unha oportunidade no mercado, segundo explica Esteban Campos. Isto débese a que o proceso de descafeinización pode ter un prezo elevado, e o cultivo celular vexetal pode ser unha alternativa segura para, ademais, estimular a presenza de teanina e antioxidantes. Mais a lexislación aínda non está profundamente aberta a esta área, con menos dunha década de traxectoria. Pilar Esteban lembra dous casos pioneiros: a produción de chocolate in vitro en California e café en Finlandia. “Todo está comezando; aínda non se comercializou nada, a carne in vitro leva anos de vantaxe”, sinala neste novo marco do que chaman “novos alimentos”.
A pesar de que o lanzamento ao mercado é unha das opcións, Pilar Esteban indica que esta liña da EFAreeiro precisa máis experimentación: “Non descartamos caracterizar novas liñas celulares, afondando na teanina, un aminoácido moi exclusivo do xénero Camellia“, sinala. As novas probas pasarán por intentar incrementar os niveis de teanina e mellorar o aspecto granuloso da infusión. Por último, e máis importante, falta estudar a seguridade do produto, por se existise a presenza de compostos que puidesen ser tóxicos. Pero si, que o té de camelia in vitro ten un espazo no mercado está claro, seguindo os pasos do xa coñecido té matcha.
Referencia: Evaluation of the production of cellular green tea in comparison with traditional commercial teas (Publicado en Food Bioscience)












