Dunha camelia ao Loureiro dos Poetas: estas son as sete novas árbores senlleiras de Galicia

O catálogo deixa fóra a faia do pazo de Castrelos, o carballo do pazo de Vilardefrancos e o cocoteiro de Chile do pazo de Meirás

O érbedo de Cabeiro, o plataneiro de sombra do pazo de San Isidro, o Loureiro dos Poetas da Casa de Rosalía… Hoxe publicouse a actualización do Catálogo galego de árbores senlleiras. Unha listaxe que inclúe exemplares de árbores e plantas que, segundo as valoracións da Xunta, merecen unha maior protección.

A familia Murguía Castro, ao carón do loureiro. Imaxe: Fundación Rosalía de Castro

Dous dos máis destacados son os exemplares localizados na Casa-Museo de Rosalía de Castro. Unha camelia (Camellia reticulata Lindl x Camellia japonica) e o coñecido como Loureiro dos Poetas (Laurus nobilis). Este é unha das árbores máis salientables do Xardín de Rosalía e foi coetáneo coa estancia da escritora en Padrón. Ambos foron incorporados á lista pola súa significación histórica e cultural.

Publicidade

No caso do concello de Pontevedra, inclúese no Catálogo unha formación de tres exemplares de azaroleiras (Crataegus azarolus) da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, en Lourizán. Destacan polo seu porte, dendometría, idade e rareza, así como pola súa significación cultural, educativa e estética.

Dúas mortes e unha expulsión

A maiores, inclúese no Catálogo galego de árbores senlleiras un érbedo, localizado en San Xoán de Cabeiro, no Concello de Redondela, que é un exemplar de Arbutus unedo L que salienta pola súa dendrometría, idade e porte. O mesmo motivo para o plataneiro de sombra (Platanus hispanica Mill. ex Münchh), que se localiza no Pazo de San Isidro, no Concello de Mondoñedo e que mide máis de 35 metros e que puido ser plantado entre 200 e 300 anos atrás.

Publicidade

Fóra quedan o carballo do pazo de Vilardefrancos e o cocoteiro de Chile do pazo de Meirás tras as súas mortes. Tamén a faia do pazo de Castrelos, por considerar que perdeu os valores que motivaron a súa inclusión.

Ata 204 exemplares

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta pública e en constante actualización. Poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza. Neste, son susceptibles de incluírse todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético ou paisaxístico.

Na actualidade, o Catálogo galego de árbores senlleiras suma xa un total de 204 elementos (156 exemplares e 48 formacións arbóreas) pertencentes a 84 especies diferentes. 57 exemplares están na provincia da Coruña, 43 en Lugo, 28 en Ourense e 76 en Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía